Antón Riveiro Coello: “Os tolos eran para min, desde os meus ollos de neno, a máxima expresión da liberdade”

Entrevista de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Praza:
“(…) – Praza (P): A crítica salientou que, ademais de ser Carlos Casares un personaxe máis, a novela tamén é unha homenaxe ao estilo literario deste autor…
– Antón Riveiro Coello (ARC): A ferida do vento é, en certa maneira, unha continuación de Casas baratas. En Casas baratas chegara á adolescencia, e esta novela, que transcorre, en realidade, nunha semana, pode lerse como unha continuación. A ferida do vento está perto da concepción literaria de Carlos Casares, en concreto da súa segunda etapa, máis realista. A miña pretensión era, como dixen, homenaxear Vento ferido e, en xeral, a obra narrativa de Carlos e as súas teimas como escritor: facer historias accesibles, cun estilo directo, suxestivo, cunha sintaxe fluída, para chegar a un público amplo que inclúa a xente que non está afeita a ler. Unha literatura popular.
Quería recrear, ademais, o mundo vilego de xeito que fose recoñecible para calquera persoa que viva nun núcleo de poboación de entre, quizais, 5.000 e 30.000 habitantes. Tamén era para min importante a inocencia como perspectiva. Carlos reivindicaba a inocencia: el trataba de contemplar o mundo cos ollos dun neno. E tamén o humor, para o que el tiña un talento natural. Ou a oralidade. Hai moitas anécdotas que tirei da oralidade. Carlos é un personaxe secundario na novela, unha persoa cunha gran capacidade para absorber anécdotas e elaboralas literariamente. Ademais, contábaas moi ben: coas súas pausas, o mantemento da tensión ata o final…
– P: É unha novela de iniciación, de aprendizaxe. Un xénero tan coñecido… É por iso que falas da inocencia o motivo de que o protagonista sexa un adolescente, de que a historia estea contada desde o seu ollar?
– ARC: É unha novela de formación, de aprendizaxe, na que están presentes a miña experiencia e a miña imaxinación. É un rapaz de 15 anos, vive nese momento no que se está a formar a personalidade e no que son tan importantes experiencias como o amor, a relación coa morte…, que van configurando o que imos ser despois… É un tema recorrente na literatura, si, e tamén é unha das chaves da miña literatura. A adolescencia, ademais, leva sendo máis ou menos o mesmo dende hai séculos, polo que creo que calquera adolescente pode sentirse identificado…
Na novela, un feito tráxico marca a Antón, que ten o seu primeiro contacto coa morte. A personaxe de Gabriela inspírase nunha rapaza que se chamaba, en realidade, Dulce María. Foi o meu primeiro amor, de rapaz. Eu tiña 13 anos. Seguindo o consello das miñas fillas e doutra xente que me dicía que así sería máis crible, decidín que o personaxe de Antón tivese 15 anos. A min pasoume como lle pasa a el: agocháronme a traxedia e ao final o silencio foi aínda peor. Claro, todo o que conto non é tampouco exactamente o que me pasou a min: está pasado polo filtro da literatura, aínda que teña unha base real. (…)”

Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A poesía infantil promove unha actitude comprometida cara ao noso idioma”

Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): De onde nace a idea de Versos para conversar?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Da necesidade de tocar esa vertente e tamén dun reto proposto polas miñas fillas, que me dixeron hai dous anos: “Papá, está moi ben iso que fas, pero a ver cando fas algo específico para nós”. A raíz diso nace este libro e outros que se están a facer.
– SG: Versos para conversar indaga na tradición popular e contén algún dialectalismo da fala. Cal é a intención?
– XCDA: Quéreselle facer unha reivindicación e unha homenaxe á nosa cultura, á popular por suposto, pero tamén á tradición cultural culta. Por outra banda, está a reivindicación da lingua coa chiscadela esa de poñer trazos dialectais nalgún caso que formaron parte dunha cultura milenaria potente. O galego é unha lingua viva e nosa, unha lingua moderna adaptada a calquera situación comunicativa do presente e do futuro, de aí esa vertente de reivindicar o trazo dialectal. (…)
– SG: E quizais tamén para fomentar novas e novos poetas, non?
– XCDA: As editoriais, en xeral, apostan polo máis vendíbel, e promoven que o máis vendíbel sexa a narrativa e descóidase, por exemplo, a poesía. É necesario que haxa máis textos e desde logo traballar a cotío con ela. Na miña experiencia nas aulas, son profesor de secundaria de Lingua e Literatura Galega, decátaste que moitos rapaces apenas tiveron contacto coa poesía. Isto é unha carencia do sistema educativo, pero tamén da oferta cultural. Este ano no meu centro propuxen traballar coa poesía a todos os niveis educativos. Todos os anos traio un autor e este ano veu Carlos Negro, que estivo esta semana con nós. Os rapaces implicáronse moitísimo coa poesía de Carlos Negro. O ano pasado, coa de Manuel María, o mesmo. Entón ves que a poesía é algo que lle hai que ofrecer e que hai que traballar axeitadamente e que o público, neste caso o adolescente, responde moi satisfactoriamente. (…)”

Bota a andar o ano Casares

Desde Sermos Galiza:
“A Academia Galega, a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura, o Pen Galicia, a editorial Galaxia, a CRTVG, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e de Xinzo da Limia presentaron a programación anual dedicada ao escritor, que será o protagonista indiscutible do ano editorial e cultural.
Galaxia, que acolle a inmensa maioría da súa obra, comezará o ano publicando un feixe de obras pendentes co obxectivo de que “estea toda a súa obra ao dispor dos lectores e lectoras”. Así, publicará os cinco Toribios (literatura infantil), que se atopaban descatalogados; así como os ultimos volumes de Á marxe, que reúne a súa obra xornalística. En febreiro verá a luz tamén un conxunto de relatos e tamén as columnas A delicia de ler. E na primavera chegará unha biografía do ourensán da man de Henrique Monteagudo.
E aló polo mes de novembro, a Academia desenvolverá o Simposio Carlos Casares en colaboración co Consello da Cultura Galega e da Fundación que leva o seu nome. A propia sede da RAG, na Coruña, acollerá tres xornadas centradas na faceta literaria do homenaxeado, que en 1978 se converteu no académico de número máis novo. O seu labor como intelectual público e comprometido coa proxección exterior da cultura galega será outro dos seus perfís nos que se deterá a parte dos encontros que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, institución que dirixiu durante seis anos. O programa completarase en Ourense, a súa cidade natal.
Edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos son tamén parte da programación que foi presentada hoxe. Haberá tamén concursos literarios, unha carreira deportiva, lecturas públicas e recitais, obradoiros, relatorios e máis. O CDG, en coprodución con Talía Teatro, levará a escena a novela Os mortos daquel verán, que se estreará en Compostela en maio.
Na rede
A Academia visitará o vindeiro 21 de febreiro o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu a súa residencia. Alí presentará a nova edición da Primavera das Letras, proxecto co que fornecerá a comunidade escolar de recursos didácticos para achegar o público máis novo á figura e á obra do escritor, ademais do espazo biográfico dedicado a Casares na web oficial da RAG.
E o día 17 de maio a sesión plenaria extraordinaria que realiza a Academia terá lugar nun dos lugares fundamentais na súa vida, Xinzo da Limia, a localidade na que se estableceu coa súa familia cando tiña apenas tres anos.”

Entrevista a Daniel Asorey no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Non quería facer un futuro idealizado, quería facer un futuro crítico, tomar unha clara posición polos dominados”. Daniel Asorey publica Nordeste, a novela coa que gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol. Pode accederse á entrevista aquí.”