A Coruña: Festa do Libro, actividades do venres 13 de maio

Comeza unha nova edición da FESTA DO LIBRO, do venres 13 ao martes 17 de maio nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, organizada pola Concellaría de Cultura e a Agrupación de Libreiros da cidade, con horarios de 11:30 a 14:00 e de 17:30 a 21:30 horas. Este é o programa de actividades para o venres 13: PROGRAMA ACTIVIDADES FESTA DO LIBRO MAIO 2011:

* Venres 13:
11:30 h.- Inauguración da Festa do Libro.
– 18:00 h.- Presentación do DVD Lois Pereiro realizado polo alumnado do IES Urbano Lugrís e coordinado por Xulia Rodríguez Abella. No Kiosco Alfonso.
18:00 h.- Sinatura por parte de Mercedes Queixas Zas dos libros Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, publicado en Laiovento, e Vivir, aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, publicado en Galaxia. No posto das Bibliotecas Municipais.
19:00 h.- Presentación do libro Futuro imperfecto, de Xulia Alonso. Participan Víctor F. Freixanes, Fran P. Lorenzo, Elena Pernas e a propia autora. No Kiosco Alfonso.
20:00 h.- Presentación do libro de Antón Patiño Lois Pereiro. Radiografía do abismo, publicado en Espiral Maior. Conferencia do autor e proxección de imaxes sobre a figura de Lois Pereiro. Intervirá, co autor, Miguel Anxo Fernán Vello. No Kiosco Alfonso.

Santiago: presentación de A fecha azul do teixo, de Eva Veiga

O xoves 28 de abril, a partir das 19:30 h., na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural) de Santiago de Compostela preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello e Teresa Seara, finalizando cunha actuación do Grupo Ouriol (Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez).

Santiago: presentación de Flores da Galvana, de Iria Fernández Crespo

O luns 18 de abril, ás 12:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela preséntase o poemario Flores da Galvana, de Iria Fernández Crespo, publicado en Espiral Maior. No acto participan, ademais da autora, Ramón Chao e Miguel Anxo Fernán Vello. Crónica posterior en Xornal.

Premios da Crítica 2010: Marga do Val e Víctor F. Freixanes

En representación da Sección da Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Laura Caveiro envíanos a noticia oficial sobre os galardoados deste ano en lingua galega:

Poesía: A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, poemario publicado en Edicións Espiral Maior en 2010. “Trátase dun poemario vital e reflexivo. A voz poética mergúllase en significativos episodios biográficos a xeito de particular educación sentimental”.

Narrativa: Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes, novela publicada en Editorial Galaxia. “Parte do interesante artificio do cantar de cego a ofrece un estilo envolvente, compensado e denso”.

Laura Caveiro foi este ano a representante da Sección da Crítica Literaria enviada a Cáceres para propor os títulos galegos decididos oito días antes en Compostela.

Vía Crítica literaria. Tamén se recolle esta nova en Galicia Hoxe, Xornal, Cultura Galega e Galaxia.

Moaña: presentación de Neve, de Lucía Novas

O venres 8 de abril ás 20:30 h., na Libraría O Pontillón (Avenida Concepción Arenal, 7) de Moaña, preséntase o libro Neve, de Lucía Novas, publicado en Espiral Maior, obra gañadora do XIII premio de Poesía Johán Carballeira. A autora estará acompañada neste acto da profesora de lingua galega Asunción Sóñora Abuín.

A Coruña: presentación de Animal Abismo, de Diana Varela Puñal

O venres 4 de marzo, ás 20:00 h., en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, preséntase o libro de poemas Animal Abismo, de Diana Varela Puñal, publicado en Espiral Maior. O acto, presentado por Dores Tembrás e Miguel Anxo Fernán Vello, consistirá nun espectáculo poético-musical a cargo do clarinetista Xocas Meijide, de Xulio López Valcárcel, dos propios presentadores e da autora.

Vilaboa, Culleredo: presentación de Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval

O mércores 23 de febreiro, ás 20:00 h., na Aula de Poesía da Biblioteca Uxío Novoneyra de Vila Melania, en Vilaboa (Culleredo), preséntase Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, gañador do X Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, publicado en Espiral Maior. No acto participan Celestino Poza, María Casar e Miguel Anxo Fernán-Vello.

A Coruña: presentación do libro A frecha azul do teixo, de Eva Veiga

O venres 11 de febreiro, a partir das 20:00 h., na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Teresa Seara, Francisco X. Fernández Naval, Miguel Anxo Fernán-Vello, e finalizará cunha actuación do Grupo Ouriol (Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez).