Antón Riveiro Coello: “Cústame moito dar por boa unha páxina”

EntrevistaAntón Riveiro Coello de Xan Carballa a Antón Riveiro Coello en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Nun momento dado da súa novela [Os elefantes de Sokúrov] un personaxe fai unha sorte de manifesto do escritor, “conforme pasan os anos, máis críticos e crueis nos volvemos con nós mesmos. Ao principio, canto peor escribimos, máis nos gustamos e, andando o tempo, o proceso faise inverso até o punto de que canto mellor escribimos máis duros somos coa nosa obra (…) o libro, ao final, é a suma desordenada dun soño”. Que hai da súa propia opinión neste texto?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Que os escritores cando escribimos loitamos contra Joyce é algo que se ten dito con acerto. Conforme pasan os anos pelexas contra ti mesmo e eu convértome no meu inimigo máis esixente. É paralizante. Téñenme preguntado en que momento un se sente escritor e penso que só cando es capaz de verte cunha ollada externa, como se foses un inimigo furibundo de ti mesmo. Trato de facelo e cando lle dou a ler un texto ao editor ou a unha persoa de confianza pídolle dureza porque sei que vai beneficiar o resultado. É curioso que hai xente que con pouco máis de vinte anos é quen de escribir a súa mellor obra, e non penso que sexa eu mellor e máis fresco con máis idade. Quizais porque de máis novo hai menos temores, pero a min pésame o tempo e cústame moito dar por boa unha páxina. Nunca estou contento e iso é terríbel. (…)
– B: Por que o cinema do siberiano Aleksandr Sokurov é un dos motivos do título? Só por un gusto persoal ou hai máis razóns?
– ARC: No título están os elefantes porque aparecen fisicamente na vida da protagonista, pero tamén polo seu sentido metafórico. Son animais altruístas, intelixentes, con boa memoria, con conciencia de si e de grupo, como os personaxes principais da novela. A presenza de Sokurov significa o interese pola arte e a creación. Quería unir a arte de masas coa alta cultura e a metáfora final da novela é que tanto os elefantes como os personaxes comparten un hábitat en perigo de extinción. Dunha banda está a cultura para o pracer, globalizada, e de outra a cultura transcendente como a do cine de Sokurov. El é un cineasta que, sobre todo en películas como Nai e fillo, Pai e fillo ou Fausto, elabora cadros sucesivos. O seu formalismo romántico está perto da estética dos grandes paisaxistas ingleses ou alemáns do XIX, e máis que manexar unha cámara parece que ten unha paleta de cores. Di que o cinema aínda está a medio de camiño de poder ser considerado arte, unha arte suprema que para el está sobre todo na literatura. Sokurov representa a transcendencia, porque a alta cultura antes axudábanos a entender os grandes problemas da vida humana e hoxe a cultura global axúdanos a evadirnos deles. No meu libro, a través de Janis, aparecen outros elementos, tamén a pintura, aínda que considerada con certa ironía e crítica, porque hoxe non hai un consenso sobre que valores estéticos debe ter unha obra para ser considerada artística.
– B: A novela transcorre en plena crise económica e iso está presente con crueza.
– ARC: Todos viven un momento complicado, e cando debuxaba o personaxe principal pensaba nas miñas fillas. Unha xeración cualificada inxustamente de hedonista ou que está baixo a síndrome de Peter Pan, que non marcha da casa… cando iso moitas veces é hoxe imposíbel. Porque na súa mente xa non está mercar unha casa, un coche, ter compromisos matrimoniais ou ter fillos… todo iso é unha quimera na actual situación de crise. E no libro tamén están tamén as dúas xeracións anteriores, con problemas diferentes, pero que están convivindo e actuando entre elas coa mesma crise, de desatención, de falta de saídas, de falta de traballo, de ausencia de futuro… (…)”

Entrevista a Marcos Calveiro sobre Fontán, no Diario Cultural

DesdeMarcos Calveiro o Diario Cultural da Radio Galega:
“”(Os científicos) son menos públicos que os escritores, o seu traballo é tan importante na conformación dunha sociedade ou dun país pero sempre quedan fóra da luz dos focos”. Marcos Calveiro presenta Fontán, unha novela biográfica sobre o matemático e xeógrafo Domingo Fontán. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Uxía e Magín Blanco: “Manuel María é un referente e quixemos actualizalo, facelo atractivo aos centros de ensino”

