Arquivos da etiqueta: Concello de Ponteceso
A xalleira Carme Caramés estrea o Premio de Poesía Concello de Ponteceso Eduardo Pondal
Desde
Que pasa na Costa (foto: Xerais):
“O venres 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, o Concello de Ponteceso fixo entrega da primeira edición do I Premio de Poesía Eduardo Pondal. O Concelleiro de Normalización Lingüística e Educación, Carlos Penedo Casmartiño, chamou esta mañá á galardoada, María do Carme Caramés Gorgal, unha veterana dos versos que non fai máis que engrandecer un premio no seu primeiro ano. A vencedora leva un cheque de 500,00 €, un diploma e unha efixie conmemorativa de Eduardo Pondal, e verá a obra publicada por Medulia Editorial.
O xurado quere deixar constancia da calidade dos textos, tendo en conta que s recibiron uns 30 manuscritos, dos cales chegaron a ser finalistas 4 libros de poemas, cuxas cualidades foron destacas no debate de decisión.
Así e todo, a obra de Caramés Gorgal, Da casa, do mar e das ausencias foi escollida por unanimidade, por ser “a obra máis equilibrada e coherente entre as participantes”. “Trátase dun libro que sobresae pola linguaxe serena, un texto redondo, onde cada palabra está xustificada e encaixa coa seguinte, sen distorsións”, valoran os membros do xurado.
”A pulcritude e a harmonía entre a linguaxe e a estrutura interna, deixan a sensación de que nos atopamos cun libro que é froito dun longo traballo, froito á súa vez dun pensamento reflexivo e vivencial”, sentencia.
A gañadora resaltou ao recibir a chamada do Concelleiro, que lle facía especial ilusión inaugurar este senlleiro premio. A xalleira é unha veterana da pluma, e leva dende 2004 gañando premios de poesía, novela e relato. A súa última publicación é a novela A Madriña, editada en 2018 por Edicións Fervenza.
O equipo encargado de seleccionar a obra gañadora está integrado por destacadas personalidades da cultura e as letras como son: Luciano Rodríguez Gómez, licenciado en Filoloxía Románica e profesor na Universidade de A Coruña, ademais de recoñecido crítico literario especializado en poesía; Teresa Seara Domínguez, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, profesora e crítica literaria especializada en poesía; Montserrat Yoldi Sanmartín, poeta e profesora de lingua e literatura nun instituto coruñés; o pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, poeta e profesor xubilado de lingua e literatura galega e Xulio López Valcárcel, consagrado escritor e director da editorial Medulia xunto con Diana Varela Puñal, que exercerá de secretaria recollendo acta da sesión.”
Bases do Premio de poesía Concello de Ponteceso. Eduardo Pondal
25º aniversario do Ciclo de Teatro de Ponteceso
Desde
Erregueté:
“O teatro converterase no principal protagonista cultural do outono en Ponteceso. No mes de novembro celébrase a 25ª edición do Ciclo de Teatro Concello de Ponteceso, un dos eventos máis consolidados da localidade e cita obrigada para os/as amantes e afeccionados/as das artes escénicas. Para celebralo, o departamento de Cultura vén de elaborar unha programación especial, subvencionada pola Deputación da Coruña, con actuacións gratuítas todos os sábados do mes e a visita dalgunhas das compañías máis importantes do país para promover unha cultura teatral propia e fomentar o consumo de teatro feito en Galicia e en galego.
Nesta edición, as funcións darán comezo ás 22:30 horas no salón de actos do Edificio das Escolas.
O sábado 3, a compañía encargada de inaugurar o certame será Talía Teatro, que achegará a súa revisión do clásico O servidor de dous amos, un dos textos inmortais da historia do teatro convertido no referente por excelencia da Commedia dell’Arte. Oito intérpretes desenvolverán un espectáculo onde todo será posible, a mentira e a confusión serán a base do xogo e os distintos espazos mudarán á vista do espectador para rir de todo e de todos, ata de nós mesmos. Un espectáculo trepidante e deslinguado, que resultará tan mordaz como divertido.
A segunda representación terá lugar o sábado 10 e correrá a cargo de Contraproducións, que presentará Fillos do Sol, unha elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que centrou toda a súa vida como escritor: Os Eoas. Realidade ficcionada e fabulación dramática para amosar ao bardo pontecesán dos últimos tempos, octoxenario e neurótico, con dúbidas, medos e insatisfaccións creativas.
Da man da mesma agrupación teatral chegará o día 17 Commedia, unha peza que cumpre tamén 25 anos sobre os escenarios desde a súa estrea en 1993 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Con máis de 200 funcións representadas en España, Portugal e Francia, este fito do teatro galego presenta unha sucesión de divertidos equívocos e enxeñosos enredos para falar do amor romántico e os riscos da sinceridade.
Por último, a compañía coruñesa Náufragos porá, o sábado 24, o broche de ouro ao certame coa súa carta de presentación, Castrapo, unha proposta actual e próxima ao espectador que narra a viaxe ás orixes, ás raíces, falando do que fomos e xa non somos e do que somos e xa non seremos.”
Ponteceso: presentación de e Caín, de Paco Souto
Tallo, Ponteceso: Polafía no Día Mundial da Poesía
Coa participación de:
– Carmen Eiroa (Pardiñas-Tallo), que falará dos regueifeiros/as que coñeceu (por exemplo, a afamada Leonarda de Tallo).
– Obdulia (Xornes), quen falará de seu pai, o afamado Calviño de Tallo.
– Teresa (A Campara-Cores), contaranos do afamado Cadete de Figueroa-Cores.
– Carmen (Mandián-Xornes), ilustraranos sobre o seu parente, o afamado Mandián de Xornes.
– Matilde Vilariño (Dombate-Borneiro), recitará un poema sobre os regueifeiros, composto especialmente para esta Polafía.
O profesorado e alumnado do Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro tamén colabora e participa nesta Polafía, xunto ás regueifeiras e regueifeiros Lola, de Pardiñas (Tallo), Dolores do Coxo (Borneiro), José de Severo (Borneiro), Manuel Fariña (Cesullas) e Suso de Xornes.
A parte musical correrá a cargo de Eloy Mato, neto de Matilde Vilariño, de Dombate.
Ponteceso: actividades do Outono Pondaliano 2013
Ponteceso: proxecto Os camiños do Mar
Ponteceso. Os Camiños do Mar
é unha iniciativa turística do Concello de Ponteceso que pon o seu foco sobre a interesante relación do municipio co mar, co transporte marítimo, coa cultura mariñeira e coa contorna que rodea ao litoral pontecesán. Nesta iniciativa propóñense dúas rutas. A primeira delas percorre o treito que hai desde a ponte de Ponteceso ata a vila de Corme e o cabo Roncudo pola ribeira. A segunda, fai un percorrido Pondaliano seguindo os monolitos dedicados ao bardo Eduardo Pondal que se atopan entre Ponteceso, a localidade do Couto e o miradoiro do monte Branco, e que, a través das novas tecnoloxías permiten vertebrar sendeiros naturais con acceso a información e xeolocalización GPS. A figura de Eduardo Pondal tamén queda patente no percorrido que parte da súa casa natal e que leva por diferentes lugares da contorna que o bardo reflectiu na súa poesía. De novo, mediante a tecnoloxía QR Ibeaken, o sendeirista poderá escoitar os poemas de Pondal co seu teléfono móbil tras escanear o código QR que se atopa a carón de cada monolito. É a primeira vez que se emprega esta tecnoloxía para divulgar a obra dun autor galego, dándolle una nova dimensión á poesía de Pondal e ofrecendo unha nova experiencia ao camiñante.






