Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 12 de febreiro de 1863 naceu en Sada Manuel Lugrís Freire. Dramaturgo e ensaísta, foi tamén un afecto cultivador da poesía, que prodigou en libros como Soidades (1894), Noitebras (1901), Versos de loita (1919) ou As Mariñas de Sada (1928).
Como lembradoiro ao seu natalicio, recupero unha dedicatoria estampada no poemario Ardencias, volume que publicaran os irmáns Zincke na Coruña en 1927. O libro levaba xa unha outra dedicatoria impresa que explica o título e intención da obra: “Para a xenerosa e ben encamiñada mocedade galega, que mantén acesas no corazón as ardencias pola nobre causa do noso rexurdimento, escritos foron estes versos, derradeiras e humildosas flores do meu xardín inzado de ilusiós e de esperanzas”.
Non mozo, pero si persoa de corazón cheo de “ardencias pola nobre causa”, Antonio Couceiro Freijomil foi o recipendiario da dedicatoria autógrafa que reproduzo, quen xa se significara a prol da causa galeguista e era, polo mesmo, un irmán en ideais.
Máis de século e medio despois do seu nacemento, ben está recordar a quen foi en tempos da República presidente da RAG e facelo significando un libro no que a infancia sadense e a paisaxe mariña agroman entre as lendas de Brigo e as Mareiras varias.”
Arquivos da etiqueta: Criticalia
Radiocrítica do 02-02-2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 2 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de Máscaras rotas para Sebastian Nell, de Alberto Ramos (00.20), Dominio público, de Ramón Neto (8:45), O río da memoria. Cartafol do río dos Gafos (1745-1970), de Calros Solla (15:18) e de Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de María Lado (22:40).”
Pódese escoitar directamente aquí.
Tabela dos Libros de febreiro de 2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada comezo de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Ars dedicandi: Daniel Pernas Nieto
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Castelao, que naceu un 30 de xaneiro de 1886, deixou dito que ‘se aínda somos galegos e por obra e gracia do idioma’. Sabíao ben o presbítero don Daniel Pernas Nieto (Abadín, 1884-Mondoñedo, 1946), autor do poemario Fala das Musas, o primeiro e case único libro escrito en galego en tempos tan pouco feraces para a nosa Clío como foron os da Guerra Civil. (…)
Deixo a dedicatoria que o poeta dos Carballiños de Quende fixo dun exemplar da obra a Antonio Couceiro Freijomil, reputado intelectual do seu tempo, autor que foi do primeiro gran dicionario de escritores de Galicia. (…)”
Casas literarias: Manuel Antonio
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“A Rúa de Abaixo, en Rianxo, non é unha vía calquera, é un continente literario rodeado de océanos de xenialidade por todas partes. Unha das illas que habitan ese Paradiso das Letras é a casa natal do inmenso poeta Manuel Antonio.
Felizmente convertida hoxe en casa-museo, adornada con diversas placas conmemorativas, a vivenda na que veu ao mundo o 12 de xullo de 1900 o autor de Foulas é un inmoble de tres andares que aínda conserva mobiliario do tempo do poeta e outros obxectos persoais e documentos que se expoñen aos visitantes xunto a diverso material fotográfico. (…)
Mais se Padrón, Iria Flavia, Santiago, Vigo e Asados foron importantes na vida de Manuel Antonio, a casa da Rúa de Abaixo foi a mandorla da que dimanou toda a maxia da súa escrita e Rianxo a vila na que departiu intensamente con Rafael Dieste, con seu curmán Roxelio, tamén cos Insua, Manuel Rodríguez Castelao e Xosé Losada Castelao, parentes do seu benemérito veciño, e outros como Laureano Lorenzo, os irmáns Carou, Sixto Aguirre… (…)”
Ars dedicandi: Rafael Dieste
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Un 29 de xaneiro pero de 1899 nacía en Rianxo Rafael Dieste. De neno tiráballe a pintura, o piano e, xaora, a escrita, afeccións que alimentaba o carburante dos feitos insólitos, tal o varar dun cachalote na praia de Tanxil cando era apenas un rapazolo, suceso que logo literaturizou en relato ben coñecido. Cos anos viñeron os libros de todos sabidos: Dos arquivos do trasno e, tamén si, A fiestra valdeira.
