Arquivos da etiqueta: Eli Ríos
Presentación de Bicha na Deputación de Ourense (17-7-2015), por Eli Ríos
Desde
o blogue de Eli Ríos:
“O venres 17 de xullo, na Deputación de Ourense, Patricia Román máis unha servidora puidemos ter entre as nosas mans a obra Bicha. Foi realmente emocionante porque era a primeira vez que entrabamos en contacto todos os elementos xuntos.
Para quen non puidestes estar alí, déixovos, aquí, o meu agradecemento do XII Premio Pura e Dora Vázquez:
“En primeiro lugar quería darlle os parabéns a Patricia Román por este premio e agradecerlle as fantásticas ilustracións que realizou para Bicha. Se xa é dificil realizar unha ilustración con alguén con quen tes compenetración… facer o que fixo ela é incrible. De feito xa non son quen de recordar as personaxes que imaxinei. Agora só podo velas como ela as debuxou.
En segundo lugar, pero non só non menos importante senón fundamental. Agradecerlle a todas as persoas que nos tiveron a paciencia inmensa nos períodos de facer real este libro que hoxe aquí presentamos. Javier, Alfonso, María José, Tórculo Edicións (aos que mareamos ben mareados!) e, en especial, a Ana porque a pobriña non só tivo que aguantar as loucuras creativas senón unha “fuxida de tellado” pola que me quero desculpar publicamente. Cando me chamou para comunicarme o fallo do xurado deuse unha situación surrealista porque me colleu co pé cambiado e lembro que só acertei a preguntarlle: Pero estás segura que son eu? E alí se puxo a reler a acta e a comprobar que eu realmente era eu. Grazas Ana por non colgarme o teléfono nese momento de dúbida existencial.
E, tamén, á Deputación de Ourense, a todas as persoas que facedes posible este premio e ao xurado porque é unha honra levar un premio con nome de muller. E de dúas mulleres como Pura e Dora Vázquez! Elas que nos abriron o camiño ás demais e nos mostraron que outra forma de facer as cousas é posible incluso nun xénero tan maltratado como a literatura infantil.
Por último, gustaríame recoller unha pregunta que facía Pura Vázquez no seu poema Visitas ao Bosco: ”(¿E si o lobo se casara/ coa nena Caperuciña?)“ Con esta pregunta convídovos a entrar en Bicha para darlle a volta aos prexuizos sobre a literatura infantil e á invisibilidade das mulleres na escrita, para seguir o camiño aberto por Pura e Dora Vázquez e para que, espero e desexo, desfrutedes dunha obra escrita e ilustrada por mulleres porque a bicha non existe desde o individual senón que todas e todos facemos parte dela. Moitas grazas.”
Eli Ríos: “Luces e sombras no diario”
Artigo
de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Achegarse á lectura dun diario é complexo. Máis aínda se nos fala dunha enfermidade que, a día de hoxe, continúa roubándonos momentos coas compañeiras e amigas porque as quendas, para esta viaxe, non van pola toca, van pola leva.
No Diario da luz e a sombra a mesma diarista, María Victoria Moreno, convértese nesa personaxe literaria que proxecta unha forma de entender o mundo entre o íntimo e o público: a intimidade do monólogo que as demais escoitan… e debullan! Desde a primeira páxina! A autora vainos procurar e ” obrigarnos” a participar porque estas liñas “O meu desexo sería que, xa feitas libro, caesen nas mans de persoas que padecen cancro que que lles servisen para coller azos” e “a quen non teña ningunha relación co cancro e lea este diario, quero dicirlle que é mortal -amólate, curioso lector-“(p. 15). E entramos nese proceso de escrita (sen as regras tan estrictas como poden ter outros xéneros), nesa escusa de caracter aleatorio e inmediato que realiza o truco de maxia para transfomar o invisible en visible grazas á complicidade porque “o meu descubrimento é que, compartindo ledicias, todos os que entramos no reparto tocamos a máis” (p. 89). Si, querida persoa lectora, “ledicias” porque o cancro de mama é unha enfermidade que afecta, neste caso, a unha muller, non a define. Así, a través das páxinas, coñecemos “a filla que calquera nai desexaría ter”(p. 103), a cadeliña Alma que comparte as súas dores, as cartas de Pedro Ferriol que lle chegan desde o outro lado do océano, etc Unha vida completa que a autora nos vai mostrando cómo mirar desde todos os prismas posibles: os días que se encontra mellor, os días que a dor a posúe, os días que ten que facer un esforzo inxente para dirixirse cara o seu traballo ou o día que descobre que un viño cos amigos cura moitos padecementos. Todos os anaquiños que acaen á perfección para formar o todo.
