O
martes 15 de maio, ás 20:00 horas, en Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o primeiro libro de Clara do Roxo, A princesiña que conducía unha locomotora, publicado en Galaxia. No acto a autora estará acompañada por Francisco Castro e Ledicia Costas.
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Coñécense as/os gañadoras/es dos Premios AELG 2012
Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2012, que premian as mellores obras editadas en 2011, e que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
Narrativa: Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
Ensaio: Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.
Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias.
Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
Mellor Blog Literario: As crebas, Miro Villar.
Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos Premios outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritoras e Escritores:
- Acordouse outorgar o premio para INSTITUCIÓNS que se caracterizan polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, contribuíndo así á necesaria normalización lingüística. Nesta edición o galardón vai para o labor colectivo desenvolvido por tantas persoas que dende hai décadas, no ámbito da administración e da educación, contribuíron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos -o escolar e o administrativo- desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.
- Finalmente, a Asemblea Xeral de Socios e Socias decidiu outorgar o Premio Internacional da AELG ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL, ao escritor JOSÉ LUIS SAMPEDRO. Concédeselle este máximo galardón da AELG a José Luis Sampedro para significar o alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que o converten nun referente na defensa da dignidade humana. Ante a imposibilidade de desprazarse a Galicia por razóns médicas, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro, na que indicou que “a vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”
O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Cea das Letras, felicitación e aplauso que fai extensiva a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén aquí o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.
É obrigado anotar o agradecemento a todos aqueles/as socios/as que participaron na escolla das obras gañadoras, ao longo das dúas quendas do proceso de selección, pois coa súa colaboración axudan a medrar o prestixio, a solidez e a divulgación do esforzo creativo en lingua galega, obxectivo prioritario para a AELG.
Gondomar: Víctor Freixanes participa no Clube de lectura Sete Vidas
O
martes 8 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova edición do Clube de Lectura Sete vidas, que xirará arredor da novela Cabalo de ouros, publicada en Galaxia, contando coa presenza do seu autor, Víctor F. Freixanes.
Santiago: actividades destacadas do xoves 3 e venres 4 na Feira do Libro
Continúa
a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do xoves 3 e venres 4 de maio son as seguintes:
* Xoves 3:
– 19:00 h. Presentación dos libros Ruído de fondo, de Daniel Salgado e Os fillos do mar, de Pedro Feijóo, publicados por Xerais. Acompañará aos autores Manuel Bragado. Ao remate do acto, os escritores asinarán exemplares dos seus libros.
* Venres 4:
– 19:00 h. Presentación do libro Herdeiros pola forza, de Xurxo Ayán e Manuel Gago, publicado por 2.0 Editora. Xunto cos autores, participa no acto Antón Lado.
– 20:00 h. Presentación do libro Un pozo moi fondo, do doutor José Luís Iglesias Díaz, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Nieves Herrero e Francisco Castro.
Santiago: actos destacados da Feira do Libro para o sábado 28 e domingo 29 de abril
Comeza
a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do sábado 28 e domingo 29 de abril son as seguintes:
* Sábado 28:
– 13:00 h. Inauguración oficial, coa participación da Asociación do Traxe Galego, e pregón inaugural a cargo de Víctor F. Freixanes.
– 20:00 h. Presentación do libro Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, publicado en Galaxia. Xunto coa autora, participan no acto Víctor F. Freixanes e María Xesús Nogueira.
* Domingo 29:
– 18:00 h. Obradoiro de narración oral e contacontos a cargo do narrador senegalés Boniface Ofogo. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro O león Kandinga, publicado por Kalandraka Editora.
– 19:00 h. O renacer da literatura fantástica en galego: Urco editora e Contos estraños editora. Presentación das novidades das dúas editoras.
Boiro: presentación de Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias
O
venres 27 de abril, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do Centro Social (Rúa Principal, s/n) de Boiro, preséntase o libro Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias, publicado en Galaxia, e o número 74 do suplemento cultural A Voz de Barbantia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participan, xunto ao autor, Xesús Laíño, Xosé Ricardo Losada e Helena Teixeira. A continuación do acto terá lugar o concerto David Lojo Quartet, na Estación Leñaverde.
Manuel Núñez Singala e Elena Gallego, premios Frei Martín Sarmiento
“Fallouse
o
VIII Premio Frei Martín Sarmiento para as categorías de 1º e 2º da ESO e de 3º e 4º da ESO. Gañaron, respectivamente, Dragal, de Elena Gallego (Xerais) e Menú de enganos de Manuel Núñez Singala (Galaxia).” Vía Gálix.
Fina Xaime Isla Couto, o último da xeración Galaxia
“O
economista e Presidente de Honra de Editorial Galaxia Xaime Isla Couto morreu este mércores 25 de abril en Vigo. Isla Couto foi un dos fundadores de Editorial Galaxia en 1950 e unha importante personalidade no ámbito da cultura galega e da galeguización da empresa e da banca en Vigo durante o século XX. (…)” Vía Cultura Galega.
Premios da Crítica 2011: Olga Novo e Antón Riveiro Coello
En
representación
da Sección da Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Laura Caveiro envíanos a noticia oficial sobre os galardoados de 2011 en lingua galega:
Poesía: Cráter, de Olga Novo, poemario publicado en Toxosoutos en 2011. “Cinza, lava, pedra e rocha son fenómenos que acompañan a erupción dun volcán ou o choque dun meteoro, e no poemario Cráter representan as “emanacións vitais” da autora, aquí poetizadas”.
Narrativa: Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, novela publicada en Editorial Galaxia. “A partir de datos reais, como a vida de Mercedes Núñez, presa no cárcere de Ventas e confinada no campo nazi de Ravensbrück, o autor compón con mestría varias historias arredor do sentimento de culpa en situacións de inferno colectivo, con distintos narradores e escenarios: Pobra do Caramiñal, Compostela, Carcassone, Nova York e Berlín.”
Vigo: presentación de Contos para ir durmir, de Roi Méndez
O
martes 24 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Pintor Lugrís, 10) de Vigo, preséntase o primeiro libro de Roi Méndez, Contos para ir durmir, publicado en Galaxia. No acto estará acompañado por Francisco Castro.
