Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Bases do IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro
“Como un medio de promoción para os novos autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, e como homenaxe ao veciño deste concello Xosé Carlos Mosteiro Fraga, falecido en 2017, proponse a edición do IV Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil, de obras literarias dirixidas a rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos.
Este premio concederase de acordo coas seguintes BASES:
1º. Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 3 a 12 anos. As obras deberán ser inéditas e non premiadas.
As persoas participantes deberanse atopar ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non estar incursas en ningunha das exclusións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.
2º. As obras poderanse presentar en papel ou en formato dixital (en formato .doc, .odt ou .pdf), preferentemente en soporte CD, no rexistro xeral do Concello da Pobra do Caramiñal ou na sede electrónica (https://apobra.sedelectronica.es). Tamén polo correo ordinario, mensaxaría ou en calquera dos rexistros públicos segundo o establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dirixido ó seguinte enderezo:
Concello da Pobra do Caramiñal
II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro
Rúa Gasset, 28
15940 – A Pobra do Caramiñal (A Coruña)
A presentación realizarase en 2 sobres pechados ou 2 arquivos dixitais co seguinte contido:
– SOBRE 1:
No exterior do sobre transcribirase o seguinte:
“Sobre n.º 1. IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal” e mailo título da obra.
No interior do sobre incluirase a obra que no caso de se enviar en soporte papel se presentará por triplicado, en exemplares separados, tamaño DIN A4, e impresos polas dúas caras. Ademais deberán estar numerados, grampados ou encadernados. De se presentar en formato dixital, farase do mesmo xeito por triplicado (3 CD).
En calquera soporte que se presente, na portada indicarase IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, o título da obra e o lema ou pseudónimo.
– SOBRE 2:‣
No exterior do sobre transcribirase o seguinte:
“Sobre n.º 2. IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal” e o título da obra.
No interior do sobre incluirase a seguinte documentación:
-1.º Solicitude de participación no “IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal” e a autorización para que o Concello poida recadar da Axencia Estatal da Administración Tributaria e mais da Seguridade Social os datos que acrediten que o/a participante está ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, segundo o modelo oficial que se pode atopar na web do Concello da Pobra do Caramiñal, de Barbantia ou da editorial Galaxia.
-2.º Documento acreditativo da identidade (copia do DNI, pasaporte ou NIE) da persoa autora.
3º. O prazo de recepción de orixinais remata no día 30 de outubro de 2021.
4º. A obra que opte ao premio deberá responder á extensión habitual dos libros pensados para a literatura infantil.
5º. O premio, que poderá quedar sen adxudicar se o xurado estima que ningunha das obras presentadas acada a suficiente calidade literaria, considerará unha única obra gañadora, á cal se lle asigna unha dotación económica de 3000 euros.
Para tal efecto, existe consignación orzamentaria suficiente na aplicación 334.48300 do orzamento municipal para o ano 2021.
O premio estará suxeito ás retencións fiscais que corresponderen.
As obras premiadas serán publicadas na colección Árbore da editorial Galaxia.
As autoras e autores das obras premiadas comprométense a participar nos actos de promoción que a editorial organice e a realiza-la presentación no concello da Pobra do Caramiñal.
6º. O xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial. Ademais constará dun secretario/a, con voz, pero sen voto. As decisións do xurado serán inapelábeis.
7º. O ditame do xurado darase a coñecer no día 30 de novembro, e a entrega do premio será no mes de decembro de 2021.
8º. As obras non premiadas non serán devoltas. A partir do día seguinte á deliberación do xurado serán destruídas.
9º. A presentación a este concurso literario non xera dereito ningún ás persoas participantes ata que for resolto polo xurado e ata que non for outorgado o premio por unha resolución da Alcaldía do Concello da Pobra do Caramiñal. A presentación dos orixinais a este concurso literario supón a aceptación das presentes bases e o compromiso do/a autor/a de non retirar a obra antes do ditame do xurado, acepta-lo premio se lle for concedido, ou reintegralo de non se cumpriren os requisitos que se estabelecen na convocatoria.
O incumprimento dun ou varios apartados destas bases implicaría a automática exclusión da obra presentada.”
Foz: actos destacados na Feira do Libro 2021 para os 21 e 22 de agosto
O 22 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Sábado 21
– 18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
– 19:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
– 20:00 h. Presentación e recital poético arredor do libro Manifesto 25N. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller, publicado por Alvarellos. Presentado por Montse González Álvarez, coa participación de Ruth Santiso, Toño Núñez, Pilar Maseda, Adela Figueroa e Luz Airado.
– 21:00 h. Presentación de Os mundos de agora, de Lois Oreiro, publicado por Galaxia. No acto, organizado pola Libraría Bahía, participan, xunto ao autor, Xavier Lombardero e Cielo Fernández.
