Reportaxe
de Montse Dopico en Praza:
“A poesía de Manuel María, -dixo Uxía-, leva música dentro. Como Rosa namorada, poema dedicado a Saleta Goi. “A terra faise en ti,/ Saleta, sutileza,/ chama apaixonada/ e transparente,/ levidade de neve,/ torrente e forza/ de seiva poderosa”. Ou como O Melro, que Xabier Díaz cantou con Uxía, no que foi outro dos momentos máis álxidos do concerto, xunto con Heiche dar un bico e, despois, a moi actual Bando. “Dende agora as pombas teñen/ que pedir licencia para voar”. “Prohíbeselle á lúa/ andar ceiba de noite polo ceo”. Na mesma senda reivindicativa, veu despois a tamén moi coñecida O idioma. “O idioma é a chave/ coa que abrimos o mundo:/ o salouco máis feble,/ o pesar máis profundo”. (…)
A musicalidade dos versos de Manuel María é tamén destacada polo compositor e escritor Paulino Pereiro no libro A propósito de Manuel, editado pola produtora Nós, que acompaña o documental Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra, dirixido por Margarita Ledo e tamén publicado por Nós. “Chao xurdiu coa ocasión da lectura do poema de Manuel. As palabras, o contido do poema, o ritmo e as sonoridades vocálicas e consonánticas, todo iso suxería música, sons que houbo que domear organizándoos para a expresión das ideas filosóficas do falante”, explica Pereiro, que traballou con Chao, de Manuel María, na súa colección de pezas pianísticas O tempo nas voces. Op. 82, na que evoca musicalmente as sensacións que suscitan os versos de poetas de distintos lugares e tempos.
“Cando eu xa estexa canso de verdade/ e as cousas e o mundo non alcendan/ en min nengun fervor, quero/ deitarme, Outeiro, no teu chao,/ contemplar o brillo das estrelas,/o paso das nubes tráxicas e grises/ mentras, con todo o meu ser, vou,/ moi de vagar, dun xeito lúcido,/ facéndome, pra sempre, terra túa/e ensumíndome, calado, no teu seo”, di Chao. E con Chao, -explicou Margarita Ledo na presentación en Numax do libro+DVD de Nós-, coa voz de Miguel Anxo Fernán-Vello, empeza Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra. Un filme de 2005 agora reeditado co engadido do libro, que presenta as distintas faces da vida de Manuel María a través da súa propia voz. (…)
Neste mesmo libro, Darío Xohán Cabana sinala algo que tamén comentou Ledo en Numax: “Manuel María encabeza historicamente a que nós chamaremos Xeración dos Cincuenta, a Grande Xeración, a gloriosa constelación que puxo o seu xenio e a súa enerxía militante ó servizo da resurrección das letras galegas feridas de morte pola ditadura fascista, e que acabou de conformar a estrutura esencial do edificio da Literatura Galega moderna tal como hoxe a percibimos”. (…)”
Arquivos da etiqueta: Darío Xohán Cabana
Darío Xohán Cabana, co-autor da Antoloxía poética de Manuel María
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Escolma de 90 poemas, que publica a editorial Galaxia, Manuel María. Antoloxía poética é un traballo de selección realizado por Amelia Outeiro e o propio Darío Xohán Cabana, que releron os poemas do autor chairego sen perder de vista os destinatarios finais: todo tipo de lectores que se queiran achegar por primeira vez á poesía de Manuel María e tamén aqueles outros que queiran revisar poemarios lidos e poemas lembrados. A entrevista pode verse aquí.”
Entrevista a Darío Xohan Cabana sobre a Antoloxía poética de Manuel María
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Darío Xohan Cabana é o responsable da edición e limiar da Antoloxía Poética de Manuel María, publicada por Galaxia. “Advento é un deses libros grandes da poesía galega, un libro excepcional”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
A «emoción poética» de Manuel María, plasmada nunha antoloxía
Artigo
de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“Vén de saír do prelo Antoloxía poética (Galaxia), unha escolma de arredor dunhas oitenta pezas da súa amplísima traxectoria a cargo de dúas persoas que coñeceron ben ao escritor, Amelia Outeiro Portela e Darío Xohán Cabana. Este último, autor do limiar do volume, advirte da imposibilidade de representar a extensión e variedade da obra do poeta, polo que optaron polo criterio de elixir aqueles que mellor expresaban a «emoción poética» de Manuel María. «Non queríamos que fose unha enciclopedia de formas ou de temas, senón escoller os máis logrados, os máis fermosos, os máis perfectos», explica.
O prólogo a cargo de Cabana sintetiza as características da poesía de Manuel María, que se divide en catro períodos. No primeiro, cualificado como «xuvenil», destaca a «potencia extraordinaria» coa que o poeta entra na literatura galega grazas a uns versos debedores do surrealismo no formal e próximos ao existencial no fondo. Esta etapa conclúe con Advento. Unha nova xeira ábrese cando Manuel María fai o servizo militar en Santiago, na que prescinde do «luxo verbal» anterior e adopta unha contención. «O existencial sigue, pero máis sosegado», describe Cabana. En 1966 arranca o terceiro período, no que Manuel María se achega claramente «á vocación social dunha poesía de combate», e que dará libros como Versos pra un país de minifundios ata que en 1980 entra na derradeira etapa. «O social pasa a un segundo plano e volve á poesía de confesión persoal, máis espida, máis sinxela», apunta o antólogo.
