Carlos Negro: “Gústame a poesía contaminada polo día a día das cousas, non perfecta, que corra o risco de ser efémera, aínda que no fondo aspire a perdurar”

Entrevista a Carlos Negro en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Comezamos forte. Que significa a poesía para vostede?
– Carlos Negro (CN): Como lector, significa un asombro, unha expectativa, unha válvula de escape. Un interrogante que esixe de nós un esforzo e unha apertura, saírnos de nós mesmos a través da palabra da Outra ou do Outro. Como escritor, a poesía redúcese a​o poema​: un intento concreto de poñer en tensión a linguaxe para indagar na vida sen concesións gratuítas, a través dun oficio que combina rigor, expectativa, intuición e gozo. (…)
– PG: Como definiría o seu proceso creativo?
– CN: Os procesos creativos son complexos e non sempre responden a pautas estritamente racionais. Hai, polo xeral, unha fase de inicio onde operan estímulos intuitivos, ideas inconexas e soltas, imaxes que nos afectan dun modo inesperado, un magma prelingüístico que vai collendo forma na cabeza, non aínda no papel ou pantalla. Ese magma, remexido durante tempo dun modo introspectivo, vai transformándose no lévedo primario dunha idea global, dun punto de partida para escribir un conxunto de textos que pulan na mesma dirección, aínda que non se saiba ben o destino.
Cando xorde esa idea-forza, adoito incidir en cada poema como parte dun todo, e non como unha peza solta que brille por si mesma; de aí que traballe case sempre cun conxunto de textos que interaccionan entre si, procurando unha estrutura sólida, interdependente, que sume no contraste das partes.
Logo, tras unha primeira fase de escrita bastante libre e salvaxe, onde se deixa aflorar todo o que xorde ​de dentro​, vén o oficio: construción de sucesivos borradores, recolocación de textos dentro dun conxunto dado, adicción ou supresión de versos, depuración de lingua e estilo, fase de repouso e, tras un tempo prudencial, revisión última. E, sobre todo, rigor para eliminar todo aquilo que ​o oído perciba como fanfarria excesiva. (…)
– PG: Como valoraría a situación da poesía actualmente en Galicia? Podería destacar algúns títulos de entre as publicacións máis recentes?
– CN: Unha valoración xusta do momento histórico que vive a poesía galega precisa dun distanciamento temporal e crítico que eu non son quen de facer; desconfío das idades de ouro que ás veces se establecen con certa lixeireza. De todas formas, coido que a nosa poesía goza dunha excelente mala saúde, tendo en conta que escribimos nunha lingua que subsiste con respiración asistida. Aínda así, cada ano leo dous ou tres libros de poesía dun nivel excelente, o que non é pouco para unha literatura dun país relativamente pequeno. Poño exemplos recentes: gocei moito coas ​Fosforescencias de Lupe Gómez, coa ​Feliz Idade de Olga Novo, co Atlas de ​Alba Cid ou con ​A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez,​ de Celso Fernández Sanmartín, entre outros títulos.”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2019

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras case un mes de votacións, o 15 de xaneiro pechou o prazo para votar na enquisa anual para escoller Os mellores libros do ano.
Como cada ano, queremos darvos as grazas a todas e a todos os lectores que cos vosos votos axudades, dende hai xa trece anos, a facer posible esta proposta. Moitas grazas!
E agora so resultados… Moitos parabéns aos libros premiados! Velaquí están os mellores libros do 2019!

– Mellor libro de narrativa para Carrusel, de Berta Dávila.
– Mellor libro de poesía para Feliz Idade, de Olga Novo.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado.
– Mellor libro de teatro para Na miña alma ouvea un lobo, de Xavier Lama.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero IX, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, traducido por María Fe González Fernández.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os corpos invisibles, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de literatura infantil para Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Astérix: A filla de Vercinxetórix, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, traducido por Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar.
– Autor/a do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador/a do ano para Andrés Meixide.
– Mellor capa de libro para adultos para Infamia, de Ledicia Costas.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Amani, de Miguelanxo Prado, publicada por Retranca Editora.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Premio Estatal de Poesía para Pilar Pallarés.
– O peor acontecido para a política cultural e lingüística da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para a Libraría Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para BiosBardia.”

Olga Novo: “Hai persoas que realizan actos de poesía aínda que despois non escriban un só poema”

Entrevista de Daniel Salgado a Olga Novo en Sermos Galiza:
“A Feliz Idade (Kalandraka, 2019) da poeta Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) é a da creación. A da creación humana e a da creación poética. Salmo vitalista e pregaria pola liberdade, composicións que cantan á materia e cantan á memoria, salutación aos outros, funde poesía e amor. “como o útero me medra / ata alcanzar a dimensión exacta / da poesía”, escribe en Premontaña. “Que toda herdanza sexa a do amor e non a propiedade”, afirma na Carta limiar que endereza á filla acabada de nacer. Novo explica a Sermos Galiza o contexto e as forzas que operan no seu quinto libro de poemas. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario en papel.
– Sermos Galiza (SG): É difícil preguntar sobre unha poesía tan afirmativa como a súa.
– Olga Novo (ON): Desde logo, é unha poesía afirmativa, porque é a poesía dunha muller autoafirmada. Eu escribo como vivo, dalgunha maneira. Ás veces pregúntanme polos proxectos que teño en marcha e nunca sei que contestar. Porque a poesía, a escrita en xeral, vai nacendo ao mesmo tempo que as experiencias vitais. A poesía xorde na vida. Non teño un proxecto teórico formado, senón que hai creación espontánea. É o sentido dun trallazo, unha concepción un tanto romántica da creación.
– SG: O “fogonazo” que titula a primeira sección do libro.
– ON: Exactamente. Ese fogonazo é en realidade a irrupción da vida, a concepción dun ser e polo tanto un embarazo. E, no fondo, é tamén o fogonazo da propia creación literaria. De feito ao longo de todo o libro dáse esa identificación entre esas dúas creacións. Ao final, non deixan de ser dúas creacións vitais. Ambas as dúas están moi conectadas, son experiencias do propio corpo, da existencia. (…)”

Tabela dos libros. Abril de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro lunes do mes, chega a nova Tabela dos libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”