Domingo 22
– 18:00 h. Concerto e sinatura de Extra!, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.
– 19:00 h. Ánxeles Goás asina exemplares de O asubío do avó, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Xulio Pardo de Neyra asina O abecedario no país das alvarizas, publicado por Medulia.
“Contemplar a extinción desde o poema”
Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“A poesía nace coa vontade de formar parte da existencia, de fundirse coa realidade e mesmo de contribuír a transformala. Nun tempo en que a principal ameaza sobre o mundo procede da súa sobreexplotación, na idade das extincións masivas, do quecemento global e do empobrecemento sen precedentes da biodiversidade, os poemas de Marta Dacosta apuntan unhas Notas sobre a extinción -o título do seu último libro- que advirten sobre o colapso do planeta, mais tamén invita a deterse e contemplalo para reparar na perda que se anuncia, para tratar de que sexamos conscientes da íntima conexión que o liga todo e que forma parte do noso ser.
A paisaxe érguese como horizonte último destes poemas, mais non a paisaxe épica dun Novoneyra, senón a das cousas humildes, a do morcego que se extravía no solpor, a da avelaíña que pousa nun libro, a da lentitude da herba. “É unha preocupación que teño desde sempre”, afirma Dacosta, “a paisaxe é algo moi importante para min, un tema de preocupación que neste momento de colapso acabou verbalizándose. O devir do mundo no que estamos é, loxicamente, un asunto que debe preocuparnos a todas e a idea de extinción recollía moitas das teimas que me ocupan o pensamento.
A extinción para min, non supón soamente a desaparición física, senón tamén a invisibilización, o esvaecemento que supón o non saber ver as cousas. Cando deixamos de ver algo, deixamos de nomealo, e iso, dalgunha maneira, é unha forma terríbel de extinción”.
Notas sobre a extinción, quizais pola magnitude do tema, semella máis reflexivo que o resto da obra de Dacosta, ou polo menos máis contemplativo. “Eu diría que é un libro de observación, de aprender a mirar as cousas. Mentres o escribía decateime de que deixaba un pouso diferente, talvez como resultado de adoptar esa posición de observadora. Claro, tamén é o resultado do paso do tempo, de como imos cambiando a mirada. Mais, en todo caso, si hai algunhas conexións con outros libros meus, de hai anos, que xa manifestaban ese interese pola paisaxe, como Crear o mar en Compostela. (…)”
Carnota: presentación de Pangalaica, de Xurxo Souto
Foz: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 20 de agosto
O 20 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 20:00 h. Carlos Labraña asina exemplares de Contra o reloxo, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Presentación dos poemarios gañadores dos Premios Illas Sisargas, O cuarto de Jane, de Charo Pita, e Rascamaceiras, de Laura R. Cuba, publicados por Caldeirón. Estarán acompañadas por Eduardo Estévez.
– 21:00 h. Paco Rivas asina Rosas envaiñadas, publicado por Medulia.
Foz: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 19 de agosto
O 19 de agosto comeza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Pregón a cargo de Marilar Aleixandre.
– 20:00 h. Marilar Aleixandre asina exemplares de As malas mulleres, publicado por Galaxia.
Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2021 para o 16 de agosto
O 16 de agosto finaliza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 horas, e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Xavier Queipo asina exemplares de Corazón de manteiga, publicado por Galaxia, e O paso do noroeste, publicado por Aira.
– 20:00 h. Yolanda Castaño presenta e lerá fragmentos de Xela quixo ser ela, publicado por Xerais.
Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2021 para o 13 de agosto
O 13 de agosto comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 12:00 h. Pregón a cargo de Arantza Portabales.
– 13:00 h. Arantza Portabales asina exemplares de A vida secreta de Úrsula Bas, publicada por Galaxia, e Historias de mentes, publicado por Bululú.
Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 10 de agosto
O 10 de agosto finaliza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:30 h. Presentación de Catas na memoria. A persecución franquista no Val Miñor, de Carlos Méixome, publicado por Laiovento.
– 18:30 h. Suso Bahamonde asina Instrucións para matar un oso, publicado por Belagua.
– 19:30 h. Presentación de Aniñar en neve, de Ana Ramil, publicado por Espiral Maior. Participan, xunto á autora, Eva Veiga e Miguel Anxo Fernán-Vello.
– 19:30 h. Carlos Méixome presenta Catas na memoria.
– 20:30 h. Pilar García Negro asina exemplares de Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, publicado por Alvarellos, e Rectificar a historia. Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero, publicado por Laiovento.
– 20:30 h. Xavier Queipo asina exemplares O paso do noroeste, publicado por Aira, e Corazón de manteiga, publicado por Galaxia.
– 20:30 h. Ana Ramil asina Aniñar en neve.