O
venres 27 de maio, ás 20:30 horas, no Museo Ramón María Aller de Lalín, terá lugar a presentación do libro Masculino singular, de Carlos Negro, publicado por Xerais. No acto, organizado polo Concello de Lalín e a editora, participan, xunto ao autor, Lara Rodríguez e Mario Pereira.
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Carlos Negro: “O feminismo é unha das revolucións pendentes do século XXI”
Vigo: presentación de As horas roubadas, de María Solar
María Solar: “Interesábame moito afondar nas parellas nas que existe o control e a posesión e iso se disfraza de amor absoluto”
Entrevista
de Montse Dopico a María Solar en Praza:
“(…) – Praza (P): Manuel, o neno protagonista [de O meu pesadelo favorito], recibe visitas dunha Alicia que vén do Mundo da Febre. En que se parece esta Alicia á do País das Marabillas? Por que optaches por falar do mundo dos soños?
– María Solar (MS): A miña Alicia, aínda sendo unha chiscadela evidente e unha admirada homenaxe a Lewis Carroll, é absolutamente antagónica á orixinal, no sentido de que a miña non é unha nena ben, esta é unha pequena que vive nun lugar onde os nenos coma ela traballan desde moi cativos, que non ten nai, e utiliza os soños de Manuel para coidar del porque o ve triste e enfermo. O de utilizar un mundo de soños en O meu pesadelo favorito foi porque me permitía liberar da forma máis atrevida a imaxinación e crear seres e personaxes fascinantes como o vendedor de olores de recordos e recordos de olores, dinorrinco, hipodrilo ou a repartidora de bicos. E ademais era óptimo para contrapoñelo ao plano da realidade, que é unha realidade absurda, que ás veces tamén asemella un soño. (…)
– P: En As meigas de Lupa había algo de Historia (o castrexo…). Como hai en As horas roubadas (o tempo da transición). Escolliches esas épocas históricas por algún motivo particular?
– MS: Escollinas por apaixonantes e singulares. Cada vez que visitei un castro sentinme abraiada polo xeito de vir desa xente e a dureza que tiña, non podía evitar pensar no tremendo que debía de ser. Pareceume que había que trasladalo a un libro. E no caso de As horas roubadas, está ambientado en 1979, porque é un tempo perfecto de transición no social, no político, no cultural, mesmo na TV que é case un personaxe do libro e en 1979 mudaba do branco e negro á cor, pero só se tiñas cartos para mercar unha televisor novo podías ver en cores. E esa transición estana a vivir tamén cada personaxe da novela nas súas vidas. Transicións persoais, no amor, diferentes, pero que precisan de valor para afrontalas. Era unha época perfecta para ambientalo, e para lembrarnos como eramos non hai tanto tempo. Nalgúns eidos como o da muller dá para pensar moito no que se alcanzou e no que segue lastrándonos. (…)
– P: Un dos temas do libro é o maltrato. Unha muller anulada polo seu marido e, en xeral, pola súa familia, que aproveita a situación porque, ata que comeza a espertar, resúltalle cómoda. En contraste, hai outra familia (doutra clase social) cunha concepción das relacións de xénero, do amor ou do matrimonio, moito máis modernas. Aínda que ambas poderían ser familias actuais. A idea é retratar un momento de cambio social, no que se poderían atopar os dous exemplos, pero sobre todo o primeiro?
– MS: A finais dos setenta eses dous tipos de mulleres convivían moi claramente. Mentres que unha era unha muller emancipada e de ideas claras entorno á súa liberdade, a outra estaba alienada por unha situación social na que vivir sen voz era habitual, igual que o era ser a escrava de todos na casa, ou ser considerada dependente e inmatura como persoa. Ela mesma confundira o control e a posesión da súa parella co amor. Ese perfil de parella segue a existir hoxe. Interesábame moito afondar neses personaxes, nas parellas nas que existe o control e a posesión e iso se disfraza de amor absoluto. (…)”
Compostela: presentación de O anxo negro, de Manuel Gago
O
xoves 26 de maio, ás 20:00 horas, na Igrexa da Compañía (Praza de Mazarelos, s/nº), en Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro O anxo negro, de Manuel Gago, publicado en Xerais.
