“A
Biblioteca Nodal Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avenida de Xoán XXIII) inaugura a exposición Os vellos non deben de namorarse, 1961-2011. Cincuenta anos na memoria, unha mostra que conmemora o 50 aniversario da primeira representación en Galicia da obra Os vellos non deben de namorarse de Castelao, o 25 de xullo de 1961 na compostelá Praza da Quintana. No ano 1961 o grupo de teatro de Cantigas e Agarimos, dirixido por don Rodolfo López-Veiga, puxo en escena por primeira en Galicia a obra de Castelao, Os vellos non deben de namorarse. Pasados cincuenta anos daquel acto senlleiro da cultura galega, a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, en colaboración coa Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, quere renderlle unha homenaxe a todos aqueles e aquelas que fixeron posible que, aquela noite do 24 de xullo de 1961, a Praza da Quintana estivese abarrotada, no que -no dicir de moitos dos intelectuais galegos da época- foi un dos máis senlleiros acto de manifestación galeguista do tempo. Dende a xunta directiva da Asociación Cantigas e Agarimos destacan que “Todos e todas os que hoxe formamos parte de Cantigas e Agarimos temos claro que é de galegos de ben o ser agradecidos, ou -como di Manolo Rivas– que no noso país, danse as grazas.” Amais desta exposición sobre a primeira representación en Galicia de Os vellos non deben de namorarse entre o 10 e o 30 de abril, haberá un acto de agradecemento, o venres 13 de abril, ás 20:00 horas. A exposición pódese visitar durante o horario de apertura da biblioteca e acompañará á exposición unha mostra bibliográfica elaborada pola biblioteca con fondos da mesma, titulada Castelao dramaturgo: Os vellos non deben de namorarse.” Vía Fervenzas Literarias.
Arquivos da etiqueta: Castelao
Rianxo: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas
O
sábado
28 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase a biografía de María do Carme Kruckenberg Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas, publicada en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participarán, xunto á autora, Francisco Castro e Milagros Torrado. A seguir, terá lugar un recital poético no que participarán Esther F. Carrodeguas, Milagros Torrado e María Xesús Blanco, cunha intervención plástica do pintor Salvador Fernández Laíño. No mesmo emprazamento, ás 20:00 horas, terá lugar unha conferencia de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao á luz de Paz Andrade.
Rianxo: presentación de In vino veritas, de Francisco Castro
O
venres 28 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, e no que participan, acompañando ao autor, María Xesús Blanco López e Antón Riveiro Coello, presentarase a exposición de Che Tembra Castelao: 125 aniversario. Ao inicio e ao final do acto Iago Hermo Martínez interpretará varias pezas musicais ao piano.
Publicado Castelao e os bascos, versión galega do libro de Iñaki Anasagasti
Editado
pola Fundación Moncho Reboiras para o estudo da cuestión social e sindical en Galiza (Fesga), con tradución para o galego e notas de Xurxo Martínez Crespo, xa está dispoñíbel on-line o libro Castelao e os bascos, que Iñaki Anasagasti publicara no 1985, que pode ser descargado libremente aquí.
“Castelao e os bascos na súa versión española fora un bestseller en 1985, publicada pola editorial bilbaina Ekin coas súas 607 páxinas, e só ficaban exemplares soltos nalgunhas mans particulares. O traballo de Iñaki Anasagasti chantara un fito senlleiro naquelas datas, pois expoñía, de xeito ameno e divulgador, unhas relacións pouco recoñecidas entre Castelao e os nacionalistas vascos, enxertadas dentro do movimento Galeuzca.” (Do prólogo de Xosé Estévez).
Editado en francés Un ollo de vidro, de Castelao
“Estes
días chega ás librerías do mundo francófono, editado en Les Fondeurs de Briques, o libro de Castelao, orixinal de 1922, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete en tradución directamente do galego de Vincent Ozanam: Un oeil de verre. (…) O libro chega ás librerías de Francia coas ilustracións do propio Castelao e que nós tamén publicamos na nosa edición. Máis unha vez, a nosa literatura florece noutras linguas. Unha boa nova para encetar o outono literario.” Vía Galaxia.
