Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2024


A novena edición dos Premios Follas Novas do Libro Galego pechou a súa edición deste ano coa tradicional gala que deu a coñecer aos ganadores en cada unha das trece categorías destes galardóns. A gala celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela serviu de repaso da intensa e prolífica actividade do mundo do libro durante o ano 2023. Os premios reivindican a excelencia acadada en 2023 en librarías e editoras e destacan tamén os papel das autoras galegas que dominaron en case todas as categorías.

A Gala dos Follas Novas volveu representar o excelente momento creativo da comunidade do libro en Galicia e volveu poñer de manifesto a necesidade de que esta creatividade sexa acompañada por politicas que incrementen a visibilidade e a presenza do libro e da literatura galega na sociedade. A gala foi presentada polo actor Xosé Barato “acompañado” por unha intelixencia artificial entremetida nas intervencións do presentador. A música para esta nova edición correspondeu a SAL, o proxecto musical de Diego Salgado e Pablo Pazo, guitarra e baixo, arredor do mundo do soul. O xurado desta novena edición estivo formado por Andrea Barreira, David Cortizo, Beatriz Fariñas, Lorena Gómez, Carlos Negro, Arantxa Nogueira e María Villaverde.

Os premios Follas Novas están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), co apoio da Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e CEDRO.

No nome das tres asociacións impulsoras do premios falou Cielo Fernández, presidenta da Federación de Librarías de Galicia. A presidenta salientou na súa intervención o momento que vive o sector “podemos afirmar que un ano máis somos quen de manter a espléndida diversidade do noso ecosistema, tanto editorial coma libreiro, e que a calidade da produción escrita en galego segue a ser moi alta.”  No mesmo sentido puxo o Follas Novas como exemplo da creatividade artística de Galicia “Os libros e as persoas finalistas nesta gala dan boa conta disto, e sabemos que, ademais das presentes hoxe aquí, hai outras escritoras, ilustradoras, xornalistas, debuxantes, activistas e promotoras culturais, editoras e libreiras, que están a desenvolver un traballo diverso e de calidade.”
Cielo Fernández anunciou unha serie de actividades que se porán en marcha nos vindeiros meses e que servirán para dar máis presenza á comunidade do libro no país e que incrementarán a colaboración entre as tres asociacións convocantes do premio. Tamén apuntou que o ano vindeiro, décimo aniversario dos Follas Novas, haberá novidades nos premios e na gala.

Premios honoríficos
Os galardóns desta edición son para a Libraría Eixo, pola Federación de Librarías de Galicia; o finado editor Francisco Porrúa, pola Asociación Galega de Editoras; e o escritor vasco Joseba Sarrionandia, nomeado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como Escritor Galego Universal.

Libraría Eixo
A Federación de Librarías de Galicia premiou nesta edición á Libraría Eixo, que acaba de cumprir 25 anos desde que Javier Ibáñez abrira as súas portas en Ourense en 1999. Desde ese momento, a libraría converteuse nun axente cultural para a cidade, ofrecendo un catálogo de 25.000 títulos e realizando actividades destinadas a dar a coñecer o mundo literario e a crear unha comunidade lectora na cidade.

Francisco Porrúa
A Asociación Galega de Editoras quere recoñecer este ano a quen foi un dos máis importantes editores de fala hispana no mundo. Francisco Porrúa, nacido en Corcubión en 1922 e finado en Barcelona en 2014, foi tradutor e editor en Arxentina e fundador dunha das principais editoras de ciencia ficción, Minotauro. Foi editor de Cortázar, Bradbury, Tolkien e Ballard, e tivo unha importancia decisiva na publicación de Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez. Tamén foi editor de Editorial Sudamericana e Edhasa.

Joseba Sarrionandia
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), poeta e tradutor vasco, tamén coñecido como Sarri. Formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott. xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika. É membro da Euskaltzaindia e tradutor de Eliot ou Pessoa. Ten publicado arredor de corenta títulos de narrativa, poesía, ensaio ou literatura infantil. Ademais, Sarrionandia foi un dos tradutores ao éuscaro dos clásicos da literatura galega.


