“Non outra novela máis sobre a Guerra Civil”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Dá a sensación, cando falamos da Guerra Civil española, que xa todo está escrito e que nada queda por levar ao papel. Que dalgún xeito todo o de irresoluto que ficou atrás do conflito está a pairar fisicamente sobre a nosa realidade mais que na cuestión literaria a tinta xa ten secado como o sangue en cicatrices vellas. Pero tamén dá a sensación de que só a tinta masculina ten contribuído a esta teima de sanación. Son moitas e moi boas as liñas que se concentraron a falar do conflito (sen contar con lateralidades, marxinalidades, tanxencialidades, testemuños, alegorías e derivativos que ten dado a guerra e as súas consecuencias), mais, canto hai de feminino na escrita, ben de ficción ben testemuñal, da Guerra Civil? (…)
Ocorre igual en Galiza, hai esta escaseza? Podemos dicir que, na ficción narrativa e en masculino, si. É abondosa a narrativa escrita por homes que andou a refollar no antes-durante-despois da Guerra Civil. Outra cousa diferente é a memoria e aquí poderiamos rescatar a prosa testemuñal de Syra Alonso nos seus Diarios ou de Mariví Villaverde en Tres tempos e a esperanza (Colección Mulleres, A Nosa Terra), Residente Privilexiada de María Casares (Trifolium).
Na ficción narrativa a guerra ou o período de represión e loita antifranquista posterior é un algo de esguello en Atracción total de Carmen Blanco (Xerais), Seique de Susana S. Arins (Através editora) e As mans da terra de Laura Rey Pasandín (Toxosoutos). Memoria de cidades sen luz de Inma López Silva (Galaxia) e, para crianzas, A sombra descalza de An Alfaya e Tristes armas, de Marina Mayoral (Xerais).
Seguen as sensacións cando pensamos en cal sería, daquela, o papel da muller no momento do conflito: gardar a casa, gardar a apariencia, gardar os fillos, a leira, o gando (se é que era muller do rural), gardar os segredos, gardar a memoria. E por que, se tan enorme era a súa función, non se detivo a literatura a falar do lugar das mulleres durante a guerra, e o seu foco está no masculino só, a omnisciencia narrativa dá en seguir escapados polo monte, agochados nos tobos, presos nas cadeas ou soldados na fronte? Non quero determe a falar das mulleres que teñen pasado polas obras desta temática da man de Fernández Ferreiro, Rivas, Riveiro Coello, pois a miña teima é buscar a voz feminina retratándose a si mesma nun determinado momento e lugar.
Por iso é xusto dar a benvida a novelas como Escapados, de María del Carmen Rey Núñez, que ten na editorial Toxosoutos a súa estrea como autora. De Mazaricos e do 61, Rey Núñez non se axusta con fidelidade á etiqueta de “outra novela máis sobre a Guerra Civil” que adoitamos saloucar cando temos nas mans outra obra máis destas características. Enumerar as carencias é o que ten, que ficamos a escoitar o que se nos conta e se, por engadir atractivo, isto o fai unha voz absolutamente descoñecida e que desde a contracapa do seu libro continúa a nutrir o misterio do case anonimato, imos ter que adicarlle horas ás case catrocentas páxinas de Escapados. (…)”

A escritora Emma Pedreira vence no Certame de Microrrelatos de Moaña

Desde Faro de Vigo:
“A escritora galega Emma Pedreira foi a gañadora do XV Certame de Microrrelatos que organiza a Lonxa Literaria de Moaña. Venceu co seu relato titulado Lelalela. (…)
A Lonxa Literaria lle entregará o premio característico deste certame, un lote de conservas da ría, no mes de xaneiro.
O texto gañador é o seguinte:

Lelalela

Non é que sexa rara, ten gustos definidos. Encántalle cantar, pero só en contacto coa auga. É como se fose serea, pero non quere ser romántica nin chorradas polo estilo e pénsase cabareteira, pero en plan ben, en plan Marlénditrich. Cando lava a louza canta baixiño, coas lubas plástico rosa, putyubleinonmi, bois. Só entende o dos bois e tira do bordo de goma, pupupidú. Deletréao co cu, como se tivese vinte e non case oitenta, iso non se di. Cando se ducha -nos días impares- fai algo de zarzuela. O resto dos días, que toca baño de asento, copla lixeira, delbarriodesantacrúereunhermozoclavé. Se hai pingueiras, que as hai, na súa bufarda velliña de pensionista, recolle gotas coa lingua e dáse a aquilo de miudiñomiudiño, e mesmo vai collendo unha lixeira borracheira; despois durme. Agora si, cando trona, cando o trebón de mediados de agosto ameaza con mandar unha chuvia case monzónica de tan mesta e pegañenta, Lilimarlén sae por rimeira e única vez da casa en todo o ano, coas botas militares herdadas de seu pai, morto dun disparo nas terras do Ebro, e cunha bata de guata que pagou en reais e oñeceu épocas de botóns e flores. Aí é cando canta até o dano, e remata chorando nas pozas, leliñaporqueneumorro, tola de amor, a vella tola. Hoxe tampouco virán por ela.

A Coruña: presentación de Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán, de Beatriz Maceda

O xoves 23 de novembro, ás 20:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32, baixo), na Coruña, preséntase Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán, de Beatriz Maceda Abeleira, publicada por Trifolium. A autora estará acompañada por Emma Pedreira.

Emma Pedreira: “As galegas levamos a retranca na cana do óso desde a prehistoria”

Entrevista a Emma Pedreira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Bibliópatas e fobólogos é un libro que fala de libros. Os libros como xeito de explicar a existencia. É quizais ese o principal valor da literatura?
– Emma Pedreira (EP): Se nos poñemos filólogas, debería botar man do aprendido na carreira e dicir que a literatura está feita para aquilo do docere et delectare (ensinar e deleitar), algo que sigo ao pé da letra en todo o que busco, como lectora e como escritora. Pero a literatura e a súa función dependen de moitas máis cousas; do momento, da formación, da facultade de espellar, das expectativas (e falo sempre tendo en conta a biface persoa lectora/persoa escritora). Se nalgún momento da vida a literatura puido ensinarme a aprenderme, agora abonda con que me satisfaga nos máis primarios sentidos. Sexa no momento que sexa ou desde o recanto vital que for, para min os libros sempre son e serán fascinantes.
– B: Neste volume optou por intercalar o formato curto co moi curto. Non sei se se sente cómoda con etiquetas como micronarrativa.
– EP: Eu síntome cómoda escribindo. Punto. Non escollo abeirarme a ningunha proposta nin pegar na fronte unha etiqueta antes de poñerme a escribir. Vaia, hoxe teño o corpo de microrrelato resultón con tendencias modernistas, e aí vén o texto. Coido que as etiquetas veñen pola banda da recepción, non da emisión. Correspóndenlle á xente que nos le e valora o noso traballo. Eu emito unha mensaxe a través dunha canle, cífroa; a maneira que me apoñan despois de descifrala xa non é tanto cousa miña como pode selo o traballo de codificación, o sentido crítico e a complicidade lectora fan o resto. Por iso o certo é que o mínimo, o curto, o micro, si levan consigo un código específico pero tamén unha consideración moi activa da persoa que le porque a microficción pretende a retroalimentación para que o texto e a súa mensaxe se abran –ou se pechen- para “acabar de facerse”. Niso parécese á poesía, na confianza que depositamos en quen le para que a mensaxe se decodifique. É máis íntima aínda a relación entre poesía e relato se á poesía lle aquelamos o de “en prosa” e ao relato o de “micro”, porque aí se eslúe unha ínfima fronteira, pero non, aínda así son lugares diferentes que requiren de formacións e experiencias diferentes e non teñen por que funcionar os textos poéticos na narrativa e viceversa. (…)
– B: Vostede publica desde que tiña 20 anos. Daquela foi encadrada na xeración poética dos 90. A este respecto interésame coñecer que pensa sobre a influencia daquel tempo literario sobre a cultura contemporánea galega. Foise mitificando aquela época conforme se afasta? Tiveron que loitar vostedes, as escritoras daquel tempo, para individualizar a súa visión literaria?
– EP: A primeira vez que me apuxeron unha etiqueta foi nese momento. Publiquei o meu primeiro libro antes de rematar a década dos 90 e alí me pegaron na fronte o colante de “Poesía de muller” que foi como se nos denominou ás mulleres que publicamos no momento, como escindindo as voces femininas das masculinas e creando un subgrupo programado para traballar xuntas. Eu estaba no momento do arranque, do querer aprender e ser aconsellada e non me molestou. Tiña vinte anos e a aceptación no mundo adulto é importante nesta idade, tomeino como algo iniciático e conformeime con esa consideración porque non me pareceu pexorativa. Agora mesmo continúa a parecerme algo circunstancial e froito do boom das voces femininas daquela década, pero, xa con perspectiva, paréceme que considerar que o fenómeno era algo novo ensombreceu o esforzo das que traballaron antes ca nós. Tamén hai que dicir que somos un país mitómano e, dentro da literatura o mito é fundamental, así que como non mitificar cada paso dado se deixou pegada e foi exitoso! Queda aí o que pasou nos 90 para apreixalo e aprender e, por suposto, para manter a convivencia porque as autoras dese momento aínda somos novas e nos queda moito por traballar. O bo é que o traballo e o tempo foron destrenzando aquel pack literario e puidemos ir mantendo os nosos discursos persoais, que é doado localizarnos como poetas dos 90 pero tamén enunciar os nosos nomes individualmente. Iso solidifica cada un dos nosos discursos persoais. (…)”