EntrevistaUxía e Magín Blanco Canta o cuco a Uxía e Magín Blanco en Praza:
“(…) O libro-CD Canta o cuco, froito dunha conxunción de estrelas como as que son Uxía e Magín Blanco, foi realizado na Casa-Museo Manuel María e publicado por Galaxia na colección Sonárbore con arranxos musicais de Santi Cribeiro e Guillerme Fernández. O traballo, ilustrado por Leandro Lamas, componse de 14 temas e unha sorpresa: son temas de poemas musicados como O carro, A vaca, A cidade, O cuco… extraídos do libro Os soños na Gaiola, que acaba de editar a Fundación Manuel María e que foi pioneiro da literatura infantil e xuvenil galega. Tamén conta con outros versos recompilados d’As rúas do vento ceibe, Terra Chá, Panxoliñas ou Os lonxes do solpor. Xunto a eles, unha creación propia da man de Uxía e Magín Blanco, Todo me fala de ti, na que ambos os dous artistas dialogan co poeta e coa súa rica personalidade.
– Praza (P): Como foi o proceso de creación? Coñeciades a obra de Manuel María?
– Uxía (U): Este verán estivemos na Illa de Arousa gozando da natureza e alí estivemos dándolle forma a este traballo, lendo os seus poemarios. Eu xa profundara na súa obra e, de feito, xa cantei a Manuel María en Andando a Terra, o cal me serviu para afondar na súa obra, que xa coñecía. Gozamos moito del, inspirados. Santi Cribeiro foi o director e intentamos facer un traballo honesto.
– Magín Blanco (MB): A precisión na métrica e na rima, é dicir, a musicalidade que atesouran os versos de Manuel María, as letras dos versos, son fáciles de musicar, de que a música os acompañe. Foi unha experiencia moi bonita e foi doado introducir os estilos musicais que posúe este traballo discográfico. Son os que se corresponden con el e co seu universo.
– Leandro Lamas (LL): Coñecía previamente a obra do autor e esperei a que me chegara para intentar plasmar o universo da súa obra. Empreguei óleo sobre unha táboa pequena enteada, en tamaño real e nun proceso delicado, menos groso que cando pinto nun formato de maior tamaño. Tratei de reflectir coa imaxe as características fundamentais presentes neste traballo. (…)
– P: Volvendo ao disco, ao traballo sobre Manuel María, como vedes os tres a situación da lingua e a importancia de que este ano próximo se lle dedique as letras galegas?
– U: Unha das funcións da música, de xente como Amancio Prada, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, Manuela e Miguel, etc foi a da normalización e dignificación a través das letras dos nosos autores máis representativos Pondal, Curros, Cabanillas, Rosalía… Esta función debe continuar e debe actualizarse ese discurso para os máis pequenos. O discurso de Manuel María, escritor ao que se lle dedican as letras este ano, é o de loitar pola lingua, para que non se perda no futuro.
– MB: A reivindicación da tradición, da revisión do discurso musical e literario é un fenómeno que se está a levar a cabo na actualidade en América do Sur e no mundo anglosaxón. Debemos facer atractiva a lingua e a literatura, cómpren iniciativas que garantan o futuro da lingua. Nós queremos contribuír positivamente a través de símbolos presentes na súa obra como o son o cuco, o carro, a dorna e a súa elegancia…
– LL: A lingua está en clara decadencia, é gravísimo. É necesario moito agarimo á hora de visibilizala. Xa estaba nunha situación difícil e existe un desleixo no urbano e unha non renovación no rural. Son necesarias máis ferramentas para garantir o seu futuro. (…)”

Bases do IV Premio Microcatrorrelatos 2016

Premio Catro 2015 1Premio Catro 2015 2O xurado estará composto por Clara do Roxo, Anxo Angueira, María Jesús Fariña Busto e Amadeo Cobas.

Entrevista a Antón Riveiro Coello sobre Os elefantes de Sokúrov

DesdeAntón Riveiro Coello o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Pilar G. Rego entrevista ao escritor Antón Riveiro Coello, que acaba de sacar ao mercado a novela Os elefantes de Sokúrov, unha historia ambientada na cidade de Santiago, na que se mesturan temas coma o amor, o suicidio ou a crise económica. A entrevista completa pode verse aquí.”