GAÑADORAS/ES DOS PREMIOS FOLLAS NOVAS 2024

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
Ser Cetáceo. O fascinante inverno do animal de fondo. Francisco Xosé Fernández Naval. Editorial Bululú.

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
O cento voando. Amores, alianzas e monogamias. Andrea Nunes Brións, Ánxela Lema (coord.). Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
Cinco corujas. Susana Sanches Arins. Através Editora.

PREMIO Á OBRA INFANTIL
A botella de lentellas. Leticia Barbadillo. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO Á OBRA XUVENIL
Burbullas de calma serena. Andrea Maceiras. Cuarto de inverno.

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
Maruja Mallo. Enigmaticamente única. María Canosa e Bea Gregores. Editorial Bululú.

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
Fago o que podo. Afra Torrado. Rodolfo e Priscila.

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Colección Candemaia. Edicións Laiovento.

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
Deiche os ollos e miraches as tebras. De Irene Solá. María Alonso Seisdedos. Kalandraka.

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
Retratos de vodas, partos e funerais. Silvia Penas. Editorial Galaxia.

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
Festas de gardar. Díptico para a resistencia. Lorena Conde. Cuarto de inverno.

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
O gran libro dos nosos montes. Blanca Millán. Cumio Editorial.

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
Espazo Lectura de Gondomar.

Gondomar: Semana do libro e a lectura, XIV Dar de ler coma quen dá de beber

Espazo Lectura celebra 100 sesións dos seus clubs de lectura de narrativa e cómic

“Hai 11 anos a asociación Espazo Lectura de Gondomar botaba a andar os clubs de lectura Sete Vidas, de narrativa, e Lecturas Debuxadas, de cómic, o que supuxo ofrecer por primeira vez na vila actividades semanais centradas en compartir impresións arredor da lectura de determinados libros recomendados.
Esta semana, ambos clubs celebran as sesións número 100, o que supón 100 títulos lidos en cada un dos clubs e cerca dun cento de escritores/as ou ilustradores/as que visitaron Gondomar e participaron nestas actividades. A sesión número 100 do Lecturas Debuxadas tivo lugar o martes 10 de decembro, e a do club Sete Vidas terá lugar na Casa da Lectura o xoves 12 de decembro a partir das 20:00 horas. Nesta sesión especial comentarase a novela Vivir na fin do mundo, da escritora Christina Lilliestierna.
Ao longo desta semana Espazo Lectura organiza outras actividades habituais do seu calendario: o venres 13 ás 18:00 horas, na Casa da Lectura, ten lugar o encontro para bebés e familias Contos en Cueiros, para o cal é necesaria incrición previa. O sábado hai dobre oferta na Casa da Lectura: ás 12:00 horas comeza o club Lendo Contigo para nenos e nenas a partir de 7 anos, e ás 20:00 horas é a quenda do Comando Le, club destinado a rapaces e rapazas a partir de 12 anos.
Por outra banda, o luns 16 de decembro ás 18:00 horas celébrase na Libraría Libraida de Gondomar o Contomar, contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos.
Todas estas actividades son abertas ao público e gratuítas.”

A escritora Ledicia Costas estará na primeira sesión do club Sete Vidas da tempada para falar da súa novela Infamia

Desde Espazo Lectura:
“O 3 de outubro volve o club de lectura de narrativa Sete Vidas tras o descanso estival. Reunirémonos ás 20:00 na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas) para falar da novela Infamia, de Ledicia Costas (Editorial Xerais).
Infamia é un thriller psicolóxico protagonizado por Emma Cruz, unha profesora de Dereito Penal que se traslada a Merlo, un lugar marcado pola desparición de dúas nenas hai 25 anos. Contaremos coa presenza da autora.”

