O venres 30 de setembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas, publicado en Xerais. No acto, acompañando ao autor, participarán Xosé Chorén e Manuel Bragado. Crónica posterior en El Progreso.
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
‘Ambiciosas novidades marcan o panorama editorial este outono’
“As editoras comezan a desvelar as súas cartas para o que resta do ano, con propostas ambiciosas. Deste xeito, Xerais anuncia a vindeira apertura da Biblioteca Dixital Xerais, unha tenda on line que permitirá o acceso de balde a material descatalogado e a ebooks, dos cales a firma adianta o lanzamento de 5 títulos. Canda a isto, os diccionarios xurídico e de primaria, así como un volume dedicado á xeografía de Galicia son as grandes apostas en obras de referencia. A nivel literario, sairá unha compilación de todos os relatos de Manuel Rivas, así como novidades de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela, Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo entre outros. Desde Galaxia, pola súa banda, anuncian as novas propostas de Antón Riveiro Coello e Bieito Iglesias como autores galegos. A nivel de tradución, esta editora continuará a edición de 1Q84 de Haruki Murakami, e lanzará A verdade sobre Marie, de Jean-Philippe Toussaint, e C, de Tom McCarthy. Tamén Xerais incrementa o seu catálogo de títulos foráneaos coa segunda novela de Cornelia Funke. Detéctase tamén un maior interese das editoras tradicionais pola banda deseñada. Rinoceronte abre con Persépole, de Marjane Satrapi, a súa liña de BD, e Galaxia inicia unha serie de novela gráfica con Nómades, unha obra de Xosé Tomás. De novo Rinoceronte aposta por formatos anovadores coa presentación dunha colección de audiolibros en formato CD, con títulos como Seda de Alessandro Baricco ou A casa de Mango Street de Sandra Cisneros”. Vía Cultura Galega.
Un libro inédito de Gonzalo López Abente chegará ás librerías o próximo mes
“A Fundación López Abente e a editorial Alvarellos porán nas librerías Bretemada, un poemario inédito do escritor muxián Gonzalo López Abente. Trátase dunha obra escrita en 1922 e que, por causas que se descoñecen, o autor non chegou a editar en vida. O manuscrito gardábase na Real Academia Galega, que permitiu o acceso ao documento para a realización dunha edición a cargo de Miro Villar e cun prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG. A obra será presentada en Muxía a mediados do mes próximo. En outubro chegará tamén ás librerías. Ademais, antes de que finalice o ano, sairá á luz a reedición de seis novelas curtas do mesmo autor, impulsada tamén pola fundación que leva o seu nome. Baixo o título A narrativa mariña de López Abente, agrúpanse seis relatos que, cun estudo introdutorio de Suso Sambade, porá nas librerías a editorial Xerais recuperando obras hoxe descatalogadas.” Vía La Voz de Galicia.
“Os Sonetos de Shakespeare en galego: o soño dun lector”
Artigo de Xosé Manuel Pereiro en El País (Galicia): “En 1609 editábase en Londres Shake-Speares Sonnets, unha colección de 154 sonetos “never before Imprinted” [nunca antes impresos], que desde o século XIX se veñen considerando unha das cimeiras da cultura universal. Se a universalización dunha obra se pode medir polas traducións, desde finais do XVIII fixéronse unhas 70 versións completas en alemán, e hoxe está verquida desde o latín ao klingon. As traducións ao español do libro completo tardaron (a primeira, Luis Astrana Marín, é de 1941) e non chegan a unha ducia. O galego acábase de incorporar a ese club cos Sonetos de Shakespeare (Edicións Xerais de Galicia). Tanto esa estrea no noso idioma como a última e sen dúbida a máis completa versión ao castelán (en Visor) son de Ramón Gutiérrez Izquierdo (Ourense, 1956). As dúas recibiron as loas máis expresivas por parte da crítica, a pesar de que é a primeira incursión importante no xénero do seu responsable (en 1984 traducira, con Gonzalo Navaza, un libro de Douglas Gifford sobre mitoloxía americana) e, xa postos, tamén na poesía. (…)”
Lugo: presentación de Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo
O venres 9 de setembro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase a novela Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo, publicada en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Xosé Orozco e Manuel Bragado.
“Escaparate literario de obras galegas en Italia”
“A través da web Insula europea, un grupo de estudosos de diversas literaturas europeas coordinado polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia, Carlo Pulsoni, propoñen diferentes títulos coa finalidade de que as editoriais italianas se animen a traducilos. Unha das literaturas con máis presenza é xustamente a galega coas novelas Un tipo listo, de Xosé Monteagudo, A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda, Pirata, de María Reimóndez, Así nacen as baleas, de Anxos Sumai e Spam, de Francisco Castro. Este espazo virtual pretende ser un punto de encontro para novos investigadores interesados en aspectos culturais (históricos, filolóxicos e literarios) europeos. Ademais da función informativa e integradora, cómpre destacar a iniciativa da Vetrina letteraria que incorpora títulos de obras croatas, checas, portuguesas, romanesas, francesas, holandesas, alemás, españolas, inglesas e tamén galegas. Unha vez que estamos na web. premendo en cada unhas das propostas aparece a portada do libro, unha recensión do contido, a lingua orixinal, a editorial e o contacto da persoa que facilita a información. Deste xeito as editoriais italianas, que doutro xeito terían dificultades para coñecer algunhas obras estranxeiras, sobre todo aquelas procedentes de sistemas literarios minorizados, atopan suxestións avaladas por especialistas e un contacto ao que dirixirse para demandar máis información. A actualización da sección será constante por parte destes expertos de distintas nacionalidades que, no caso de que as editoriais así o soliciten, poderían incluso ofrecer fragmentos traducidos das obras requeridas”. Vía Galaxia.
