Entrevista
con Fernando Díaz-Castroverde, recente gañador do Premio de narrativa breve Repsol, en Galaxia:
“(…) – Galaxia: Por que se decidiu polos microrrelatos?
– Fernando Díaz-Castroverde: O microrrelato é un xénero narrativo que, no meu criterio, ten certas concomitancias coa poesía na que tamén se procura un máximo efecto a partir dun mínimo contido. Elementos como a trascendencia, a ironía, o poder evocativo da palabra… é común a ambos xéneros e eu atópome moi cómodo nese rexistro. Esa foi, amais da fascinación que desde sempre sentín por esta estrutura fugaz, a razón da miña escolla. (…)”
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Fernando Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol con Microbios e outros paquidermos
“Fernando
Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol coa obra Microbios e outros paquidermos, dotado con 9.000 euros e a publicación da obra na Editorial Galaxia. Fina Casalderrey, membro do xurado, definiu a obra gañadora como “un libro harmonioso, relacionado cos aforismos”, destacando “o uso da a contundencia do breve, utilizando a retranca, ou absurdo, a transgresión e a crítica mordaz”. Son microrrelatos intelixentes que levan á reflexión, conseguindo un ritmo áxil que convida a facer paradas para o lector. “É un libro para pensar”, concluíu. Trinta e nove foron as obras orixinais e inéditas que, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120, se presentaron a este premio que chega á súa quinta edición. O xurado, formado por prestixiosas personalidades das letras galegas, estivo composto por cinco membros: Dolores Vilavedra, Darío Xohán Cabana, Carlos Lema, Xabier López e Fina Casalderrey. A entrega do Premio terá lugar antes do final do ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.” Vía Galaxia. Entrevista en La Voz de Galicia, e reseñas en Xornal, La Opinión, Fervenzas Literarias e El País (Galicia).
Xavier Frías Conde: “A débeda das Letras Galegas con Madrid”
Artigo
de Xavier Frías Conde en Galaxia:
“A literatura en lingua galega tivo sempre unha sede lonxe do seu territorio natural e non estou a me referir a Buenos Aires, senón a Madrid. Case todos os grandes persoeiros da literatura galega, a comezar por Rosalía e Murguía e a seguir polo último homenaxeado das Letras Galegas, Loís Pereiro, pasaron tempadas longas da súa vida nesa cidade. Porén, esta é só unha parte da realidade, outra menos coñecida e moito máis dinámica e que Madrid segue a ser caldeira onde bole a literatura galega. Ademais dunha ducia de autores que viven na capital de España e crean en galego, existe unha dimensión cultural importantísima que non pasa desapercibida, onde mesmo dúas universidades, a UNED e a UCM, dedican tempo e esforzos a promover a literatura en lingua galega. O motor da creación galega nos últimos quince anos é o chamado Grupo Bilbao, así chamado por teren un faladoiro na Glorieta de Bilbao no delicioso Café Comercial. Alí foi fundada a colección de cadernos poéticos O Roibén, que está a espera de renacer nunha segunda época, nese mesmo formato de cadernos. Por tanto, considero inxusto o desinterese, en moitos casos a mantenta, que se fai do Grupo Bilbao e dos escritores galegos de Madrid, pois ao meu ver teñen todos eles moito que dicir no ámbito literario galego. En Madrid celébrase o Día das Letras Galegas durante unha semana enteira e con tantos actos como se poden facer nas máis das cidades galegas. Hai público e, ademais, a presenza de autores galegos en Madrid está a ser unha marabillosa montra para os eventuais lectores de lingua non galega. Non en van, de aquí xurdiron xa varios poetas alógrafos dunha excelente calidade poética. Paga a pena achegarse, ver e coñecer. Estades todos convidados aos faladoiros galegos do Café Comercial nos últimos sábados de cada mes a partir das catro. A palabra en galego, con café, sabe aínda mellor.”
A Coruña: exposición No niño novo do vento, e faladoiro sobre A obra dramática de Álvaro Cunqueiro
A
Consellería de Cultura, Editorial Galaxia, e Fundación Penzol, coa colaboración do Concello da Coruña, presentan a exposición No niño novo do vento, conmemorativa do centenario de Álvaro Cunqueiro, que estará aberta desde o xoves 8 de setembro na Sala Municipal de Exposicións do Palexco, na cidade herculina. A exposición, comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes, estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueiriano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición. A inauguración terá lugar o xoves 8 ás 12:00 horas. (…)
O mesmo día, ás 19:00 h., no mesmo recinto, Ánxeles Cuña, Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal e Laura Tato participarán nun faladoiro baixo o título A obra dramática de Álvaro Cunqueiro.
