Pilar García Negro: “Castelao contravén unha cegueira histórica coas mulleres”

Entrevista de Sandra Faginas a Pilar García Negro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Podemos falar dun Castelao feminista?
– Pilar García Negro (PGN): Teño bastantes reservas para aplicar o adxectivo feminista, porque hoxe está tan devaluado! Sempre lembro unha sentenza moi axustada de Xosé Chao Rego, grande escritor, que dicía: «Os homes deixamos de ser machistas teóricos para converternos en masculinistas prácticos». Iso ten moito de verdade. No caso de Castelao hai un mérito indiscutíbel, porque contravén unha tendencia histórica e milenaria de moitos autores varóns sobre as mulleres, que se concentra en dúas palabras: cegueira e xordeira. E o que eu denomino tamén a práctica da ventriloquia. Personaxes femininos na literatura universal hai a esgalla, pero o que proxectan é a fantasía masculina. Fala o ventrílocuo, non elas.
– LVG: Non é o caso de Castelao.
– PGN: Non. Porque el salva ese obstáculo, ao igual ca outros autores superlativos doutras literaturas. Lemos A Celestina, de Fernando de Rojas, e aí son elas, tanto Celestina como Areúsa quen se expresan e se defenden. Ou Cervantes, no Quixote, no famoso discurso de Marcela, que é un auténtico manifesto da liberdade, da autonomía de conduta e da non submisión ao desexo masculino.
– LVG: En Galicia existen antecedentes neste aspecto?
– PGN: Si, contamos cunha tradición intelectual que cómpre coñecer. O padre Feixoo, moitos anos antes da Revolución francesa e da famosa declaración dos dereitos da muller, publicou o discurso XVI do seu Teatro crítico universal, que é Discurso en defensa de las mujeres, así de directo. Cunha defensa rotunda da nosa capacidade intelectual. O seu discípulo, o padre Sarmiento, con toda a clareza vaise referir tamén a que falta por ter escrita a metade da moral porque só a escribiron os homes. E di o mesmo da medicina. Ademais, defende que os oficios non teñen, como diriamos hoxe, marcas de xénero.
– LVG: Castelao é continuador desa tradición apuntando ás mulleres traballadoras.
– PGN: El ten unha sensibilidade particular para ver e escoitar as mulleres traballadoras e das clases populares, que son a inmensa maioría que recolle nas súas viñetas, nas súas estampas, no seus debuxos. Fainas protagonistas. E iso é transversal, porque vémolo en Cousas da vida, no Álbum Nós, n’Os álbumes de guerra, onde hai estampas absolutamente estremecentes con protagonistas femininas. Despois, claro, Castelao é fillo do seu tempo e de todas as circunstancias que marcan o contexto histórico no que viviu. Iso non escurece o que veño de comentar, que é relevante, porque na intelectualidade española coetánea ou máis amplamente contemporánea, hai cousas que caen das mans. Marañón xustifica a inferioridade intelectual feminina e o fatum biolóxico. Ortega y Gasset, Unamuno… En fin. (…)”

Os Premios Follas Novas anuncian os 40 finalistas na súa edición de 2025

Os premios Follas Novas do Libro Galego entran nos seus dez anos de vida en 2025 e na fase final da elección dos gañadores para esta edición. Case corenta obras son finalistas dos premios ata o vindeiro 26 de abril, no que se darán a coñecer as obras gañadoras en cada unha das categorías. Como vén sendo tradicional, os gañadores e gañadoras coñeceranse na gala de entrega que terá lugar no Teatro Principal de Santiago.

Este galardón, que homenaxea a creación literaria en lingua galega, volve destacar o talento e a calidade das obras presentadas nesta edición. Tras un rigoroso proceso de selección, o xurado deu a coñecer os autores e obras que optarán ao recoñecemento nas diferentes categorías.

Nesta edición chegan á final arredor de 40 escritoras/es, tradutoras/es e ilustradoras/es xunto con 15 editoriais. Os gañadores daranse a coñecer na gala de entrega dos Premios Follas Novas, que se celebrará o vindeiro 26 de abril nun evento que reunirá o máis destacado do panorama literario galego.

