Arquivos da etiqueta: Deputación de Ourense
Cesáreo Sánchez Iglesias e Antón Cortizas, premios Losada Diéguez
Desde Sermos Galiza:
“Por unanimidade, Caderno do Nilo (Xerais), de Cesáreo Sánchez Iglesias, resultou gañador da XXIX edición do premio Antón Losada Diéguez na categoría de Creación Literaria que recoñece unha obra publicada no ano anterior. A viaxe literaria de Cesáreo Sánchez no territorio do Nilo foi valorada por un xurado que destacou a súa madurez e as novas achegas no ámbito estilístico e de revisión das propias experiencias, cunha voz singular que goza xa dunha sólida traxectoria no ámbito da poesía. (…)
“Só é posíbel escribir este libro e entrar con nudez e humildade noutra cultura se un percorreu xa a propia, se ten os alicerces fondamente chantados na propia cultura. Só así se abrirá o camiño para ir tamén á propia soidade. Finalmente, é aí onde conduce toda viaxe, ao centro da propia soidade”, explica Cesáreo Sánchez Iglesias no seu libro. Para Sánchez Iglesias a poesía é a súa forma de comunicarse “co mundo, unha forma de coñecemento. Pola poesía podes chegar á alma das cousas, ás capas máis fondas do que ves e sentes. Para min é a maneira de entrar no profundo do ser humano. A comunicación que se establece cos que len dáse nun territorio interior.” (…)
Na modalidade de Investigación e Ensaio, a obra gañadora foi Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais, un catálogo explicativo dos xoguetes que constitúen un patrimonio único herdado de xeración en xeracións que elaborou o escritor Antón Cortizas despois de anos de traballo e estudo. O xurado, composto por membros da Universidade da Coruña e Vigo, do Consello da Cultura Galega, do Museo do Pobo Galego e da Deputación de Ourense destacou a rigurosidade e o traballo polo miúdo na recompilación, reconstrución e conservación dun patrimonio cultural único de grande valor para as xeracións vindeiras.
Tastarabás recolle arredor de mil brinquedos recompilados ao longo de dez anos que deron nunha obra monumental na que se atesoura o patrimonio da infancia doutros tempos. O autor, Antón Cortizas, define o libro como unha grande ludoteca tradicional ou mesmo un museo de brinquedos, boa parte deles reconstruídos por el mesmo. Cortizas defende o seu libro como un proxecto colectivo no que recoñece o labor de centos de informantes que contribuíron a súa elaboración e tamén de escritores e escritoras que manifestan “señardade pola infancia e son, a súa maneira, tamén fontes de información”. (…)
Os premios, que foron creados en 1985, entregaranse o 14 de xuño no Pazo de Moldes, en Boborás e, alén do recoñecemento, están dotados con 6.000 euros por categoría.”
Patricia Román gaña o XI Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración
Desde Cultura Galega:
“Patricia Román Ortega, de Cidade Real, fíxose co Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración na súa XI Edición. A autora, que recibiu un galardón de 1.500 euros, púxolle imaxes ao conto O trasno de Bóveda e a chave máxica de Luís Antonio Pérez, galardoado co premio Pura e Dora Vázquez de narrativa. O xurado recoñeceu a técnica do traballo gañador e o seu axeitamento ao texto.”
Esgueva, O Carballiño: celebración do Día da Poesía
O luns 24 de marzo, ás 11:00 horas, na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño), celébrase o Día da Poesía, nun acto coorganizado pola Fundación Insua dos Poetas e o Centro PEN de Galicia, e patrocinado pola Consellería de Cultura, Consellería de Medio Rural e Mar e a Deputación de Ourense. O programa é o seguinte:
– Un alumno/a de cada un dos centros escolares presentes lerá un poema de Nimbos, de Xosé María Díaz Castro.
– Intervirán: Víctor F. Freixanes, Luís González Tosar, Xesús Alonso Montero, Tomás Fernández Couto, Xesús Vázquez Abad e Manuel Baltar.
– Entrega de lotes de libros aos profesores dos centros de ensino presentes.
– Ofrenda floral no monumento Nimbos de luz.
– Plantación de árbores a cargo dos alumnos, profesores, escritores, xornalistas e autoridades.