Conversa con Eva Moreda en Fervenzas Literarias
Entrevista a Eva Moreda en Fervenzas Literarias, vía Xerais:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Aínda que centrada na historia de Gelo e Elisa, pasan por A Veiga é como un tempo distinto multitude de personaxes que pululan por Portobello Road e que poderían conformar o corpus da emigración, os roles que van desenvolver no novo país de acollida e todas esas Veigas que cada un deles deixaron noutro tempo.
– Eva Moreda (EM): Eu tiña claro que non quería escribir unha novela costumista, un cadro de costumes, e se cadra por iso optei por non perderme demasiado no detalle folklórico de a onde ían os galegos en Londres e onde traballaban e que comían. A novela está centrada en dúas persoas e dúas actitudes vitais fronte a emigración, a de Elisa e a de Gelo, pero era consciente de que, entre unha e outra actitude, cabían moitas máis, e intentei retratalas, aínda que fose en poucas pinceladas, no resto de personaxes. Así, por exemplo, temos a Rita, que é unha muller solteira dunha certa idade que non rompe coa súa vida anterior dun xeito tan espectacular como pode facelo Elisa, pero si que aproveita as oportunidades que lle brinda o novo país ata acadar un status que en Galicia non podería imaxinar. Conscientemente procurei non obsesionarme demasiado coa documentación, máis que dar moitos detalles moi precisos interesábame retratar actitudes vitais máis ou menos universais. (…)
– FL: Nunha entrevista anterior que compartimos con Francisco Castro, finalista da segunda edición do Narrativas Quentes, laiábase de que a literatura erótica non fora abordada polas escritoras galegas. Se vemos as grandes obras eróticas do último século, a meirande parte delas son escritoras: Almudena Grandes, Marguerite Durás, Emmanuelle Arsan…
– EM: No caso da literatura galega, creo que si hai bastante erotismo escrito por mulleres, pero case todo concentrado na poesía. É unha cuestión interesante. Se cadra é que simplemente somos menos narradoras e, en proporción, hai menos mulleres en todos os xéneros, incluído o erótico, que xa é minoritario de por si. Pero, cando escribía Organoloxía, si tiña a sensación de estar transitando un espazo que me era hostil, ou polo menos que non era o meu. (…)”.
“As editoriais galegas apostan pola narrativa clásica e contemporánea nas novidades de outono”
“Despois do repouso do verán, as editoriais galegas prepáranse para a recta final do ano cunha oferta que abrangue os xéneros e autores máis diversos. Unha das novidades máis esperadas nos andeis é a das novelas galardoadas nos premios Xerais. O gañador, Xavier Queipo, recupera o xénero de aventuras en Extramunde, un relato de mar e viaxes. Na categoría infantil triunfou nestes premios a ciencia-ficción. A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, fala da creación do primeiro ser humano artificial nunha literatura cargada de fantasía e humor. O terceiro premiado, Héctor Carré, publica a novela xuvenil Febre, unha historia do Oeste situada en terras galegas na que non faltan espías, armas e unha moza que decide non someterse ao destino e forxar o seu propio camiño. Estas tres novelas estarán acompañadas do último traballo de María Xosé Queizán, que presentará nos próximos meses Meu pai vaite matar (Xerais). Outra das novidades estrela será a nova entrega de Domingo Villar protagonizada polo detective Leo Caldas. Despois de Ollos de auga e A praia dos afogados, chega Cruces de pedra (Galaxia), unha novela que arranca coa desaparición dunha muller en Moaña. Nesta editorial publicarase tamén Laura no deserto, o regreso de Antón Riveiro Coello, e Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias. (…)” Vía La Voz de Galicia.
Monforte: actividades destacadas do sábado 27 na Feira do Libro
A XIV edición da Feira do Libro de Monforte remata o sábado 27 de agosto, na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas, contando, neste último día, coa seguinte actividade destacada:
– 19:00 h. Presentación do libro Penúltimo dietario, de Xosé Neira Vilas, publicado en Xerais, coa participación do propio autor.
Carballo: actividades literarias do venres 26 de agosto na Praza dos Libros
Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o venres 26 de agosto:
– 19:30 h. Presentación de Penúltimo dietario, de Xosé Neira Vilas, publicado en Xerais. Participan Silvana Castro, Manuel Bragado e o propio autor.
– 20:15 h. Sinatura das súas obras por parte de Xosé Neira Vilas.
– 20:30 h. Conversa con Ignacio Silva, autor de Cara B, e Rosalía Fernández Rial, autora de Átonos.
O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.