As obras finalistas desta edición dos premios Follas Novas son o resultado dun proceso de selección de tres fases, que supón unha lectura e valoración da produción editorial galega. O proceso ten unha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras que selecciona un cento de títulos publicados entre decembro de 2023 e novembro de 2024. A segunda fase de selección é a actual, na que o xurado escolleu as obras finalistas por cada categoría. O proceso de selección dos títulos gañadores terá o seu cumio o sábado, 26 de abril de 2025, coa gala na que se darán a coñecer cada unha das obras gañadoras nas trece categorías nas que se organiza este premio. A gala de entrega de premios terá lugar no Teatro Principal de Santiago.

Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
– A casa do amo. Unha análise do discurso colonial e racista na literatura galega. María Reimóndez. Edicións Xerais de Galicia.
– Abril é un país. Tereixa Constenla. Editorial Kalandraka.
– Os inmigrantes imaxinados. A identidade Galega na Arxentina (1780-1960). Xosé M. Nuñez Seixas. Editorial Galaxia.

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
– As benfaladas. María Xosé Porteiro. Editorial Galaxia.
– As horas mortas. Viaxes e conversas por cemiterios galegos. Emma Pedreira. Baía Edicións.
– Rotas (As mulleres que o franquismo agochou en Compostela). Montse Fajardo. Edicións Positivas.

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
– A noite das cebolas. Rosa Aneiros. Edicións Xerais de Galicia.
– O incendio. Sara Vila Alonso. Edicións Xerais de Galicia.
– Runrún. Ana Varela. Editorial Galaxia.

PREMIO Á OBRA INFANTIL
– Axencia Galega de Asuntos Máxicos. Miguel Ángel Alonso Diz. Edicións Xerais de Galicia.
– Como escorrentar un lobo. Antonio Manuel Fraga. Cuarto de Inverno.
– Que cabe nun calcetín? Paula Carballeira. Oqueleo.

PREMIO Á OBRA XUVENIL
– Cartas na escuridade. Lois Pérez. Cuarto de Inverno.
– Nave. Olaia Sendón. Edicións Xerais de Galicia.
– Quen precisa unha avoa? Andrea Barreira Freije. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
– Luísa Villalta. Alma de violino. Laura Suárez (ilust.), Beatriz Maceda e Eli Ríos. Edicións Xerais de Galicia.
– Papóns. Sandra Lodi. Editorial Galaxia.
– Sete dentes de león. David Sierra (ilust.) e Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
– Memorias dun neno labrego (novela gráfica). Iria Aldegunde (baseada no texto de Neira Vilas). Editorial Galaxia.
– Miquits. Visita á casa da avoa. Alba de Evan, Xabier Domínguez e Paula Cheshire. Antela Editorial.
– Presas fáciles. Voitres. Miguelanxo Prado. Retranca Editora.

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
– Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. VV.AA.Tempo Galiza Editora.
– Papagaio. Luísa Villalta e Maribel Longueira.Kalandraka Editora.
– Poesía reunida de Xosé Luís Méndez Ferrín. Xosé Luís Méndez Ferrín, ed. Anxo Angueira. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
– Cartas desde a cadea, de Rosa Luxemburg. Almudena Otero. Edicións Laiovento.
– Heartstopper. Rapaz coñece rapaz, de Alice Oseman. Nee Barros. Edicións Xerais de Galicia.
– Os caravanistas, de Elizabeth von Arnim. Celia Recarey. Irmás Cartoné.

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
– Os pozos elegantes das clavículas. María Álvarez Landesa. Alvarellos Editora.
– Papaventos abismados. Marta Dacosta. Apiario.
– Para non concretarme. Tamara Andrés. Edicións Positivas.

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
– Fóra de campo. Rosalía Fernández Rial. Editorial Galaxia.
– Iribarne. Esther Carrodeguas. Edicións Positivas.
– Ubasute. Paula Carballeira. Editorial Galaxia.

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
– Canta contos de Nadal. VV. AA. Triqueta Verde.
– O libro das abellas. VV. AA. Apiario.
– Papagaio. Luísa Villalta e Maribel Longueira. Kalandraka Editora.

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
– Culturgal
– Libraría Cartabón (Vigo)
– Libraría Nobel (Ourense)