A luz é un elemento fundamental neste diario pero tamén hai sombras. E para elas ten reservadas unha arma moi potente: o humor. O cotiá dos procesos médicos mostran unha beleza afectiva que nos sorprende (e axuda a relativizar moitas cousas). Coa mestría dunha fascinante narradora, nas primeiras páxinas descubrimos que na sala da quimioterapia “había un paisano que flipaba por min”(p. 40) e queremos saber máis. O diario dosifica os tempos, as sombras e os soños de montar unha granxa de vacas desde as butacas do hospital. E a historia evolúe cos retallos daqueles que saben que ” o cancro no é un regalo. É, falando claro, unha putada”(p. 21)” e enceréllase coa imaxe no espello, coas lembranzas do pasado, coas promesas de futuro desde Cuba, coas aventuras dos seus alumnos ou descubrimentos como ” agora vexo que fixen o ridículo preocupándome polo que podía ser e non foi”(p. 74). (…)”
A importancia de cambiar as lentes…, por Eli Ríos
Artigo
de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“O diario violeta de Carlota (Gemma Lienas, 2011, Galaxia) é precisamente iso: un diario que escribe unha adolescente chamada Carlota. Non existen, polo tanto, nesta narrativa, espazos de fantasía ou irreais. Carlota escribe sobre o mundo que a rodea.
O día do 14 aniversario de Carlota, a avoa Isabel dalle como agasallo un caderno rosa cunha mancha violeta e non sabe moi ben qué facer con el. A súa outra avoa, Ana, propónlle analizar a realidade desde outra perspectiva porque “Todos os elementos machistas vánsenos metendo dentro do cerebro sen que no deamos de conta. Precisamente para sermos conscientes, temos que poñer unhas lentes violetas(*) e miralo todo cuns ollos novos, con ollos feministas (*) (p. 22) xa que “as lentes violetas que me permiten ver- deixando á parte esa mirada masculina que nos ensina a sociedade- o significado real de moitas situacións” (p. 141) Desta forma, Carlota realiza enquisas, cuestiona a familiares e persoas coñecidas, observa os medios de comunicación desde a óptica da igualdade para ir descubrindo as grandes diferencias no tratamento entre homes e mulleres en cuestións como o sexo, relacións e diferenzas laborais, educacionais, etc. Afectada por todos os datos que recolle decide crear ACOMI (Asociación Contra Os Modelos Impostos, p. 122) para dar a coñecer os resultados das súas pesquisas e implicar non só o seu círculo máis próximo senón, incluso, a colectividades doutros centros educativos porque “temos que loitar contra calquera discriminación” (p. 151).
Aínda que na versión galega hai algunha colocación pronominal que dificulta a súa lectura (“Así pois, convencinche para escribires o teu diario violeta?”- p. 22-, “E que queres que lle eu faga?” -p. 79-, “É que a min me gustan as mozas…”-P. 119-), en xeral, esta historia está narrada con moita naturalidade e sentido do humor. Búscase, polo tanto, un achegamento á persoa que le sen victimizar as mulleres, sen atacar aos homes e cunha linguaxe próxima á utilizada na adolescencia para facer unha análise de diferentes aspectos. Ademais inclúe, no final, un glosario no que se explican e detallan as palabras e conceptos que poidan resultar complicados.
