Compostela: Obradoiro de creación literaria Escribirmos na compaña de Luísa Villalta, con Marga do Val

O Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Escribirmos na compaña de Luísa Villalta, impartido por Marga do Val, que contará con sesións especiais a cargo de Cristal Méndez Queizán e Miro Villar, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

Obradoiro concibido como un espazo para reflectirmos sobre a creación literaria e para escribirmos na compaña da escritora Luísa Villalta: Nós con ela e ela connosco do outro lado da súa obra. Adentrarémonos nos territorios dos xéneros literarios, no diálogo que establecen entre eles; atravesaremos as súas fronteiras para xogarmos, para vermos como xogou Villalta. Gozaremos coa relación entre a literatura e as outras artes e deixarémonos polinizar por todas elas.
Desde unha reflexión feminista falaremos de e desde a escrita da autora e das súas circunstancias; da responsabilidade como asinante dun texto e da recepción da obra. Non esqueceremos os seus ensaios nin as súas columnas.

Terá lugar no CSC Maruxa e Coralia (Praza de Salvador Parga, 4), en Santiago de Compostela.
Hai 18 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, pode realizarse, indicando nome e apelidos, no correo electrónico oficina@aelg.org.

Calendario e horarios

Sábados 20 de abril; 4, 11 e 25 de maio; e 1, 8, 15 e 22 de xuño de 2024, de 10:30 a 13:00 h.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Seleccionados os catro proxectos para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento 2024

Desde a Deputación da Coruña (foto da propia Deputación da Coruña):
“Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son as persoas seleccionadas para participar nesta segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento. Así o decidiu o xurado, composto pola poeta Yolanda Castaño, o escritor Iván García Campos e a filóloga e ensaísta María López Sández, coa deputada de cultura Natividade González como presidenta e a xefa de sección de cultura Manuela Muñiz como secretaria, nunha xuntanza na que tamén estivo presente o comisario das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento, Roberto Abuín.
A deputada de cultura, Natividade González, valorou moi positivamente as propostas seleccionadas, “que abordan cuestións tan esenciais como, entre outras, a nosa identidade, a nosa memoria colectiva, a nosa historia contemporánea e a nosa contorna, dende o orgullo, o compromiso e a reflexión.” Ademais, lembrou a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas de apoio aos procesos de creación, “dende as administracións públicas debemos apoiar aos creadores e creadoras non so nos resultados das súas obras, senon tamén durante a súa creación, ofrecéndolles ferramentas e recursos que lles permitan desenvolver os seus proxectos. Ese é o obxectivo destas Residencias”.
Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña desenvolverán os seus proxectos literarios e de pensamento no Pazo de Mariñán do 15 ao 26 de abril onde convivirán, ademais, cos artistas das Residencias Mariñán de Música, e tamén recibirán a visita de dúas figuras consagradas no mundo das letras e do pensamento como son a poeta Chus Pato e o poeta e marrador Ismael Ramos. (…)

Propostas seleccionadas
Literatura
Francisco Rodríguez Casal – Do outro lado. Bebendo dun proceso creativo que integra a comunidade a través de testemuñas corais, Do outro lado é un proxecto de escrita de obra de teatro sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural galego a partir de acontecementos ocorridos na aldea do autor. O xurado salientou que está formulado dun xeito suxestivo, interesante e a liña artística resulta potente.
Esperanza Mariño Davila – Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras. A proposta ensaística é de interese, segundo o xurado, por afondar na faceta literaria e de tradución dunha figura clave na historia contemporánea de Galicia, Xosé Manuel Beiras.
Laura Martínez Mateo – A identidade agochada. Coa proposta deste poemario que demostra as diferentes vías de acceso á idea de identidade, o xurado quere incentivar a solidez do compromiso co que esta neofalante decidiu facer da cultura galega a súa propia.
Pensamento
Carmen Marina Vidal Valiña – Recuperando a memoria das “tolas” galegas: o manicomio de Conxo a través das pegadas das súas internas. A partir do estudo das historias clínicas de mulleres no manicomio de Conxo, proponse a recuperación da memoria das “tolas galegas”. O xurado valorou a recuperación da memoria dun sector de mulleres excluídas, precisamente cando nos motivos da súa exclusión se deron nesgos de xénero tan encardinados nun momento histórico. A proposta é de oito interese e atópase en liña coa traxectoria da autora.”