Entrevista
de Montse Dopico a Eduardo Estévez en Praza:
“(…) – Praza (P): entrar na casa é froito dun encontro co fotógrafo Ignacio Castro. Como foi?
– Eduardo Estévez (EE): Ignacio Castro leu o meu libro construcións e viu que había unha relación entre a súa e a miña forma de mirar. Levo tempo dándolle voltas ao tema de mirar dunha maneira diferente. Interésame moito a literatura militante, que a verdade é que envexo, pero a min non me sae. Pois a maneira que atopei de facer algo semellante foi esa: tentar mirar as cousas desde outra perspectiva. Non para levar a mirada dos demais á miña, senón co obxectivo de que o lector se decate de que hai outras formas de mirar. En construcións facía iso mirando aos pequenos detalles. Porque mirar o detalle pode ser outro xeito de ver o total, o xeral.
Pois Ignacio Castro envioume unha ligazón para que puidese ver as súas fotos. Intercambiamos varios correos e unha vez e díxenlle que un día podiamos facer algo xuntos. Nunha semana respondeu: facemos? E así foi. Establecemos un diálogo do que o libro é resultado. Non é un libro de poemas con fotos nin un libro de fotos glosadas con textos. Eu escribín textos a partir de fotos, el fixo fotos a partir de textos… e os dous intervimos no que facía o outro. El orientaba os meus textos e eu as súas fotos. (…)
– P: Por que a idea da construción sae tanto na túa obra, entón?
– EE: Eu penso moito en como fago o que fago. Interésame moito o proceso, a construción. E tamén a construción que cada un fai de si mesmo. Interésanme os procesos máis que os resultados. Desfruto moito co proceso de construción dos libros. Agora estou co proxeto de baleas, que creo que é un dos mellores libros que escribín. É un work-in-progress que fun publicando en internet, con todas as versións de todos os poemas. Se cadra o publico tamén en papel. (…)
– P: lúa gris ten algunha conexión con en construción: a casa, as pegadas, a ausencia… Que relación teñen? Ou a idea de lúa gris era máis ben outra?
– EE: lúa gris é o máis parecido a un libro autobiográfico. Naceu dun soño no que aparecía a casa da miña infancia pero derruída. Afortunadamente a casa segue en pé, pero a imaxe serviume de escusa para facer o libro sobre a infancia e a adolescencia. Tanto ten se o que se conta ten un correlato biográfico estrito ou non. Mirado con ollos xornalísticos hai poemas que falan de cousas que aconteceron e outros que son construcións imaxinarias. E mesmo os que falan de cousas que aconteceron son tamén construcións imaxinarias, claro… (…)”
Arquivos da etiqueta: Eduardo Estévez
Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
Desde
o Concello de Malpica:
“O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra A razão do perverso. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada A outra voz, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.
Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.
Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de A outra voz xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea. (…)”
Vigo: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e Ignacio Castro, Nachok
Foz: actos destacados da Feira do Libro do sábado 22
O
sábado 22 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz no seu penúltimo día (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Presentación do libro De paseo con Crunia, de Cristina Corral Meilán, publicado por Embora. Ao finalizar, a autora asinará exemplares da súa obra.
– 19:30 h. O fotógrafo Ignacio Castro, “Nachok”, asinará exemplares do libro Entrar na casa, con poemas de Eduardo Estévez, publicado por Estaleiro, na caseta da Libraría Bahía.
– 20:00 h. Presentación de De punta a chicote. Dicionario de expresións mariñeiras e Traca-traco, de Paco Rivas, publicados por Edicións do Cumio. Participan, xunto ao autor, Cándido Meixide e os mariñeiros Ton de Chao e Ricardo “Ridó”.
– 21:00 h. David Pobra, autor de Liña azul, publicado en Xerais, conversará sobre o detective Palmeira, protagonista da súa obra.
Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do martes 11
O
martes 11 de agosto comeza a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 20:30 h. Presentación do libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro, nun acto presentado por Serxio Iglesias.
– 20:30 h. Modesto Fraga asina exemplares do seu libro Atlántica luz. Poesía mareira 1995-2015, na caseta da Libraría Á lus do candil.
– 21:15 h. Pregón da Feira a cargo de María Canosa, acompañada por Yolanda García Leal e Ramón Vigo Sambade.
Bos Aires: recital poético de Eduardo Estévez arredor de entrar na casa
Eduardo Estévez e o fotógrafo Ignacio Castro ‘Nachok’ publican Entrar na casa en Estaleiro Editora
Foz: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez
Compostela: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e fotografías de Ignacio Castro, “Nachok”
O
venres 5 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase o libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro. No acto, xunto aos autores, participa Alba Viñas.



