Reportaxe en Sermos Galiza:
“(…) Cal foi o problema para que diferentes escritoras como Ledicia Costas, Emma Pedreira ou Eli Ríos, ou mesmo o editor Manuel Bragado, leven manifestando o seu malestar durante días? Que houbo tres programacións paralelas: unha organizada pola Federación de Libreiros, con libros e autores e autoras galegas; outra organizada polo Concello, o Xardín dos Libros, con actividades para crianzas; e unha última, con financiamento do Concello pero decidida polas librarías da Coruña, chamada “A Carpa das Librarías”, que fixo unha programación maioritariamente en español e con autores e autoras españolas, como Sonsoles Ónega, Soledad Puértolas, Antonio Orejudo ou Carlota Corredera, directora do programa de televisión Sálvame que pechará o programa esta cuarta feira.
Ademais do agravio comparativo da diferenza de investimento entre os autores e autora sen español e os/as galegas, que até é graficamente visible no folleto pois os españois aparecen en maiúsculas; os problemas de organización foron patentes durante toda a feira, con interrupcións entre uns espazos e outros e mal desenvolvemento das actividades, tal e como denunciaron en redes sociais varias persoas, entre elas as escritoras Eli Ríos e Emma Pedreira. (…)
Ríos, recente gañadora do Torrente Ballester de novela e do López Abente de poesía, publicou un duro post no seu blog ao respecto da feira “para sacar do silencio a situación de moitas persoas que fomos menosprezadas”. No texto compara a situación das autoras galegas coas de fóra: “As persoas que escribimos pagamos a nosa gasolina, as peaxes, dedicamos horas ás viaxes, etc. e iso sae dos nosos petos. E nunca nos queixamos. Ata agora. Ata o momento no que o Concello da Coruña (puxo os cartos) e as Librarías da Coruña (decidiron como usalos) investiron unha cantidade enorme na Feira do Libro para traer escritores/as que nunca mercaron un libro nas vosas librarías e que nunca pagaron impostos no Concello da Coruña”. (…)
Tamén Ledicia Costas, Premio Nacional, manifestou nas redes sociais a súa “decepción e tristura”. “Contraprogamar do xeito en que se fixo é para min sinónimo de boicotear. E o boicot ao libro galego e as autoras e autores galegos desde certa parte do sector das librarías coruñesas, co apoio económico do Concello da Coruña, é algo tan delirante que a esta altura coido que só queda recibir unha explicación de quen corresponde. Polo que a min respecta, se este é o modelo que se vai implantar de agora en diante na Feira do Libro da Coruña, baixo deste tren en marcha. Xa haberá outro ao que subir. Outro onde nos mimen, nos coiden e nos respecten”. (…)
Outro dos persoeiros destacados que se sumou ás críticas foi Manuel Bragado, director de Xerais, que tamén expresou no seu blog a súa “decepción” polo modelo de organización: “Creo a todas luces fóra de lugar preparar nunha mesma feira dous programas distintos de actividades e arranxar dous espazos (a lata e a carpa) con moi diferente dotación de medios e comodidades, tanto para os oradores como para o público”. Tamén se referiu á “insoportable interferencia sonora entre o que sucedía na «lata» e na carpa, que incomodou aos oradores e dificultou ao público o seguimento dos actos simultáneos”. (…)”
Arquivos da etiqueta: Emma Pedreira
A Coruña: recital poético de Lía Santiso, “Íntimas expresións”, presentada por Emma Pedreira
“Queremos tanto a M.V.M.”, por Emma Pedreira
Artigo
de Emma Pedreira en Sermos Galiza:
“(…) María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1941-Pontevedra, 2005) deixou dito “Ningunha lingua me necesita a min” e a estas alturas afirmámola imprescindible para a dignidade deste sistema literario feble, en parte, pola súa misoxinia. Precisamente a súa modestia e sinxeleza fan resaltar máis a paixón por unha lingua e un lugar que a acolleron afacéndoselle ás contornas do corpo e do pensamento e grazas aos cales puido soñar o seu primeiro libro en galego (Mar adiante, 1973), ou que a fixeron sobreporse á absurdez de teorías machistoides que aluden á ósmose inversa e coleito polo que unha muller non pode definirse políticamente á marxe do seu compañeiro. Por iso antologar poetas novxs, nacionalistas e comunistas, nunha edición bilingüe para que todo o estado coñecese a situación vital e estado de saúde da poesía galega dos anos setenta, foi no seu tempo unha acusación e non un merecido aplauso. (…)
Eu vin falar da historia de amor que esta muller procurou con todo o seu mundo inmediato, desde as crianzas até os animais a quen consideraba almas puras e emocionais con dereito a voz propia. Desde a ensinanza até o amor que fai retroceder a morte no seu xogo de aproximacións. Desde as palabras até as persoas. Desde o compromiso até os perigos que conleva, que a ameazaron e mesmo derrubaron a porta que deu intimidade da súa casa. E vin falar das súas escollas, de como foi debullando a súa biografía de nena fronteiriza nunha raia esluída na Estremadura de posguerra e decidiu o que non: crueldade, inxustiza, represión e acritude e isto deu paso ao si, que soubo abranguer co seu carácter máis tamén coa súa escrita e carácter docente: a voz propia das criaturas insonorizadas na escrita imperante, a aproximación das rapazas aos seus protagonismos, a intelixencia emocional, o activismo cultural coa voz e as mans molladas e non simplemente sentada atrás dun escritorio.