Pico Sacro: lectura pública do Alba de Gloria de Castelao, o sábado 23 de xullo
“Diante
da desfeita cultural que sufrimos, da que o roubo do Códice Calixtino non é máis que o colmo do abandono e desprezo que padece o noso patrimonio e os bens materiais e inmateriais que forxaron a nosa conciencia colectiva, a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura vai celebrar o vindeiro sábado 23 de xullo, ás 12:00 horas, unha lectura pública do Alba de Gloria de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico do que soubemos das súas lendas e misterios grazas a obra medieval agora desaparecida. Rememorando á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de gloria, discurso de celebración do día da patria galega. No 125 aniversario deste autor que é infravalorado e esquecido por unhas institucións que deberan celebralo, as asociacións culturais galegas queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.”
A obra de Castelao será declarada Ben de Interese Cultural (BIC)
“A decisión de declarar BIC a obra de Castelao foi aprobada pola Consellería de Cultura e Turismo o pasado 28 de xuño a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e, o procedemento, será comunicado ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva como ben de interese cultural inmaterial. Nos próximos días a decisión será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, a continuación, abrirase un período de información pública durante un mes co obxectivo de que os interesados poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.
Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, insistiu na tardanza, pero aceptou que, finalmente, se dera o paso: “Cando unha cousa está mal feita é agradable o día no que se fai algo ao xeito. Realmente, é do pouco bo que fai a Xunta” (…) Vía Xornal de Galicia.
A Coruña: acto de homenaxe a Castelao de Galiza Cultura
O sábado 5 de febreiro, a partir das 12:00 h., no Kiosco Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez) da Coruña, terá lugar o acto de homenaxe a Castelao, no 125 aniversario do seu nacemento, que forma parte das celebracións organizadas pola Federación de Asociacións Culturais de Galiza, Galiza Cultura, que, desde o 30 de xaneiro, está a se desenvolver polas principais vilas e cidades do país. Na Coruña, constará das seguintes intervencións:
– Colocación da lona conmemorativa do 125 aniversario do nacemento de Castelao.
– Intervencion de María Xosé Bravo, concelleira de Cultura da Coruña.
– Intervención, no nome de Galiza Cultura, de Roberto Catoira, presidente da entidade promotora da homenaxe na cidade, a A. C. Alexandre Bóveda.
– Lectura de textos de Castelao referidos á lingua galega a cargo de Xoán Carlos Mexuto.
Homenaxes a Castelao no 125 aniversario do seu nacemento
O
domingo 30 de xaneiro conmemórase o 125 aniversario do nacemento de Castelao. Con tal motivo a Federación de Asociacións Culturais de Galiza, Galiza Cultura, organiza en colaboración coas entidades federadas, unha serie de homenaxes co obxectivo de facer visíbel esta grande figura, exemplo de compromiso co noso país:
– O domingo 30 de xaneiro, na Praza do Toural de Santiago, a partir das 13:30 h., desprégase a faixa conmemorativa desde o balcón do Pazo de Bendaña, con leitura de textos de Castelao e a actuación do cantor compostelano Pepe Constenla. O acto está organizado pola A. C. O Galo, coa colaboración da Concellaría de Cultura de Santiago.
– Ese mesmo día, na Praza do Conde de Fontao de Foz, a partir das 13:00 h., haberá unha leitura de textos do autor rianxeiro e a actuación do grupo A Subela.
– Mentres, ás 17:00 h., na Praza do Concello da Estrada, producirase o despregamento da faixa conmemorativa e leitura pública de textos de Castelao.
Esta nova aparece recollida tamén en Galicia Hoxe. Crónica posterior na mesma Galicia Hoxe.
Galiza Cultura homenaxeará en varias cidades a Castelao
(Xornal)