Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2014. En total, este ano recibimos 531 enquisas.
Con esta edición, son xa oito as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros.
Agradecer igualmente á Federación de Librarías de Galicia por colaborar, un ano máis, con este iniciativa.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz ((Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás (Espiral Maior).
– Mellor libro de Ensaio para Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena (Xerais).
– Mellor libro de Teatro para Lapsus, de Alfonso Pexegueiro (Axóuxere).
– Mellor libro de Banda Deseñada para O bichero, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Jude o escuro, de Thomas Hardy, traducido por María Fe González (Hugin e Munin).
– Mellor libro xuvenil para Reo, de Xesús Fraga (Galaxia).
– Mellor libro infantil para Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Na cociña de noite, de Maurice Sendak, traducido por Oli (Kalandraka).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para David Pintor.
– Mellor portada dun libro para adultos para Olympia Ring, 1934 (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Escarlatina, a cociñeira defunta, con portada de Víctor Rivas (Xerais).
– Mellor editorial para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para a política lingüística e cultural da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”