Arquivos da etiqueta: Chus Pato
Padrón, Compostela e Pontevedra: Rosalía en Camiño. Diálogos literarios multilingües 2022, o 30 de xuño e 1 e 2 de xullo
O programa completo pode consultarse aquí.
Casa de Rosalía, Padrón: Homenaxe nacional a Darío Xohán Cabana. Semente de mencer, o 4 de xuño
“O rexurdimento de Anxo Angueira”
Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“Ás veces a Historia escríbese así. Un dos nosos emigra, faise rico, e ao volver, escolle como emblema do diñeiro unha planta exótica que lle lembra ao mundo a orixe da fortuna: unha palmeira. Ás veces a Historia quere que esa palmeira –palmeira chafariz– acabe transformada en símbolo da aldea. Anos despois, un escaravello, o chamado bicudo, acaba con ela. Un escaravello vido do leste –de onde veu o Mao Zedong / a pólvora e as magnolias– remata con aquel brasón exótico e de novo hai que reescribilo todo, resituarse no complexo mundo das identidades, mirar desde o lado do bicudo e desde o da palmeira.
A morte da palmeira de Manselle, a súa aldea, impulsou a Anxo Angueira a volver á poesía. Ou como matiza, en conversa con Nós Diario, “á publicación, porque un nunca deixa de ser poeta”. Palmeiras, piueiros é o volume que nos trae de novo os versos de Angueira despois dun silencio poético de quince anos -desde aquela visión de Vigo que foi Fóra do sagrado, en 2007-. Un libro que fala, di Angueira, “da morte, da desaparición, e tamén do rexurdimento, da forza contraria á extinción. A morte da palmeira abaneoume de tal maneira que empecei a xuntar moitos cabos e a tecer este libro con materiais que teñen que ver coa terra, como a palmeira, e co mar, como o piueiro”.
O piueiro -o pandullo da volanta- é esa palabra que non aparece nos dicionarios e que unha asociación da Guarda recuperou. “Coa axuda deses mariñeiros da Guarda recuperei esa palabra –tan enxebre que a ignoramos– que constitúe un símbolo da súa cultura; igual que recuperaron un tipo de embarcación –o volanteiro– desaparecida hai cen anos. Un exemplo extraordinario non só para a cultura naval, senón para toda a cultura galega contemporánea”.
Os poemas de Angueira teñen ese don: nomean, recuperan palabras –e polo tanto, realidades–, que pasan a engrosar as filas da resistencia. “O encontro feliz e revolucionario entre as cousas e as palabras”, di Chus Pato nas achegas das Contornas que pechan o volume. Esa, talvez, é a máis alta finalidade do poeta. “Efectivamente”, concorda Angueira, “así contribúe o poeta a ese esforzo colectivo de rescatar do desacordo, de desenterrar o que temos esquecido, e de sentirnos orgullosos do que somos para manter viva a esperanza”.
E claro, o bicudo que rematou coa palmeira ten o seu correlato noutros bicudos. “O da alienación, o do control, o que nos mantén incapacitados para ter claras as coordenadas en que vivimos e para organizarnos e intentar mudas o estado das cousas”. Sodes mentres non sexan / a fouce e o martelo / a independencia. (…)”
Vigo: Chus Pato dialoga con Oriana Méndez arredor de Interna
Lugo: As Lupercais Poéticas, o 5 de febreiro
A Coruña: Simposio Xela Arias
Vigo: Vozes de mulheres nas literaturas em língua galega e portuguesa
Compostela: Festival Alguén que respira! 2021
Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 22 de xullo
A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.
Este é o programa para o 22 de xullo:
Tarde 18:30
Abracadáver, de AsSircópatas
Duración: 45 minutos
Idade recomendada para todos os públicos
Volve Rogelio, cun espectáculo desde a súa casa. Unha cura colectiva para perder o medo. Unha terapia de choque. Cos números de circo máis terroríficos que xamais se viron e que nos porán os pelos de punta. Malabares, faquirismo, acordeón, equilibrios e moitas sorpresas máis non aptas para cardíacos.
Tardiña 21:00
Vigo-Xinzo-Lalín-extravío
Chus Pato, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón e Leo Arremecághona
Cómpre transitar o verso como unha estrada do mar, unha pista forestal, a segunda vía. Apartarse do camiño na procura da promesa, coma situacionistas de Debord. Chus Pato, unha das voces fundamentais e de máis percorrido internacional da poesía galega contemporánea, a poética críptica e exploratoria de Oriana Méndez e o ensamble de versos con ecos do Delta de Matamá: a reivindicación do rural coa poesía lúcida de Xabier Xil Xardón e a transgresión rebelde do Leo Arremecághona. Extravío para respirar.”