Todo, efectivamente, extraliterario. Así como o son os afectos, as estradas secundarias polas que conducir igual que polas marxes do sistema. Extraliterario como as raiciñas, esas das que tamén provén a palabra radicalidade que afianzou, para a nosa fortuna, a María Victoria Moreno na nosa lingua e no noso sistema literario como unha pioneira que decidiu traballar desde esa raíz que é a LIX, unha base de adestramento dxs lectorxs do futuro, un berce de criterio onde a escrita ten máis que saúde. (…)”
Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do mércores 7
O
mércores 7 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 16:00 a 22:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:
– 19:30 h. Presentación de O monstro de Ille, de Jorge Emilio Bóveda, publicado por Galaxia. Participan David Cortizo e Francisco Castro.
– 19:30 h. Emma Pedreira asina exemplares Bibliópatas e fobólogos, publicado por Galaxia.
– 20:30 h. Presentación de Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández, editada por Galaxia. Acompañan ao autor Armando Requeixo e Francisco Castro.
Compostela: presentación de Abadessa, Oí Dizer
Santa Cristina, Oleiros: Noite de poemas e narrativa polas Letras Galegas
O mércores 17 de maio, ás 21:00 horas, en Bitácora (Avenida Américas, 57, Santa Cristina, Perillo, Oleiros), terá lugar unha Noite de poemas e narrativa, no marco do Día das Letras Galegas, coa participación de Nuria Otero, Alfredo Ferreiro, Laura Rey, Ramiro Torres, Emma Pedreira e Xosé Duncan, acompañados coa música de Carla López.
A Coruña: presentación de Bibliópatas e fobólogos, con Emma Pedreira
Entrevista a Emma Pedreira sobre Bibliópatas e fobólogos
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Paixón, distancia crítica e humor. Emma Pedreira presenta Bibliópatas e fobólogos que publica Galaxia. Pode accederse á entrevista aquí.”
Taboleiro do libro galego (abril 2017)
Desde Cicloxénese Expresiva:
“Continuamos co excelente traballo que se viña facendo no Caderno da Crítica.
Queremos agradecerlle a axuda a Ramón Nicolás e ás librarías que colaboraron con nós para a elaboración desta listaxe: Pedreira, Cartabón, Paz, Biblos, Miranda, Andel do libro, Suévia e Chan da Pólvora.
Narrativa
– Os nenos da varíola, de María Solar. Galaxia.
– Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva. Galaxia.
– Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira. Galaxia.
– Vento ferido, de Carlos Casares. Galaxia.
– Izan o da saca, de Xabier Quiroga. Xerais.
Poesía
– Camuflaxe, de Lupe Gómez. Chan da Pólvora Editora.
– Suicidas, de Francisco Cortegoso. Chan da Pólvora Editora.
– A relixión do mar, de Xosé Iglesias. Instituto de Estudos Miñoráns.
– Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Galaxia.
Ensaio
– Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, de María Xesús Lama. Galaxia.
– Non des ao esquecemento, de Luís Bará. Instituto de Estudos Miñoranos.
– Historias de galegos extraordinarios, de Salvador Rodríguez. Belagua Edicións.
– Bolcheviques, de Teresa Moure (coord.). Através Editora.
Xuvenil
– Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas. Xerais.
– A soidade das medusas, de Iria Collazo. Galaxia.
– Europa express, de Andrea Maceiras. Xerais.
Infantil
– Primeira semana na escola de vacas, de Cutbill e Russell. Editorial Patas de peixe.
– O monstro das cores, de Ana Llenas. Flanboyant.
– Minilibros imperdibles 1 e 2. Kalandraka.
Libro CD-DVD
– Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso. Nova Galicia Edicións.
– Aire, de María Fumaça. Galaxia.
– A bruxa da discordia, de Mamá Cabra e Carmen Gil. Galaxia.
Banda deseñada
– Bichero VI: Ti sacha!!!, de Luís Davila. Autoedición.
– Historias Floreánicas, de Gogue. TodoGrove Edicións.
– A lei da cidade sen alma, de Víctor Boullón. Kómic librería e Demo Editorial.
Revistas
– Luzes.
– Tempos.
– Follas novas.”



