Paseos Literarios por Compostela. Outono 2021

Os Paseos Literarios por Compostela. Outono 2021, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, no marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2021, que terá lugar entre o 12 e o 19 de setembro de 2021, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

– Prazas limitadas: 30.
– Inscrición obrigatoria no correo paseos.compostela@maos.gal
– Rexistro dispoñible até o día previo a cada roteiro, indicando: roteiro, prazas solicitadas, nome e teléfono de contacto.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

Compostela de ficción: illas e carruseis na cidade novelada. Berta Dávila.
Domingo 12 de setembro, 12:00 h.
Punto de partida: Biblioteca Ánxel Casal.

Festina lente, canteiros e impresores en Compostela. Marcos Calveiro.
Luns, segunda feira, 13 de setembro, 17:00 h.
Punto de partida: Arco de Mazarelos.

As pedras non esquecen. Andrea Barreira.
Martes, terza feira, 14 de setembro, ás 17:00 h.
Punto de partida: Alameda de Santiago, xunto á estatua de Maruxa e Coralia.

Paseando coas Marías. Carlos Labraña.
Domingo 19 de setembro, ás 12:00 h.
Punto de partida: Alameda de Santiago, xunto á estatua de Maruxa e Coralia.

Compostela: SELIC 2021. Festival da Lectura

Crónica fotográfica da Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2021

Estas son algunhas das fotografías da Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2021, que tivo lugar o 15 de maio en Santiago de Compostela. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Gañadoras/es da sexta edición dos Premios Follas Novas do Libro Galego


Nunha cerimonia que recuperou a presencialidade dos finalistas e retransmitida para o público, entregáronse os premios Follas Novas do Libro Galego, uns premios que acadaron este ano a sexta edición na que estrearon nova denominación. A gala foi conducida por Quico Cadaval coa participación do cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago. Os premios están organizados pola Federación de Librarías de Galicia, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Asociación Galega de Editoras. Esta edición estivo patrocinada polo Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, Cultura da Deputación da Coruña e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO).
Na súa intervención, o novo presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domíguez, falando en representación das tres entidades organizadoras, explicou algunhas das circunstancias nas que vive o mundo do libro en xeral e os premios en particular desde o inicio da pandemia. Domínguez sinalou que a crise sanitaria “ten afectado sensiblemente a tódalas actividades vencelladas a cultura, limitando e mesmo cancelando innumerables eventos nos últimos tempos. Por iso, este ano estamos felices por contar hoxe coa presenta física dos finalistas en cada una das 15 categorías, que representan a excelencia das notas letras”. Engadiu o presidente que o mundo do libro “é un ecosistema complexo. Un dos seus principais valores é a diversidade. Galicia conta con un tecido libreiro de calidade, grandes librerías e excelentes profesionais. O noso compromiso co libro, demóstrase nun dato revelador, temos a maior densidade de librerías por habitante de todo o territorio nacional. Pero este realidade non sería posible sen a enorme aportación que tanto autores como editores pon o noso dispor”.
Para rematar, Ramón Domínguez reclamou do goberno galego a “definición na súa integridade da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, aprobada hai xa preto de quince años. Consideramos esta ferramenta lexislativa, un elemento que de certeza contribuirá o equilibrio na cadea de valor do libro, por outra parte tan necesario nos momentos actuais”.

Premios de honra

– Premio da Asociación de Librarías de Galicia: Manuel Arenas
– Escritor Galego Universal: José Luandino Vieira
– Premio da Asociación Galega de Editoras: Xulio Amigo

Listaxe de gañadoras

Ensaio e Investigación
– Irmandiñas (Edicións Laiovento), Aurora Marco.
Por ser un traballo de recuperación, de posta en valor do traballo das mulleres e a súa aportación achega a historia de Galicia e da aportación que realizaron á defensa da liberdade.

Divulgación
– Unha mente que voa (Edicións Xerais de Galicia), Xurxo Mariño.
Pola relevancia e necesidade da divulgación da ciencia en galego, polo achegamento dos argumentos científicos a un público xeral dun xeito, didáctico, claro e preciso.

