Baldo Ramos: “Neste momento da miña vida poesía e plástica están moi unidas”

Entrevista a Baldo Ramos en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (P): Cal é o xerme de Cartas dende o esquenzo (Galaxia, 2018)?
– Baldo Ramos (BR): Este libro nace do meu interese por experimentar sobre as limitacións que ten a linguaxe para comunicarnos cos demais. Todos, dun xeito ou doutro, temos vivido as consecuencias de convivir cun enfermo de alzhéimer. Como dicía Pasqual Maragall, esta doenza borra a memoria pero non borra os sentimentos. E ese sería o meu segundo interese á hora de escribir este libro: a indagación neses espazos que seguen ocupados polo amor profundo que sente un pai polos seus fillos e os seus fillos por un pai que padece esta doenza. (…)
– P: Cal pensa que é o aspecto ou elemento que mellor define o seu traballo poético?
– BR: Non penso que sexa eu o máis indicado para facer esa valoración, pero síntome moi identificado coa poesía que mira cara a dentro, que conta desde espazos ou enfoques que non pretenden unha interpretación unívoca, previsible, do poema. Comparto aquilo que practicou Eduardo Chillida con toda a súa obra: “O creador non pretende dar respostas senón facerse preguntas”. Para min o traballo poético é un campo de experimentación inesgotable e moi pracenteiro. O maior incentivo que eu teño para seguir escribindo.
– P: Vostede cultiva tamén as artes plásticas. Cal é a relación que para vostede existe entre estes eidos artísticos?
– BR: Neste momento da miña vida poesía e plástica están moi unidas, quizais porque nos últimos tempos teño experimentado máis no ámbito da poesía visual e me interesa esa mestizaxe, ese contaxio. Eu penso que a necesidade de ir dunha a outra explícase pola miña visión da poesía como algo material. E experimentando coa materialidade na poesía e coa abstracción na plástica, ao final chegas a eses puntos de contacto, a ese diálogo por osmose no que a pintura pode lerse como poesía e a poesía pode verse como pintura. A miña obra caligráfica exemplificaría estes vasos comunicantes, como tamén os meus últimos proxectos compartidos con Pepe Cáccamo no ámbito da poesía visual.
– P: Cal é a súa opinión sobre o estado actual da poesía en lingua galega?
– BR: Polo que respecta aos autores e obras que están vendo a luz, coido que estamos a vivir un momento plural e vizoso. Pero falta un maior dinamismo editorial que canalice esa creatividade e que a divulgue, que a dea a coñecer. Aquí e fóra. Hai iniciativas meritorias no ámbito da edición en Galicia (quizais máis ca nunca), pero non as suficientes como para que se visibilice, como penso que merece, todo o potencial da poesía galega contemporánea. (…)”

Antía Yáñez gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2018

Desde Galaxia:
“O sábado 14 na Fundación Barrié de Vigo entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos. A gañadora desta segunda edición foi Antía Yáñez coa novela Senlleiras. A obra narrada dende diferentes tempos, aborda unha custión tan presente ao longo da historia como a violencia contra as mulleres. O xurado, composto por Anxos Sumai, Daniel Asorey, Montse Pena Presas, Xacobe Pato e Antía Monteagudo, valorou que esta novela “conta cun estilo literario moi coidado, que á vez mestura diferentes voces narrativas e fontes diversas, e é capaz de recrear con precisión e profundidade todo tipo de ambientes”. Ademais, subliñan que “as súas protagonistas, mulleres que teñen que contruír o propio camiño para atoparse a sí mesmas e, ás veces, para rebelarse, son das que non se esquecen”.
Vanesa Santiago, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Antía Yáñez dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista pontevedresa Basilisa Fiestras. A escultura, ao igual que o ano pasado, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa A banda da Loba, un dos grupos con máis proxección da escea musical galega e que está integramente composto por mulleres.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de camiños e na actualidade reside en Cecebre (Cambre), dende onde compaxina a escrita e a ensinanza en obradoiros literarios para rapaces e rapazas coa xestión dunha academia. Entre os premios dos que foi merecedora a súa obra atópanse o Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria en 2013, o Premio de Relatos Curtos Os Viadutos en 2014 e 2017, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre en 2016. Previamente, publicara xa unha novela infantil con grande éxito entre o lectorado mozo O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), que acadou xa varias reimpresións. Agora a súa nova novela, Senlleiras, premiada por unanimidade do xurado, chegará ás librarías nas próximos semanas dentro da colección Literaria da Editorial Galaxia, a carón dos clásicos das nosas letras e tamén de moitos autores e autoras actuais de recoñecido prestixio, o que agardamos sexa un impulso definitivo na súa traxectoria. (…)
A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), amais de Vanesa Santiago e a propia gañadora.”