Gondomar: diversas actividades para diferentes idades pechan a tempada de Espazo Lectura

Ao longo desta semana Espazo Lectura ofrecerá cinco actividades diferentes, destinadas a todo tipo de público, que porán o peche á programación arredor do libro e a lectura que a asociación desenvolveu ao longo da tempada 2018-2019.
Martes 4 de xuño, ás 20:00 horas, club de lectura Daquelas que Len.
Na Casa da Lectura celebrarase a última sesión do curso do club de lecturas feministas que botou a andar esta tempada. As lecturas propostas para esta última sesión son os álbums Pioneiras e Pioneiras 2, de Anaír Rodríguez, publicados por Xerais. Contaremos coa presenza da autora.
Mércores 5 de xuño, ás 18:00 horas, concerto Paco Nogueiras na Casa da Lectura
As sesións de dinamización lectora dos Mércores da Casa da Lectura, coma a propia Casa da Lectura, cumpriron 10 anos e Espazo Lectura celébrao pechando a tempada cun concerto infantil de Paco Nogueiras, que presentará o seu disco Bule Bule.
Xoves 6 de xuño ás 20:00 horas, na Casa da Lectura, club Sete Vidas
A sesión de xuño do club de lectura Sete Vidas estará dedicada ao comentario da novela As Ramonas, de Ana Cabaleiro, publicada por Galaxia. Durante a sesión, as persoa que se acheguen á actividade poderán conversar coa propia autora sobre a súa obra.

Vigo: Club de Lectura Lendo Contigo arredor de Poemar o mar, de Antonio García Teijeiro

Desde Xerais:
“Este pasado sábado, o escritor Antonio García Teijeiro desprazouse ao Museo do Mar de Galicia, en Vigo, para participar na sesión do Club de Lectura Lendo Contigo que Espazo Lectura organizou arredor do libro Poemar o mar, que foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017. (…)”

Gondomar: María Reimóndez visita o Comando Le

Desde Espazo Lectura:
“O sábado 27 de xaneiro, a Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, 36388, Gondomar) vai acoller a primeira sesión do ano do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura para mozos e mozas de máis de 12 anos. Nesta ocasión a sesión xirará arredor do traballo das organizacións de cooperación internacional e contará coa presenza da escritora María Reimóndez, quen lles falará aos comandoleiros e comandoleiras da súa experiencia neste ámbito, moi especialmente desde o proxecto de Implicadas no Desenvolvemento, a ONG galega da que ela foi fundadora no ano 1998 e presidenta ata o 2013. Ademais, aproveitaremos tamén para conversar sobre a súa novela Corredora, obra que os mozos e mozas do Comando Le leron no pasado mes de novembro. Como é habitual, a sesión desenvolverase entre as 20:00h e as 00:00h e faremos unha pausa para cear.”

Gondomar: María Reimóndez e Xavier Estévez en Espazo Lectura

María Reimóndez participa na próxima sesión do Comando Le
O sábado 25 de novembro, de 20:00h a 00:00h, a Casa da Lectura de Gondomar acollerá unha nova sesión do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura para mozos e mozas de máis de 12 anos. Nesta ocasión a sesión xirará arredor da novela Corredora, de María Reimóndez, publicada por Edicións Xerais, e incluiranse diferentes actividades que nos permitirán reflexionar xuntos sobre a realidade que presenta esta novela que lles propuxemos como lectura aos comandoleiros e comandoleiras. Como é habitual, haberá unha pausa para a cea polo que os rapaces e rapazas que asistan deberán levar algo para compartir.
Xavier Estévez estará no club de lectura infantil Lendo Contigo
Tamén o sábado, pero ás 12 da mañá, a Casa da Lectura acollerá a sesión mensual do club de lectura compartida Lendo Contigo. Nesta ocasión, os nenos e nenas que queiran participar, falarán e compartirán experiencias arredor do libro Avións de papel, de Xavier Estévez, unha novela sobre a amizade relatada sobre o fondo da arte urbana, dos traballos pictóricos, sexan graffitis ou murais, que humanizan a cidade e a fan máis fermosa. O propio autor estará na sesión para conversar coas familias participantes.