Sen ser unha novela nin un manual, este diario pon riba da mesa aqueles interrogantes que, hoxe en día, están de plena vixencia: as expresións que, aínda que non se usen con intención de facer dano, teñen tintes machistas por tradición, a crueldade coa que se califica o físico das mulleres, os hábitos aprendidos como que o rapaz teña que tomar a iniciativa nunha relación amorosa, etc. E, sobre todo isto, Carlota apréndenos a reflexionar cunha sinxela regra da inversión coa que, dándolle a volta á nosa forma de ollar as cousas, descubriremos (e incluso nos sorprenderemos) que a realidade está chea de prexuizos e desigualdades. Si. Prexuízos e desigualdades que, unha vez detectados, teñen solución. E Carlota convídanos a xuntarnos nese esforzo.”
Videopoema de Eli Ríos, do poemario Doe tanto a túa ausencia
Lara Dopazo gaña o Certame Francisco Añón de Poesía 2015 con Ovella
Desde
o Portal Galego da Língua:
“Lara Dopazo Ruibal, natural de Marim, foi a ganhadora do certame Francisco Anhom de Poesia na ediçom de 2015, dotado com 1.200 €. Segundo o júri, o poemário ganhador, Ovella, salienta polo «trabalho de precisom» da autora, numha «esturtura longa, nada fácil de trabalhar» em que também «destaca o trabalho com as imagens».
O júri também concedeu dous accesit para os poemários Ani(vers)ario, de Vicente Vázquez Vidal (Melide) e Nomearte é morrer un pouco menos, de Manuel Otero Boquete (Ames).
Na seqüência do ato de entrega dos prémios participárom, entre outras pessoas, Verónica Martínez Delgado, autora do prefácio de Doe tanto a túa ausencia, de Eli Ríos, obra ganhadora em 2014. Também foi apresentada uma coletânea dos trabalhos apresentados em 2014.”
Eli Ríos gaña o I Premio de Poesía Rosalía de Castro con Café intenso
Luís Valle: “En poesía tan importante como crear é destruír”
Entrevista
de Carme Vidal a Luís Valle en Sermos Galiza:
“(…) Este domingo día 12 de abril presenta As cicatrices do Sol en Fornelos de Montes. Será no acto no que o poeta Luís Valle reciba o Premio Lueiro Rey de Poesía nun acto que contará coas acteriores gañadoras Eli Ríos e Silvia Penas, os críticos Ramón Nicolás, biógrafo de Lueiro Rey, e Armando Requeixo, representante do xurado, ademais do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero.
– Sermos Galiza (SG): Como recibe as críticas que falan, maiormente, da excelencia da súa obra e da singularidade da súa voz poética?
– Luís Valle (LV): A verdade é que non me recoñezo nelas. Supoño que o traballo, a dedicación, o agarimo e a paixón que lle pos á actividade que elixes na vida ten que dar resultados. No meu caso decidín hai vinte anos escribir poesía e poñerlle todo o meu empeño. Cando algo forma parte da túa vida de xeito tan íntimo acábase notando. Ao meu ver a clave está aí, a xente que vive intensamente a literatura valora que outra persoa se empeñe e procure facer as cousas do mellor xeito. Escribir poesía ten moito a ver co traballo e a emoción. Precísase técnica e esforzo, pulir e tentar chegar ao poema en cada ocasión, que non sobren versos, que non sobren palabras, que o son, a imaxe e o contido intelectual se axusten.
– SG: Mais no feito creativo hai algo máis que traballo, é dicir, non todo o mundo que o intenta o consigue.
– LV: Existen moitos discursos sobre o que é o talento e o xenio mais no meu caso non me valoro como escritor talentoso nin, desde logo, xenial. O que son é poeta vocacional, son e síntome poeta as vintecatro horas ao día e ao final o traballo acaba tendo valor literario, acaba sendo poesía. Compre ser autocrítico e merece a pena ler, reler e analizar a propia obra. Normalmente antes de dar ao prelo un libro paso bastante tempo con el, con momentos en que vexo inconsistencias, nos que non me recoñezo e preciso volver a pensar. No traballo poético tan importante como crear é destruír, ser quen de liberarte e esquecer o tempo. Desexo deixar unha obra poética, nada transcendente, mais a miña, cun camiño poético propio. (…)”
Cuestionario Proust: Lino García Salgado
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Lino García Salgado:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A lealdade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan amizades verdadeiras, por riba do tempo.
