Festival de Poesía Guitirica 2021

Pablo Bouza Suárez, gañador do V Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía

Desde o Concello de Guitiriz:
“Na tarde do 22 de febreiro tivo lugar en sesión telemática, a instancias do Concello de Guitiriz, a xuntanza do xurado que decidiu o V Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía que, logo da pertinente deliberación, decidiu conceder o galardón, por unanimidade, ao volume presentado baixo o título Coma o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Pablo Bouza Suárez.
No poemario gañador o xurado composto por Ánxela Gracián (como vogal), Miguel Anxo Fernán-Vello (en calidade de presidente), Armando Requeixo (vogal) e Marisol Morandeira (secretaria, con voz e sen voto) estimou a diáfana construción poemática dun conxunto que se eleva desde a transparencia da voz, a forza das imaxes e a sonoridade da arquitectura dos períodos e das estrofas. Tamén si, salientou a habelencia á hora de incorporar ao discurso propio referentes da mellor tradición universal, desde Valente ata Carver pasando por Wilde ou Schopenhauer.
O xurado quixo salientar, así mesmo, a calidade dos traballos presentados a concurso, que evidencian o estado de magnífica saúde da nosa poesía e a simpatía coa que, desde as primeiras convocatorias, está a ser acollido o premio que leva o nome do máis célebre poeta de Guitiriz e un dos seus mellores embaixadores.
O gañador recibirá como dotación económica un premio de 2.000 euros e verá publicado o seu poemario pola Editorial Espiral Maior.”

Xosé Luís Mosquera gaña o IV Premio Xosé María Díaz Castro con A traxedia da arquitectura

Desde El Progreso:
“O xurado do certame convocado polo Concello de Guitiriz deu a coñecer o seu ditame na presentación da publicación da obra distinguida na terceira edición, Oracións Profanas, de Xurxo Alonso.
O poemario A traxedia da arquitectura, presentado baixo o lema Ada Murati e do que é autor o escritor Xosé Luís Mosquera Camba, foi elixido de xeito unánime, entre ao redor de 40 orixinais, como gañador do IV Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía.
O xurado, formado pr Miguel Anxo Fernán-Vello, Ánxela Gracián e Armando Requeixo, estimou o “excelente traballo de fusión e recreación das máis diversas tradicións poéticas para conformar un fulgurante collage”.
“O poema ilumínase a través dun elaborado proceso de decantación lectora, un instantaneísmo que reconfigura o texto, dende o onírico, o abstracto e a fractalización de planos, para espallar un novo molde resultante da converxencia de múltipeles achegas”, salientan tamén os membros do xurado. Estes quixeron destacar ademais a “excelente calidade dun número importante” dos orixinais presentados, o que evidencia “o estado de magnífica saúde da nosa poesía e a boa acollida do premio”.
Os tres repiten funcións dende a primeira edición, polo que tamén foi súa a decisión de recompensar con 2.000 euros e a publicación da súa obra ao escritor Xurxo Alonso, gañador da terceira edición do certame convocado polo Concello de Guitiriz e cuxo poemario Oracións profanas, se presentaba o venres 22 de febreiro no Vilariño, aldea natal do escritor ao que honra o premio.
O autor, xunto cos membros do xurado e coa alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, daban a coñecer a obra editada por Espiral Maior e as súas impresións sobre a mesma, nun acto amenizado por Amigos da Música de Guitiriz.”

Eduard Velasco gaña o Premio Díaz Castro de poesía

Desde Sermos Galiza:
“O escritor galego-catalán Eduard Velasco vén de gañar a segunda edición do Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía que organiza o Concello de Guitiriz.
A obra gañadora titúlase O filósofo coxo, e foi premiada por un xurado composto polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, a tradutora Ánxela Gracián e o crítico Armando Requeixo. Presentáronse 44 orixinais a este galardón. A obra será publicada nos vindeiros meses pola editorial Espiral Maior. (…)”