Pablo Bouza Suárez, gañador do V Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía

Desde o Concello de Guitiriz:
“Na tarde do 22 de febreiro tivo lugar en sesión telemática, a instancias do Concello de Guitiriz, a xuntanza do xurado que decidiu o V Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía que, logo da pertinente deliberación, decidiu conceder o galardón, por unanimidade, ao volume presentado baixo o título Coma o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Pablo Bouza Suárez.
No poemario gañador o xurado composto por Ánxela Gracián (como vogal), Miguel Anxo Fernán-Vello (en calidade de presidente), Armando Requeixo (vogal) e Marisol Morandeira (secretaria, con voz e sen voto) estimou a diáfana construción poemática dun conxunto que se eleva desde a transparencia da voz, a forza das imaxes e a sonoridade da arquitectura dos períodos e das estrofas. Tamén si, salientou a habelencia á hora de incorporar ao discurso propio referentes da mellor tradición universal, desde Valente ata Carver pasando por Wilde ou Schopenhauer.
O xurado quixo salientar, así mesmo, a calidade dos traballos presentados a concurso, que evidencian o estado de magnífica saúde da nosa poesía e a simpatía coa que, desde as primeiras convocatorias, está a ser acollido o premio que leva o nome do máis célebre poeta de Guitiriz e un dos seus mellores embaixadores.
O gañador recibirá como dotación económica un premio de 2.000 euros e verá publicado o seu poemario pola Editorial Espiral Maior.”

Xosé Luís Mosquera gaña o IV Premio Xosé María Díaz Castro con A traxedia da arquitectura

Desde El Progreso:
“O xurado do certame convocado polo Concello de Guitiriz deu a coñecer o seu ditame na presentación da publicación da obra distinguida na terceira edición, Oracións Profanas, de Xurxo Alonso.
O poemario A traxedia da arquitectura, presentado baixo o lema Ada Murati e do que é autor o escritor Xosé Luís Mosquera Camba, foi elixido de xeito unánime, entre ao redor de 40 orixinais, como gañador do IV Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía.
O xurado, formado pr Miguel Anxo Fernán-Vello, Ánxela Gracián e Armando Requeixo, estimou o “excelente traballo de fusión e recreación das máis diversas tradicións poéticas para conformar un fulgurante collage”.
“O poema ilumínase a través dun elaborado proceso de decantación lectora, un instantaneísmo que reconfigura o texto, dende o onírico, o abstracto e a fractalización de planos, para espallar un novo molde resultante da converxencia de múltipeles achegas”, salientan tamén os membros do xurado. Estes quixeron destacar ademais a “excelente calidade dun número importante” dos orixinais presentados, o que evidencia “o estado de magnífica saúde da nosa poesía e a boa acollida do premio”.
Os tres repiten funcións dende a primeira edición, polo que tamén foi súa a decisión de recompensar con 2.000 euros e a publicación da súa obra ao escritor Xurxo Alonso, gañador da terceira edición do certame convocado polo Concello de Guitiriz e cuxo poemario Oracións profanas, se presentaba o venres 22 de febreiro no Vilariño, aldea natal do escritor ao que honra o premio.
O autor, xunto cos membros do xurado e coa alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, daban a coñecer a obra editada por Espiral Maior e as súas impresións sobre a mesma, nun acto amenizado por Amigos da Música de Guitiriz.”

Eduard Velasco gaña o Premio Díaz Castro de poesía

Desde Sermos Galiza:
“O escritor galego-catalán Eduard Velasco vén de gañar a segunda edición do Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía que organiza o Concello de Guitiriz.
A obra gañadora titúlase O filósofo coxo, e foi premiada por un xurado composto polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, a tradutora Ánxela Gracián e o crítico Armando Requeixo. Presentáronse 44 orixinais a este galardón. A obra será publicada nos vindeiros meses pola editorial Espiral Maior. (…)”

Convocado o II Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro

BASES DO II PREMIO DE POESÍA XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO

1.- O Concello de Guitiriz, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, convoca o II PREMIO XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO DE POESÍA.
2.- Poderán concorrer a este certame as poetas e os poetas que o desexen, cos seus poemas escritos en lingua galega, segundo a normativa vixente da Real Academia Galega.
3.- Os poemarios aspirantes ao premio serán de tema e forma libres, cunha extensión mínima de 500 versos. Deberán ser orixinais e estar inéditos na súa totalidade, condición que se estende ao soporte dixital.
4.- Os e as participantes deberán enviar 4 exemplares da obra, mecanografados, sen remite identificador, ao seguinte enderezo:

II PREMIO XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO DE POESÍA
Concello de Guitiriz
Rúa do Concello, 4, 27300 Guitiriz

5.- As obras concursantes deberán ostentar un título e un lema, que tamén figurará no exterior dun sobre que conteña a fotocopia do DNI do autor ou autora, o seu teléfono, enderezo postal e correo electrónico, así como un pequeno currículo literario, no caso de que teña obra publicada.
6.- O prazo de presentación das obras remata o día 31 de decembro do 2016.
7.– A dotación do premio, único e indivisible, que será de 2.000 euros, estará suxeita ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión. Se o xurado o considera oportuno, o premio poderá ser declarado deserto. Así mesmo, o xurado poderá designar un ou máis accésits ao Premio que en ningún caso comportarán dotación económica, pero que serán recomendados á editora para a súa posible publicación.
8.- O xurado será designado polo Concello de Guitiriz e estará formado por tres persoas vinculadas á poesía e/ou á crítica literaria galegas. Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un membro da corporación.
9.- O veredicto farase público arredor do 19 de febreiro do 2017, natalicio de Xosé María Díaz Castro, e comunicarase directamente ao gañador ou gañadora. As obras non premiadas poderán ser retiradas polas autoras ou autores nas dependencias do Concello de Guitiriz no prazo dun mes a contar a partir da data na que o xurado faga pública a súa decisión. Transcorrido este prazo, os orixinais serán destruídos.
10.- O Premio inclúe, ademais, a publicación da obra gañadora por Edicións Espiral Maior. O Concello de Guitiriz resérvase durante un ano os dereitos de publicación da obra premiada en todas as linguas do Estado. Nese sentido, o/a autor ou autora renuncia a favor do Concello, na primeira edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor/a. De existir posteriores edicións deberase facer constar que a obra recibiu o II PREMIO XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO DE POESÍA.
11.- A participación nesta convocatoria implica a aceptación das bases e a interpretación que delas faga o xurado, non admitíndose recurso contra a decisión que este nas súas funcións adopte.

A alcaldesa
Regina Polín Rodríguez”

Raúl Gómez Pato gaña o I Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía

DesdeRaúl Gómez Pato o Concello de Guitiriz:
“No salón de sesións do Concello de Guitiriz, as 13:00 horas do venres 19 de febreiro, o Xurado do 1º Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía composto por:
Miguel Anxo Fernán-Vello. Presidente.
Ánxela Gracián. Vogal.
Armando Requeixo. Secretario.
Emitiu o seu fallo, resultando como gañador:

RAÚL GÓMEZ PATO
Título: Máscaras de Espellos.
Lema: Sólido Níquel.

O xurado estimou que a obra ofrece unha escritura de grande altura estética, que amosa un excelente dominio da fórmula versal e o emprego dunha imaxinería neosurral que abisma na interioridade de universos líricos de fascinio, atento tanto ás escenas do mínimo cotián como aos grandes sucesos do devir colectivo.
Poderosa dicción, contención e fulguración na palabra revelan neste poemario unha voz senlleira que moito presta visitar.
O Xurado salienta o alto grado de participación, así como a excelente calidade dos traballos, que evidencian a simpatía coa que goza esta primeira convocatoria, que leva o nome do máis insigne poeta de Guitiriz, que é o seu mellor embaixador.”