‘Como,
sentados diante do ordenador, contactamos con persoas doutra parte do planeta ou como, só a través dos ruídos que traspasan paredes, coñecemos aos nosos veciños. Fran Alonso retrata distintos xeitos de comunicación no eido urbano fuxindo do “adoutrinamento” “É imposible non ter unha mirada política sobre as cousas, pero intento non ser moralista nin didáctico”, explicou nos micrófonos de Radiofusión. En Ninguén, obra que Xerais vén de achegar aos andeis das librarías, comparten protagonismo unha muller que concerta unha cita a través de Internet, un mozo obsesionado polas voces dos seus veciños ou un escritor que recibe correos dunha lista na que nunca se deu de alta, entre outros.” Desde Xerais. A entrevista pódese escoitar enteira aquí.
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Gondomar: Agustín Fernández Paz falara sobre a súa última novela en Espazo Lectura
O
martes 8 de novembro, a partir das 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, a asociación Espazo Lectura celebra a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas, centrado en títulos de narrativa, coa participación de Agustín Fernández Paz, para falar cos lectores e lectoras da súa última novela Non hai noite tan longa (Xerais, 2011). Na primeira parte da sesión, de 20:00 a 21:00 horas, as persoas que participen no club poderán conversar arredor da novela antes de que o propio autor se incorpore á tertulia para charlar cos lectores e lectoras.
An Alfaya: “Quixen ser escritora e lectora”
Entrevista
de Camilo Franco a An Alfaya en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“- La Voz de Galicia (LVG): Para un autor, ¿que diferenza hai entre presentar unha obra diariamente nun xornal e facelo nun libro?
– An Alfaya (AA): A diferenza é na escrita. Nunha novela para un xornal hai unha esixencia de espazo. Hai que conter a linguaxe, non podes esmerarte nin recrearte nas descricións. Hai que utilizar máis substantivos e menos adxectivos. Cada capítulo ten que pecharse estimulando no lector a continuación para o día seguinte. Cada capítulo, un co outro, ten que levar ao lector ata ao final.
– LVG: No tránsito dun soporte a outro, ¿non tivo a tentación de incorporar cousas que deixou fóra por cuestións de espazo?
– AA: Non tiven a tentación de facelo porque sería outra novela [Vía secundaria]. Os bosquexos estaban perfi lados, os personaxes están aí. Quizais engadir cousas sería abrir outras vertentes e a novela variaría moito. Non gañaría na trama argumental. (…)”.
As Pontes: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
O
venres 4 de novembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal das Pontes, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participa, xunto ao autor, Mónica da Silva.
Lugo: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
O
xoves 3 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros) de Lugo, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participan, acompañando ao autor, Antón Bao e Carlos Vello.
Vigo: presentación de Vía secundaria, de An Alfaya
O
venres 28 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro Vía secundaria, de An Alfaya, publicado en Xerais, Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia no 2010. No acto acompañarán á autora Ramón Nicolás e Manuel Bragado.
Santiago: presentación de Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán
O
xoves 27 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. O acto, no que acompañarán á autora Pemón Bouzas e Manuel Bragado.
María Reimóndez, convidada á UmbriaLibri 2011, en Italia
“A
escritora María Reimóndez viaxará no próximo mes de novembro á Feira do Libro UmbriaLibri, en Perugia, que este ano leva o título de C’era una donna (Era unha muller), a onde acudirá como autora convidada para participar nunha mesa redonda que compartirá con outras autoras estranxeiras traducidas ao italiano. A súa novela O club da calceta foi publicada en italiano pola editorial Gran Via (Il club della calzetta)”. Vía Xerais.
As xornadas están organizadas por Insula europea, unha plataforma de especialistas italianos en diversas literaturas de Europa coordinada polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia Carlo Pulsoni. A escritora galega estará ao carón de Attilio Castellucci, tradutor da súa obra ao italiano, e director do Centro de Estudos Galegos da Università La Sapienza de Roma. Esta información adicional foinos enviada por Inmaculada Otero Varela, a quen agradecemos a súa atención e interese.
Santiago: presentación de O máis estraño. Contos reunidos, de Manuel Rivas
O
mércores 26 de outubro, ás 12:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase O máis estraño. Contos reunidos, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto participa, co autor, Manuel Bragado. Crónica posterior en El País.
Manuel Rivas: “O ser humano non ocupa o centro de interese das institucións”
Entrevista
a Manuel Rivas en El Ideal Gallego, a través de Xerais:
“(…) – El Ideal Gallego (EIG): Por que se sente tan cómodo na narrativa breve e no conto?
– Manuel Rivas (MR): Eu penso que é un xeito de escribir e non sei se de vivir. Escribir un conto é como manter un misto prendido na man ata que queima os dedos. É un andar intenso no que se entrelazan casualidade e causalidade, como se estivésemos nun ring, nun ring circular. Os surrealistas dicían que no círculo é onde se dan cita os antónimos: a luz e a escuridade, a vida e a morte… Un conto é como un círculo.
– EIG: Poderíase dicir que o Rivas narrador absorbe no Rivas poeta?
– MR: O poeta alimenta no narrador, entendendo que a poesía é manter o sentido das palabras e facer que escintilen. Para min a poesía está máis asociada a un xeito de ver que a unha métrica ou a un formato. Hai poemas sen poesía e hai novelas con moitísima poesía. (…)
– EIG: Como académico, qu pensa do manifesto O xogo das cadeiras contra a discriminación da muller por parte da RAG?
– MR: Penso que a composición da Academia non é xusta e apoio o sentido dese texto. Non o digo aquí porque estea nunha entrevista; alí expresei o mesmo. Na RAG fai falta unha actitude activa, un plan de futuro para romper ese desequilibrio inxusto. Pero eu non a considero unha institución machista, xa que iso implicaría unha actitude activa, ideolóxica a prol da supremacía do macho, unha circunstancia que alí non se dá.
– EIG: Vostede é un escritor que escribe coa alma. É alma o que está a faltar no mundo de hoxe?
– MR: Totalmente. “Alma” é unha palabra que expresa moi ben o que se quere dicir con ela. Cando se di que unha cousa ten alma ou tamén cando se di que algo é desalmado está moi claro o que se transmite… 0 gran problema no mundo actual é que o ser humano non ocupa o centro de interese das institucións. A referencia no ser humano mesmo desaparece da linguaxe. Eu non escoito a ninguén do FMI nin dos bancos centrais, ni de ningún Goberno falar da barra de pan nin do litro de leíte. Todo son magnitudes, cifras irreais que acaban por volver irreal a propia realidade. (…)”