Ourense: inauguración da exposición Onde beben os cervos que amansou o calígrafo, de Baldo Ramos e Carlos González Villar
Luís Antonio Pérez gaña o XI Premio Pura e Dora Vázquez de Narración con O trasno de Bóveda e a chave máxica, e convocado o XI Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración
O escritor Luís Antonio Pérez (Ourense, 1966) coa obra O trasno de Bóveda e a chave máxica (presentado baixo o lema Paula Reis Velzer), foi o gañador da XI edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado deu a coñecer o fallo esta tarde trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, destacando da obra premiada “o despregue imaxinativo e a súa adecuación tanto para o público infantil como xuvenil”. O xurado salienta asemade a importancia da narrativa coloquial da obra e o seu vocabulario, así como a narración fluída que entronca coa cultura propia de Galicia e, sinaladamente, de Ourense. Tamén destaca o xurado que se trata dunha obra que, pola súa trama, mantén unha atención constante do lector dende o principio ao fin, e, en xeral, de todos os traballos presentados salienta o alto nivel dos mesmos cualificándoos como “emocionantes”. Segundo a normativa do premio, a obra gañadora será enviada aos interesados en participar no XI Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, para o cal a Deputación de Ourense abre a convocatoria para este certame dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais -non menos de dez ilustracións-, que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Luis Antonio Pérez. Nesta modalidade establécese un premio de 1.500 euros, e a data límite para presentar os traballos é o 30 de marzo de 2014.
O xurado do XI Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido por Avelino García Ferradal, deputado de Cultura da Deputación de Ourense, e integrado por José Manuel Fernández López, Jesús Manuel García Díaz, María Rosa González Méndez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.
Ignacio Vilar e Galaxia levan ao cine A Esmorga de Blanco Amor
Desde Galaxia:
“O director de cine, Ignacio Vilar, e a Editorial Galaxia traballan para levar á pantalla cinematográfica a emblemática obra do escritor galego Eduardo Blanco Amor, A Esmorga, unha das obras máis vendidas e representativas da historia da literatura galega.
A rodaxe comezará este mesmo mes de novembro de 2013, e prolongarase ata finais de marzo, co apoio do Concello de Ourense, a Xunta de Galicia, a través de Agadic, e a Deputación Provincial.
Nun acto que contou coa presenza do alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, o director de cine presentou este novo traballo, inspirado na obra de Blanco Amor, que se rodará en Ourense.
Ignacio Vilar reivindicou a relevancia que tivo a novela A Esmorga, “unha das obras máis grandes da literatura universal” e “patrimonio noso”.
A obra relata a historia de tres personaxes, Cibrán, Milhomes e o Bocas, é unha das máis representativas da literatura galega. Nela, Cibrán o Castizo relata ante o xuíz as vinte e catro horas de borracheira que pasou xunto ao Milhomes e ao Bocas e pola cal crearon certos problemas en Auria, trasposición literaria de Ourense.
Para a súa versión cinematográfica, o director explicou que o obxectivo é captar “a atmosfera da novela”.”
Insua dos Poetas, Carballiño: V Festa da Palabra, o sábado 20 de xullo
Ramón Nicolás e Begoña Caamaño gañan o Premio Losada Diéguez
Desde
Sermos Galiza:
“Morgana en Esmelle (Galaxia), a segunda novela de Begoña Caamaño resultou gañadora do premio Antón Losada Diéguez na súa XXVIII edición canda Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais), de Ramón Nicolás na categoría de ensaio. Os premios convocados polos concellos de Boborás e O Carballiño, patrocinado pola Deputación de Ourense, valoran a mellor obra publicada entre as edicións co cal, por terceira vez a obra de Caamaño recoñécese como a mellor publicada en narrativa no pasado ano.
Un xurado composto por Euloxio Rodríguez Ruibal, Dolores Vilavedra, Francisco Luis Fariña Busto, Avelino García, Xosé Henrique Costas e Goretti Sanmartín decidiu premiar a novela de Begoña Caamaño pola “súa orixinalidade no tratamento dun tema de longa tradición, non só na literatura galega senón nas literaturas universais”. Segundo o xurado, a novela consigue “renovar a temática artúrica fuxindo de estereotipos e creando poderosas personaxes femininas. Por outra parte a obra combina un persoal estilo literario cun magnífico traballo lingüístico”. (…)”.
A traxectorial vital e literaria de Ferrín, premiada co Otero Pedrayo
Desde Sermos Galiza:
“O xuri do Premio Otero Pedrayo recoñece co galardón a traxectoria de Xosé Luís Méndez Ferrín como poeta, ensaísta e narrador, mais tamén, a proposta de Manuel Baltar, destaca a súa biografía “chea de renuncias persoais” en que se valoran con especial relevancia as “decisións tomadas mesmo contra a propia estabilidade do seu entorno emocional máis cercano”. A candidatura de Xosé Luís Méndez Ferrín foi apresentada na propia xuntanza polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e contou co apoio dos representantes da Xunta, en concreto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o director xeral de Política Lingüística, Valentín García. A candidatura do ex presidente da RAG obtivo tamén os votos dos representantes das Deputacións de Ourense e Pontevedra, do escritor Darío Xohán Cabana, en representación da Academia, e con algún dos representantes das Universidades. O premio está dotado con 30.000 euros. (…)”.