Nun exemplar da primeira edición desta peza de teatro estampou o autor a dedicatoria que aquí se reproduce, regalada a quen foi un bo amigo seu: Francisco Fernández del Riego.
A data de sinatura é 1962. Por tanto, uns meses despois de regresar do exilio en Bos Aires. Obsérvese que, malia terse publicado en 1958 unha nova edición da obra teatral, Del Riego posuía tamén unha copia da orixinal de 1927, que foi a que asinou Dieste en Vigo para o vello amigo. (…)”
Radiocrítica do 05-01-2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 5 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de A Diagonal dos tolos, de Santiago Lopo (1.07), A Divina Comedia, en tradución de Darío Xohán Cabana (8:00), Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza (12.20), de Aurora López e Andrés Pociña e de Erik, o construtor de soños, de Kike Gómez e Dani Padrón.”
Pódese escoitar directamente aquí.
Radiocrítica do 22-12-2014, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 22 de decembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López das obras de Álvaro Cunqueiro El año del cometa, Vida y fugas de Fanto Fantini e Flores del año mil y pico de ave (00:50); de Atravesar o fantasma, de Carlos Callón (6:40), da Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena (11:00) e de Ícaro, de Federico Delicado (16:25).“
Pódese escoitar directamente aquí.
Parlamento das Letras: Ánxela Gracián
Entrevista de Armando Requeixo a Ánxela Gracián no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Ánxela Gracián (AG): Eu non lle quitaría nada. Sumar e non restar, sempre en positivo. Fáltanlle apoios serios á hora de crear lectores en galego, algo externo á propia literatura pero consubstancial para a súa consolidación. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AG: Da creación, fantástico, pero a crise estanos matando. (…)”
Ars dedicandi: Uxío Novoneyra
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“A alta Arte da palabra caligráfica ten un nome maior na nosa literatura: Uxío Novoneyra. O poeta que, de estar entre nós, faría o 19 de xaneiro oitenta e cinco anos, escribiu moitos dos seus versos imprimindo neles poderosos trazos que tiñan todo de fonda lírica e moito de pintura en grafemas.
Tanto amou Novoneyra o corazón que deitaba nas letras sinuosas e desmedidas do folio en branco que mesmo chegou a escribir un libro enteiro con tal feitío: Poemas caligráficos, unha regalía para os ollos e a intelixencia que os Brais Pinto tiraran en Madrid como número un dos que chamaron Cuadernos da Gadaña, cun limiar de Raimundo Patiño e un texto prefacial tomado dunha das “Figuracións” de Luís Seoane. Gardo —delicado pano na arca— un exemplar desta xoia de 1979 ao que volvo como se fose un orbitar de cometa admirativo.
Esa querenza polos versos caligrafados acompañou de sempre o autor, quen adoitaba agasallar os amigos con algún haiku que deseñaba, currenti calamo, nos máis diversos lugares e circunstancias. Hoxe recupérase aquí un deles co que obsequiou aos seus benqueridos Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, con quen os uniu unha longa e fraterna amizade, pois non en van foron os profesores lucenses os editores referenciais da súa obra e dous dos máis importantes estudosos da mesma.
O manuscrito dedicado é de 1980 e foi creado polo poeta nunha xuntanza en Compostela. O texto reproduce o terceiro verso do poema “Terras altas e solas” da sección “O couso da door” integrada nos Eidos (1955). Trátase en orixe, por tanto, dunha creación de 1953-1954 que na redacción primeira tiña esta forma estrófica: Terras outas e solas! / Serras longas e mouras! / Eu son esta coor de soidá…
Precisamente este último verso regalado a Rodríguez Fer e Blanco é o que serviu como título, moito tempo despois, para Esta coor de soidá…, a escolma poética que para Libros da Frouma prepararon Luís Alonso Girgado e Luís Cochón en febreiro do 2000. (…)”