Arquivos da etiqueta: Eva Veiga
Presentación virtual de Ser en/To be in, de Eva Veiga
A AELG lamenta a perda do seu socio Albino Mallo
A AELG lamenta a perda do xornalista e ensaísta Albino Mallo.
Facemos nosas as palabras que Eva Veiga expresou sobre a súa figura: “Foise o grande Albino Mallo. A min fóiseme un amigo da alma. Son unha desas persoas entrevistadas por el -hai xa moitísimos anos- e xa dende ese momento amigas. Porque xunto á súa extraordinaria calidade profesional, que cultivou ata os seus derradeiros días, estaba a súa impresionante calidade humana que o facía tan de querer. Durante moitísimos anos foi un incansable cronista da nosa cultura e abraiaba a súa capacidade para estar en tantos eventos dos que daba conta no xornal -primeiro en EFE e logo en El Ideal Gallego e El Correo Gallego– e xa por último en redes sociais. Todo lle interesaba e gardaba arquivo de todo, sobre todo, na súa memoria prodixiosa. Unha longa traxectoria xornalística na que cubriu acontecementos históricos da política mundial, do mesmo xeito que estivo nas citas con máis “glamour” do cine, do teatro, da música, etc. Mais se algo eu debo agradecer a Albino Mallo, por riba aínda dese seu vitalismo celebrativo e aberto, é o seu sentido da lealdade no cultivo da amizade. Durante varios meses que pasei ingresada e en convalecencia en Madrid, el escribiume unha carta cada día -sen faltar un só- contándome todo o que pasaba por aquí. Consérvoas como un tesouro, do mesmo xeito que conservo a amizade coa súa marabillosa familia. A miña aperta máis fonda para Pilar, Ainhoa e Eduardo. E un adeus que non é tal, porque quen tanto deu e amou, é xa infinito.”
Deixamos aquí a ligazón ao seu espazo no Centro de Documentación da web da AELG.
Ribeira: recital poético para Manuel Ayuso
Celanova: presentación de Quérote canto, de Baldo Ramos e Eva Veiga
Dez voces para Luz Pozo Garza
Desde o Consello da Cultura Galega:
“A prestixiosa publicación Asymptote -unha das principais revistas literarias online mundiais que conta xa con traballos de 121 países e 103 idiomas nos ámbitos da poesía, ficción, non ficción, drama e entrevistas a persoas da creación literaria e tradución- faise eco da poesía galega contemporánea. Así, vén de publicar unha escolma de poemas de 8 poetas galegos coas súas traducións verquidas ao inglés. Podes ler os versos de Manuel Rivas, Chus Pato, Gonzalo Hermo, Eva Veiga, Luz Pozo, Alba Cid, Lara Dopazo e Ismael Ramos e as súas versións inglesas realizadas por Jacob Rogers, Jonathan Dunne, Lorna Shaughnessy, Kathleen March, Laura Cesarco Eglin, Erin Moure, Neil Anderson, Harriet Cook e Patrick Loughnane. Moitos deles podes mesmo escoitalos nas súas propias voces. Non é o caso de Luz Pozo Garza, a quen a morte veu visitar antes da publicación desta revista. Mais non quixemos deixala sen voz. Nove voces amigas len a súa escolma poética en galego e a tradutora fai o propio coas traducións ao inglés publicadas na revista. Pepe Cáccamo, Yolanda Castaño, Xavier Seoane, Gonzalo Vázquez Pozo, Olivia Rodríguez, Eva Veiga, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xesús Alonso Montero, Carme Blanco e Kathleen March conforman estes dez raios de Luz para unha memoria solar. Ao fío da saída de Asymptote e con este especial, o Consello da Cultura Galega quere homenaxear a Luz Pozo Garza, unha poeta xa canónica da literatura galega de todos os tempos. Os seus versos servirán para alumear este verán de nubes e claros.”
Pode accederse aquí.
“Versos para gozar do silencio”
Desde La Opinión:
“O verán de 2018, os autores Eva Veiga e Baldo Ramos decidiron confinarse no mosteiro de Oseira para levar a cabo un diálogo poético entre ambos. Dous anos despois, presentan o resultado baixo o título de Quérote canto, un poemario publicado pola Editorial Galaxia que retrata a experiencia vivida polos dous escritores, na que o silencio e a natureza son os elementos protagonistas. “Este é un libro introspectivo que indaga no silencio da escritura poética e que presta moita atención a aquelas cousas simples que nos rodean. Aquí, o elemental cobra toda a importancia que non lle damos no noso día a día”, sinala Veiga.
A orixe desta peculiar colaboración xurdiu hai xa tres anos, cando Baldo Ramos lía a última obra de Veiga, Soño e vértice (2016). Nese intre, o de Celanova decatouse de que a súa forma de facer poesía tiña certas similitudes coa da autora, e propúxolle levar a cabo esta experiencia conxunta: “Sentín moita afinidade ao ler as súas poesías, porque ambos facemos reflexións sobre a linguaxe e o silencio como un refuxio do mundo. Comenteille a idea de colaborar, e pareceulle estupendo”.
Pero, por que escolleron o mosteiro de Oseira? Segundo Ramos, a intención era atopar un lugar “afastado do ruído” e “fora do común” e Veiga, que debido á súa traxectoria na televisión xa coñecía este mosteiro medieval de Ourense, o tivo claro. “Estivera alí nalgunhas gravacións, e recordaba que a xente fora moi agradable e tolerante. Decidimos irnos durante tres días e, sen dúbida, o lugar foi determinante á hora de escribir, tanto pola presenza da natureza como pola tranquilidade”, engade a escritora. Pese a compartir espazo, os autores evitaron o contacto durante a súa estadía: querían escribir simultaneamente, pero sen que ningún dos dous coñecera os pensamentos do outro. “Centrámonos na experiencia da reclusión, trabamos amizade con algúns dos irmáns que estaban interesados no proxecto e participamos nos oficios monacais, pese a que ningún dos dous somos relixiosos. A experiencia foi incrible, e o resultado sorprendente”, conta Ramos. Cando regresaron ás súas casas e se enviaron os textos, atopáronse con coincidencias inesperadas.
Conta Veiga que, pese a non comunicarse, ambos acadaron “unha gran connivencia”. O fenómeno foi tal que decidiron publicar os textos sen autoría, e nin sequera aqueles que coñecen a poética dos dous escritores souberon identificar de quen era cada un dos poemas, pois todos tiñan moito que ver. “Ao final démonos de conta de que na vida sempre prestamos atención ao que está lonxe, descoidando o próximo. Neste libro reivindicamos a importancia de darnos tempo e de deixar de correr”, conclúe a autora.”