Pechado por demolición, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Sega:
“Pasamos a vida mudando. En canto ao externo, mudamos de casa, de cuarto, deambulamos, facémonos nómades. Pero tamén o pelo, as esporas da pel, as súas escamas, os nosos tecidos van quedando ciscados polos lugares que transitamos. No interior tamén hai unha muda constante, natural ou obrigadamente circunstancial. O choque directo do emocional contra a nosa casca fai fenda e, inevitablemente, sofre o de adentro. O entullo, ese material de refugallo, os cascallos desa muda, desa demolición, vén sendo a pegada do que ten cambiado, os restos do naufraxio e os descartes.
Di Lorena Conde (Pontesampaio, 1980) neste seu primeiro libro, Entullo, gañador do Premio de Poesía Miguel González Garcés 2016, que pasamos a vida en dinámicas corporais e mentais de derrubo e reconstrución. Se cadra corpo e mente pasan por estas páxinas en evolución constante, como sempre adoitamos estar (foi Mozart quen cualificou de perfecto o inacabado?, tanto ten, o inacabado sempre tende a querer axeitar a súa incompletitude e morre no intento de acadar esa perfección. Mentres, a ruína reformúlase como abrollo e abrimos novas vías).
A humanización da casa como metáfora do paso desvastador do tempo, ten sido xa obxecto dunha boa chea de versos; de feito, a casa habitable, viva, agoniante ou vouga, é un dos tótems da literatura galega de todos os tempos. Pero até o de agora ninguén optara pola cousificación edificable da pel para falar dos procesos emocionais de desgaste, abandono, ruína e proxección de nova planta e é Lorena Conde quen deseña en Entullo un plano de obra case teatralizado e propón unha edificación viva e un entorno urbanístico móbil, expansivo e depresivo, respirante, no que encerrarse a procurar unha sanación. (…)”

A Coruña: Libros a monte 2017