Narrativa
– Un señor elegante (Edicións Xerais de Galicia), Suso de Toro.
Un traballo de reconstrución da memoria galega dunha parte do século XX que utiliza a de maneira innovadora a combinación de voces narradoras distintas para facer avanzar o xénero biográfico.

Infantil
– Mar de mazá (Editorial Galaxia), Elvira Ribeiro.
Polo discurso lírico envolvente, a suxestiva creación de imaxes, o xogo de imaxinarios e traballando sobre un argumento mantendo a atención e o respecto sobre el.

Xuvenil
– O mal querer (Baía Edicións), Natalia Carou.
Unha novela que achega actualidade á literatura, contada de xeito áxil, con argumentos tomados da realidade para aproximala a unha franxa de idade na que é preciso abrir debates.

Libro ilustrado
– Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora), Antonio Reigosa e Rita Gutiérrez (ilus.).
Un libro para achegar anacos extraordinarios e pouco coñecidos da historia de Galicia dun xeito moi atractivo e con espírito divulgador para todos os públicos e cunha ilustración rica, variada e moi elegante

Banda Deseñada
– O derradeiro libro de Emma Olsen (novela gráfica) (Editorial Galaxia), Berta Dávila e Pablo Prado.
Un traballo maduro para un autor novo, no que utiliza recursos moi diversos da narrativa gráfica e con moitos xogos cromáticos.

Iniciativa Bibliográfica
– A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
Pola novidade que supón achegar a memoria histórica á infancia, recuperando referentes perdidos e por medio de relatos construídos dende o cotián, nos que os protagonistas son rapaces e rapazas.

Tradución
– A nosa Negra (Hugin e Munin), Harriet E. Wilson, traducido por María Reimóndez.
Achega á lingua galega un libro fundamental da revisión histórica a través da literatura, introducindo a historia contada desde as persoas subalternas.

Poesía
– A desvértebra (Chan da Pólvora), Ana Romaní.
Un libro que ofrece unha grande cantidade de lecturas e que, entre outras, pode lerse como unha reacción contra a sociedade do espectáculo. Mantendo a tensión entre a tradición e a modernidade poética.

Teatro
– Só un home bo (Edicións Positivas), Raúl Dans.
Unha obra dura, contada dun xeito trepidante, na que se aprecia o coñecemento do teatro do autor e das maneiras de contar unha historia desde a escena.

Libro mellor editado
– Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
Unha edición case artesanal na que todas as pezas da edición encaixan para conseguir un volume con identidade única. Que une con exquisitez voz da poesía e as imaxes. Combinando literatura infantil con arte contemporánea.

Iniciativa de fomento da lectura
– Salón do Libro Infantil e Xuvenil do Concello de Pontevedra.
Unha iniciativa con máis de vinte anos de existencia, que foi evolucionando para adaptarse aos tempos sen perder os seus obxectivos: o fomento da lectura, levar á mocidade a un espazo de libros e chegar a internacionalizacións do evento.

Proxecto literario en rede
– Galicia Encantada, coordinador: Antonio Reigosa.
Un proxecto cunha traxectoria sostida durante moitos anos con recursos limitado pero que fornece de material dos imaxinarios galegos a toda a sociedad, ofrecendo divulgación e información.

Xornalismo Cultural
– Montse Dopico.
Por un traballo exhaustivo e profundo arredor do mundo cultural, polo rigor con que trata os argumentos e pola profundidade das súas entrevistas.

Podes ver o video completo da Gala aquí.

Compostela: palestra “Galiza, arte e compromiso 1919-1939”, por Xosé Carlos López Bernárdez, o 20 de maio

A A.C. O Galo continúa as súas actividades coa palestra e proxección de pintura Galiza: arte e compromiso 1919 / 1939 impartida polo profesor Carlos López Bernárdez.
Data: Xoves, 20 de maio de 2021 ás 19.30 horas
Lugar: Museo das Peregrinacións, Praza das Praterías. Santiago de Compostela.
Interveñen: Carlos López Bernárdez, profesore historiador da arte galega
Por mor da situación sanitaria do momento, as prazas son limitadas polo que se prega que enviedes a solicitude de inscrición ao correo electrónico comunicacion@ogalo.gal antes das 12:00 horas do mércores 19 de maio de 2021, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento: nome, dous apelidos, número do DNI e teléfono, por mor das normas Covid.