Arquivos da etiqueta: Francisco Castro
Compostela: presentación de A historia de Sara, de Francisco Castro
O Carballiño: presentación de A historia de Sara, de Francisco Castro
Francisco Castro: “O abuso sobre as nenas e nenos, sexual ou doutro tipo, é algo que me desgarra por dentro”
Entrevista de Laura Veiga a Francisco Castro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xurdiu A historia de Sara?
– Francisco Castro (FC): Así como son quen de identificar claramente o momento exacto no que se me ocorreu cada unha das miñas outras 22 obras, esta saíu moi de dentro e dalgún lugar que non son capaz de identificar. De feito, saíu moi rápida: a base da historia escribina en dous días, aínda que logo traballei moito sobre ela. É unha historia moi coherente con todo o que fixen até o de agora porque sempre me ocupo de temas que me preocupan desde un punto de vista social, de temas duros.
– ND: Tampouco é a primeira vez que escribe sobre o dano que provocan as persoas adultas na infancia.
– FC: Hai moitas cousas que non me gustan na nosa sociedade, mais desde logo o abuso, sexa sexual ou de calquera outro tipo, sobre a infancia é algo que me desgarra por dentro. A obriga dos adultos é coidar, non esganar a vida a ninguén. A capacidade para relativizar e para valorar o que che pasa é diferente cando es maior que cando tes seis anos, como é o caso de Sara. E o certo é que as estatísticas falan de moitos nenos e nenas que son abusadas e ademais, como se conta no libro, no contexto inmediatamente familiar. Nun contexto no que ninguén sospeitaría que puidese estar acontecendo. E logo, claro, hai unha vergoña social moi grande e inclusive incredulidade. Como imos sospeitar de alguén da propia familia? Mais é así. (…)”
Francisco Castro: “Os produtos artísticos teñen a obriga de facer reflexionar a sociedade”
Entrevista a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Quen é Sara?
– Francisco Castro (FC): É una cativa de seis anos que non fala logo dun accidente traumático no que morreu o seu pai. A partir dese momento, só fala co fantasma do seu pai. En realidade é Sara quen escribe o libro porque está narrado en primeira persoa, non ten puntuacións, nin liñas de diálogo porque trato de escribir esta historia coma imitando a maneira de falar dos cativos. Repite moito as cousas e pasa dun tema a outro con total naturalidade. A esta nena estalle pasando algo moi gordo, o máis infernal do que lle poda pasar a un neno ou a unha nena dentro da súa casa.
– LVG: O feito de ser un libro ilustrado quere dicir que vai dirixido a un público infantil?
– FC: Eu escribín este libro para un público adulto; é un libro ilustrado para adultos. É algo que se fai moito en Francia e en Alemaña, pero que en España non é habitual; hai moita banda deseñada, pero no libros ilustrados para adultos. Eu cando escribo estou interpelando ao lector adulto. (…)
– LVG: Os seus libros teñen sempre un sentido moi social. Teñen algunha finalidade didáctica?
– FC: Intento que non, pero o resultado está aí. Eu diría que é un acto consciente político e social porque eu non son capaz de facer literatura só entretida, con todo o respecto e o recoñecemento a quen o fai. Eu entendo que quen temos un altofalante como é a literatura, ou os artigos que escribo en La Voz ou as miñas intervención na Radio Galega creo que temos unha certa obriga de que os nosos produtos artísticos poñan o dedo nas cuestións que creo que a sociedade ten que reflexionar. Neste libro falo da saúde mental infantil e tamén da violencia sexual contra os nenos e as nenas, e alguén podería dicir que deses temas feos mellor non sería, pero creo que a literatura si ten que ocuparse deles.
– LVG: Como foi a coordinación coa ilustradora Luz Beloso?
– FC: Como é un texto moi especial, eu sabía que necesitaba unha ilustradora moi especial por iso falei con Luz. Ela díxome inmediatamente que si, pero eu lle dixen que era mellor que lera o texto antes. Chamoume esa mesma noite e díxome que estaba moi emocionada e chorara moito lendo o texto. Se o libro termina sendo unha pequena alfaia será, sobre todo, polo traballo dela. Foime amosando bocetos de como quería levar o tema. Un dos personaxes é un fantasma, algo que non é doado de representar. Eu fun vendo as ideas que ela tiña, fómolas comentando e unha vez que tiñamos máis o menos claro cal era a música que queriamos xa foi o seu traballo. Quedou realmente espectacular. (…)”