“Escaparate literario de obras galegas en Italia”
“A
través da web Insula europea, un grupo de estudosos de diversas literaturas europeas coordinado polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia, Carlo Pulsoni, propoñen diferentes títulos coa finalidade de que as editoriais italianas se animen a traducilos. Unha das literaturas con máis presenza é xustamente a galega coas novelas Un tipo listo, de Xosé Monteagudo, A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda, Pirata, de María Reimóndez, Así nacen as baleas, de Anxos Sumai e Spam, de Francisco Castro. Este espazo virtual pretende ser un punto de encontro para novos investigadores interesados en aspectos culturais (históricos, filolóxicos e literarios) europeos. Ademais da función informativa e integradora, cómpre destacar a iniciativa da Vetrina letteraria que incorpora títulos de obras croatas, checas, portuguesas, romanesas, francesas, holandesas, alemás, españolas, inglesas e tamén galegas. Unha vez que estamos na web. premendo en cada unhas das propostas aparece a portada do libro, unha recensión do contido, a lingua orixinal, a editorial e o contacto da persoa que facilita a información. Deste xeito as editoriais italianas, que doutro xeito terían dificultades para coñecer algunhas obras estranxeiras, sobre todo aquelas procedentes de sistemas literarios minorizados, atopan suxestións avaladas por especialistas e un contacto ao que dirixirse para demandar máis información. A actualización da sección será constante por parte destes expertos de distintas nacionalidades que, no caso de que as editoriais así o soliciten, poderían incluso ofrecer fragmentos traducidos das obras requeridas”. Vía Galaxia.
“As editoriais galegas apostan pola narrativa clásica e contemporánea nas novidades de outono”
“Despois do repouso do verán, as editoriais galegas prepáranse para a recta final do ano cunha oferta que abrangue os xéneros e autores máis diversos. Unha das novidades máis esperadas nos andeis é a das novelas galardoadas nos premios Xerais. O gañador, Xavier Queipo, recupera o xénero de aventuras en Extramunde, un relato de mar e viaxes. Na categoría infantil triunfou nestes premios a ciencia-ficción. A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, fala da creación do primeiro ser humano artificial nunha literatura cargada de fantasía e humor. O terceiro premiado, Héctor Carré, publica a novela xuvenil Febre, unha historia do Oeste situada en terras galegas na que non faltan espías, armas e unha moza que decide non someterse ao destino e forxar o seu propio camiño. Estas tres novelas estarán acompañadas do último traballo de María Xosé Queizán, que presentará nos próximos meses Meu pai vaite matar (Xerais). Outra das novidades estrela será a nova entrega de Domingo Villar protagonizada polo detective Leo Caldas. Despois de Ollos de auga e A praia dos afogados, chega Cruces de pedra (Galaxia), unha novela que arranca coa desaparición dunha muller en Moaña. Nesta editorial publicarase tamén Laura no deserto, o regreso de Antón Riveiro Coello, e Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias. (…)” Vía La Voz de Galicia.
Carballo: actividades do domingo 28 de agosto na Praza dos Libros
Dentro
da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve até este domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o no seu último día, domingo 28 de agosto:
– 12:30 h. Presentación de A ciencia no punto de Mira, de Jorge Mira, publicado por Auga Editora. No acto participan, acompañando ao autor, Santi Garrido e José María de la Viña.
– 19:30 h. Presentación da nova serie infantil A familia Caravana, de Pepe Carreiro, publicada en Edicións do Cumio. No acto participan, xunto ao autor, Milagros Lantes e Francisco Villegas.
– 20:00 h. Miguel Sande asinará exemplares do seu libro A vida fóra, publicado en Galaxia.
O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.
Carballo: actividades do sábado 27 de agosto na Praza dos Libros
Dentro
da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o sábado 27 de agosto:
– 12:30 h. Presentación de Luís Suárez. Fútbol de seda, de Xan Fraga, publicado en Baía Edicións. No acto participan, co autor, Marcos Trigo e Manolete, ex-xogador do Deportivo da Coruña.
– 20:30 h. Presentación de In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto o autor estará acompañado por María Canosa.
O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.
Monforte: actividades destacadas do xoves 25 na Feira do Libro
A
XIV edición da Feira do Libro de Monforte, aberta desde o mércores 24 ao sábado 27 de agosto, na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas, contará cos seguintes actos destacados para o xoves 25:
– 19:00 h. Cándido Pazó ofrecerá o monólogo humorístico Cunqueiradas, baseado en textos de Álvaro Cunqueiro.
– 20:30 h. Presentación dos libros Noutra dimensión, publicado en Galaxia, e Onde houbo lume, publicado en Biblos Clube de Lectores, de Marica Campo, a cargo da propia escritora.
Sanxenxo: presentación de In vino veritas, de Francisco Castro
O
luns 22 de agosto, ás 20:00 horas, na Sede Náutica Novacaixagalicia de Sanxenxo, terá lugar a presentación de In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto estará acompañado pola xornalista María Solar.