89 obras compiten nos Premios Xerais 2016
“O
xurado da XXXIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 34 obras, está formado por: Mercedes Corbillón (libreira. Librerías Cronopios de Santiago e Pontevedra), Concha Martínez Mayo (editora), Marta Gómez González (xornalista do programa Zig Zag da TVG), Irene Penas Murias (editora), Almudena López Rodríguez (axente de viaxes. Participa nos xurados dos premios Xerais a través da convocatoria aberta que se fixo no blog de Xerais) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da VIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 22 obras, está formado por: María Navarro (profesora e crítica literaria), David González Domínguez (estudante de Filoloxía na USC. Participa nos xurados dos premios Xerais a través da convocatoria aberta que se fixo no blog de Xerais), Xosé Manuel Fernández Rodríguez (funcionario. Participa nos xurados dos premios Xerais a través da convocatoria aberta que se fixo no blog de Xerais), Natalia Fernández Lorenzo (alumna de 4º da ESO no IES de Beade), Anxo Iglesias Núñez (alumno de 4º da ESO no IES Terra de Turonio de Gondomar) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 33 obras, está formado por: Noelia Candal Suárez (bibliotecaria na Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo), Marcos Viso (ilustrador), Amparo Ramilo Costas (libreira na librería Librouro de Vigo), Marta Neira Rodríguez (profesora da Escola Universitaria de maxisterio CEU de Vigo e da Facultade de CC da Educación da USC, membro da Red Temática de Intestigación LIJMI), Mónica Fernández López (profesora e artista. Participa nos xurados dos premios Xerais a través da convocatoria aberta que se fixo no blog de Xerais) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os dous xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 27 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 4 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón.”
Xosé Ballesteros, novo presidente da Asociación Galega de Editoras
A
Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa xunta directiva. O novo presidente, Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, releva no cargo a Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións, no remate do seu mandato.
A renovación produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada en Santiago, e convocada con esa finalidade. A lista encabezada por Xosé Ballesteros foi a única candidatura presentada e resultou elixida por unanimidade. Previamente, a presidenta saínte fixo balance da xestión da súa executiva nos dous últimos anos, polo que recibiu o recoñecemento dos asistentes.
Canda Xosé Ballesteros, a actual dirección da AGE complétase con Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, como vicepresidente; Belén López, de Baía Edicións, como secretaria; María Xesús Gómez, de Editorial Rodeira, como tesoureira; e como vogais, Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións, Fran Alonso, de Edicións Xerais, Xulio Amigo, da Editorial Galaxia, e Tomás González, de Urco Editora.
Trátase dunha directiva integradora que inclúe membros da anterior etapa e suma tamén novas incorporacións. Destaca ademais pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica -Pontevedra, Santiago, A Coruña e Vigo- como na temática das súas respectivas producións: literarias e xeralistas, libro de texto, grandes proxectos e literatura infantil-xuvenil.
OBXECTIVOS
O principal obxectivo do novo equipo é poñer en valor o papel das editoriais dentro do sector do libro galego, pola importancia que este ten na preservación do patrimonio cultural do país.
Outros retos que debe afrontar teñen que ver coa necesidade de que o libro galego incremente a súa cuota de mercado, que actualmente só acada o 17% no conxunto das vendas de libros en Galicia. Desenvolver novas estratexias de internacionalización figura, asimesmo, entre os propósitos iniciais desta xeira.
O grupo que preside Xosé Ballesteros aspira a abrir canles de interlocución con todos os colectivos que teñan que ver co libro, a lectura e a cultura en xeral, ademais de normalizar a relación existente coas Administracións públicas.
A partir dunha proposta da nova directiva, a asemblea da AGE aprobou mudar o nome da entidade, que pasa a denominarse Asociación Galega de Editoras.
Compostela: sinatura de exemplares de As horas roubadas, de María Solar
O
venres 20 de maio, a partir das 19:30 horas, no Corte Inglés de Santiago de Compostela, a escritora María Solar asinará exemplares do libro As horas roubadas, publicado por Xerais.
Lugo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 20
O
venres 20 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, con horario de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 17:30 h. Presentación do libro A música das árbores, a cargo de Anxo Moure e Servando Barreiro, con actuación musical.
– 19:00 h. Presentación de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua, publicado por Baía Edicións. Xunto ao autor participan Francisco Legaspi e Belén López Vázquez.
– 20:00 h. Presentación de Que non te aten, de Manuel Iglesias Turnes, publicado por Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.
– 21:00 h. Os outros feirantes, evento nocturno na Feira, onde participan Lois Pérez, Esther Carrodeguas, o mago David Méndez, e música de Zercalo.