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir, aínda que por veces se convirta nunha guerra.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Rexentar unha libraría con salón de presentación para todo o mundo que a precise.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A ignorancia.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ha, ha…, músico.
9.– En que país desexaría vivir?
– Aquel no que non teña que facerme esta pregunta.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Margaridas brancas.
12.– O paxaro que prefire?
– O peto.
13.– A súa devoción na prosa?
– Bufff, Mario Benedetii, José Luis Sampedro, Xabier López ou Xurxo Borrazás.
14.– E na poesía?
– Bufff outra vez. Aquí tiro pola casa: Eli Ríos, Eduardo Estévez, Lino Braxe, Alberte Momán, Verónica Martínez Delgado, etc., etc… Perdón por nomear moitos máis e merecidos (Estevo Creus, Xabier Cordal…) e os de sempre: Manuel María, Uxío Novoneyra, Lois Diéguez, Marica Campo, Xosé Vázquez Pintor…
15.– Un libro?
– La tregua, de Mario Benedetti.
16.– Un heroe de ficción?
– O meu alter ego ou o meu avatar en versión triunfadora, ha ha. Non sei… Trancos, do Señor dos Aneis.
17.– Unha heroína?
– Rosalía de Castro e…, todas as nais.
18.– A súa música favorita?
– Silvio Rodríguez.
19.– Na pintura?
– Paul Cézanne e unha amiga que dará que falar: Arantza Pardo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os pais e nais.
21.– O seu nome favorito?
– Roi.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mentira.
23.– O que máis odia?
– O mesmo, a mentira.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Tamén hai moitas, pero prefilo esquecelas.
25.– Un feito militar que admire?
– Poucos, pero quedariame con aqueles que non chegaron a ser militares, aqueles que o pobo parou como a Revolución dos Cravos. Hai máis pero…, supoño que abonda con un.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ser máis positivo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha, ha, ha. Pero supoño que cun libro na man e soñando que estou nel, que formo parte del.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Apoucado, negativo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A tristeza, se se pode catalogar como defecto.
30.– Un lema na súa vida?
– Levantarse de novo, aínda que nunca o digo en voz alta.”
A noite do império minuto, por Eli Ríos
Artigo
de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“En A noite das mulheres cantoras, de Lídia Jorge, a protagonista Solange de Matos conta en primeira persoa o proxecto de criar un grupo musical nos anos oitenta en Portugal. Apocalipse, que así se chama a banda de mulleres cantoras, pretende deixar de lado a canción lusitana tradicional e achegarse á “música para ver” con ritmos pop e letras sinxelas. Recorda, 21 anos despois, Solange, ese momento no que soñaban cos seus quince minutos de gloria. E as lembranzas van e veñen: axugan o pasado co presente e o futuro. Bambeando entre 1998 e 2009, Lídia Jorge quebra a linearidade do tempo narrativo, maxistralmente, xerando unha espiral que, nas continuas idas e voltas ao pensamento, nese instante en que se enuncia como no xa enunciado, revira unha e outra vez. A autora móstranos que, para comprender o paso do tempo, precisamos ter a mente esperta porque, no século XXI, entramos no “império minuto”. Ese no que os “os momentos de tal modo concentrados que, ainda que ocupassem mais de meia hora, na percepção da assistência, cada prestação deveria não durar mais que um segundo”(p. 15). E nesta articulación perfecta dos tempos, que só é capaz de conseguir Lídia Jorge, a construción das personaxes enxerga unha solidez que unicamente no final, con todas as pezas do quebracabezas no lugar exacto, nos permite comprender que a esta narrativa non lle sobre nin lle falta unha coma. (…)”