Darío Xohán Cabana foi tamén un dos académicos que propuxo para a celebración do 17 de maio a Manuel María, a quen considera «a figura máis poderosa da súa xeración poética e unha das máis significativas na construción nacional galega». Xa que logo, esta edición do Día das Letras está chamada a ser unha das máis vividas e difundidas, non só pola calidade da obra do escritor, senón tamén pola súa dimensión política e persoal. «Manuel María é o poeta galego máis popular de Curros para acó», conclúe Darío Xohán Cabana.”
Comezan os lanzamentos arredor de Manuel María
Desde
Cultura Galega:
“Como era de agardar, no ano no que o Día das Letras homenaxea a Manuel María comezan a aparecer os primeiros lanzamentos arredor da súa figura. Así, a editorial Galaxia acaba de anunciar o lanzamento dunha Antoloxía poética do autor chairego, unha selección que correu a cargo de Darío Xohán Cabana e que explora os múltiples temas que abordou o homenaxeado. Os textos, que se escolleron a partir de diferentes edicións, mecanoscritos e orixinais, preséntanse por orde cronolóxica e permiten analizar a evolución creativa do autor.
En paralelo, Títeres Alakrán acaba de anunciar a posta en escena da obra de Manuel María Os soños na gaiola, para a que conta con dirección e dramaturxia de Roi Vidal Ponte. A montaxe de monicreques adapta un dos primeiros libros de poemas do chairego, dirixido ao público infantil.”
Lugo: Aniversario da execución do Mariscal Pedro Pardo de Cela
O
sábado 19 de decembro, ás 13:00 horas, no claustro do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), terá lugar un acto para rememorar o aniversario da execución do Mariscal Pedro Pardo de Cela en 1483, probablemente acontecida en Mondoñedo o 3 de outubro dese ano, organizado conxuntamente polos colectivos culturais “Cultura do País”, “Mádia Leva” e “Carneiro Alado”.
O marco escollido está a carón de onde se exhibe a denominada ‘Mariscala’, “cadea grosa e forte” coa que estivo preso P. Pardo de Cela, e onde tamén se exhibe o seu escudo de armas. Intervirán Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo, e o escritor e académico da RAG Darío Xohán Cabana. A entrada é libre e gratuíta.
Ourense: mesa redonda Literatura na universidade e conferencia Memorias dun escritor con quince trienios e pico
Celia Armas: “En Lugo temos grandes figuras e clásicos das letras galegas”
Desde
Sermos Galiza:
“O semanario Sermos Galiza estrea serie esta quinta feira, na súa entrega 166, unha sección especial sobre escritores de Lugo que abrirá cun texto de Pilar García Negro sobre Manuel María. A súa coordinadora, Celia Armas, cóntanos desta iniciativa.
– Sermos Galiza (SG): En que consiste ‘Lugo é Letras’?
– Celia Armas (CA): Trátase dun proxecto que pretende lembrar a autores lugueses co obxectivo de atraer novos leitores a obras que pertencen xa aos nosos clásicos, así como relacionalos coa súa terra natal. Trátase de poñer en valor e facer atractivas estas obras e demostrar que están vixentes.
– SG: Que autores vai incluír?
– CA: Pois esta semana comezamos con Manuel María, dado que estes días celebramos o seu aniversario e será o próximo homenaxeado das Letras, e logo continuaremos con Marica Campo, Olga Novo, Lois Diéguez, Lois Pereiro, Uxío Novoneyra, Luz Pozo, Álvaro Cunqueiro e Darío Xohán Cabana.
– SG: Esta iniciativa terá continuidade e ampliarase a máis escritores?
– CA: Pois agardamos que si, porque loxicamente hai moitos máis e non están todos os que son. Esta é unha primeira serie e tamén nos gustaría que se ampliase ao resto do país. No caso dos autores vivos publicarase unha entrevista e no caso dos falecidos, poderá ser unha recensión ou mesmo unha entrevista imaxinaria. Iso dependerá dos autores que se fagan cargo dos textos: por exemplo, Xosé Manuel Pereiro falará de seu irmán Lois; de Novoneyra tocaralle ao seu fillo homónimo…
– SG: Lugo é un territorio ben vizoso no que a literatura se refire, non?
– CA: Pois a verdade é que tendo en conta o contexto do sistema literario galego e a proporción poboacional, en Lugo temos grandes figuras das letras galegas, tanto pola súa calidade como pola súa importancia.”
Lugo: Darío Xohán Cabana fala da chegada do tren á cidade
O
martes 29 de setembro, ás 20:00 horas, no refectorio do Museo Provincial de Lugo, con motivo da mostra A arte de xuntar II. Colección Quiroga-Monte de trens e xoguetes, realizada con motivo do 140 aniversario da chegada do tren a Lugo, exposición que pode visitarse neste recinto, terá lugar no un parladoiro a cargo do escritor e académico Darío Xohán Cabana, quen falará sobre “A chegada do tren a Lugo e algunhas interquinencias de historia local”.

