Radiocrítica do 05-01-2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 5 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de A Diagonal dos tolos, de Santiago Lopo (1.07), A Divina Comedia, en tradución de Darío Xohán Cabana (8:00), Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza (12.20), de Aurora López e Andrés Pociña e de Erik, o construtor de soños, de Kike Gómez e Dani Padrón.”

Pódese escoitar directamente aquí.

Radiocrítica do 22-12-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 22 de decembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López das obras de Álvaro Cunqueiro El año del cometa, Vida y fugas de Fanto Fantini e Flores del año mil y pico de ave (00:50); de Atravesar o fantasma, de Carlos Callón (6:40), da Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena (11:00) e de Ícaro, de Federico Delicado (16:25).

Pódese escoitar directamente aquí.

Luís García Soto gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

DesdeLuís G. Soto Galaxia:
“Vigo, luns 19 de xaneiro de 2015, 13.30 h.
A obra Barthes filósofo, da que é autor Luís García Soto, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2014, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 19 de xaneiro de 2015, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.
O premio desta décimocuarta edición está dotado con 3.000 euros e o ensaio ha ser publicado pola Editorial Galaxia durante este ano.
O xurado valorou especialmente que este ensaio faga unha interpretación, desde Galicia, da obra de Roland Barthes, importante autor cuxo legado está presente na cultura do século XXI. O autor interpreta a produción multidisciplinar de Roland Barthes como a dun auténtico filósofo. Argumentando a través da análise de cada unha das obras de Barthes, o ensaio debulla esta tese, en clave semiolóxica, na procura dun diálogo con quen le.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Cachero, Antón Figueroa, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema, como secretario con voz e voto. (…)”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2014

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2014. En total, este ano recibimos 531 enquisas.
Con esta edición, son xa oito as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros.
Agradecer igualmente á Federación de Librarías de Galicia por colaborar, un ano máis, con este iniciativa.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…

– Mellor libro de Narrativa de adultos para A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz ((Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás (Espiral Maior).
– Mellor libro de Ensaio para Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena (Xerais).
– Mellor libro de Teatro para Lapsus, de Alfonso Pexegueiro (Axóuxere).
– Mellor libro de Banda Deseñada para O bichero, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Jude o escuro, de Thomas Hardy, traducido por María Fe González (Hugin e Munin).
– Mellor libro xuvenil para Reo, de Xesús Fraga (Galaxia).
– Mellor libro infantil para Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Na cociña de noite, de Maurice Sendak, traducido por Oli (Kalandraka).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para David Pintor.
– Mellor portada dun libro para adultos para Olympia Ring, 1934 (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Escarlatina, a cociñeira defunta, con portada de Víctor Rivas (Xerais).
– Mellor editorial para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para a política lingüística e cultural da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”

María Xosé Queizán: “Pídolle contas a Blanco Amor polo seu comportamento como gay”

EntrevistaMaría Xosé Queizán de Jorge Lamas a María Xosé Queizán en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Vostede parte dun feitos máis ou menos coñecidos para tecer unha historia [A boneca de Blanco Amor].
– María Xosé Queizán (MXQ): Si, o que eu fago é recuperar unha personaxe que Blanco Amor deixa simplemente como o que ten a boneca. A boneca, que foi clave para min para escribir o libro, tamén é clave en A Esmorga. É máis que unha boneca porque suscita desexo dun dos esmorgantes que o leva a rachala e á violación, é dicir ten un papel moi importante, non así o seu dono. Pero eu recupéroo e convértese en fundamental na miña novela. (…)
– LVG: ¿Alude dalgunha maneira a Blanco Amor na novela?
– MXQ: Eu pídolle contas e dígolle o que non lle dixen en vida. (…)
– LVG: ¿Por non falar abertamente da súa condición?
– MXQ: Si, a homosexualidade marcou a súa vida, incluso tivo que marcharse de Ourense. Eu vivín o regreso de Blanco Amor a Galicia, coñecino cando xa era moi maior e puiden comprobar, e estiven en conversas con outros persoeiros galegos do seu tempo, como era o trato, como o feito de ser homosexual lle dificultaba moitas cousas. Moita xente falaba moi ben del pero logo non eran amigos como podían ser entre eles. Sempre estaba presente aquel estigma. El viviu iso con moita dor. A pesar de que era un home moi orgulloso non fixo o que eu penso que debería ter feito. (…)
– LVG: ¿Que lle pareceu a versión cinematográfica de A Esmorga?
– MXQ: Estiven na estrea en Ourense. Gustoume. Axústase moito á novela e resolve aspectos nada doados; o guion é moi bo, a interpretación é magnífica e os escenarios tamén. Eu que non son nada partidaria do cine nin galego nin español porque me gusta o cine ben feito, e non estou para volver a empezar, quero dicir que son bastante intransixente. Sen embargo, creo que esta é unha película exportable perfectamente e de gran interese porque a obra o ten, polos seus personaxes cheos de vida. Penso que podería concorrer perfectamente ao Oscar en idioma estranxeiro. (…)”

Vigo: presentación de A boneca de Blanco Amor, de María Xosé Queizán

OMaría Xosé Queizán xoves 15 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102, baixo) de Vigo, preséntase A boneca de Blanco Amor, de María Xosé Queizán, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Ledicia Costas e Víctor F. Freixanes.