Vigo: Obradoiro Literario (Perfeccionamento), con Francisco Castro

Os venres 7, 14, 21 e 28 de febreiro, entre as 18:00 e as 20:30 horas, no Centro Social Novacaixagalicia de Vigo (rúa Policarpo Sanz, 24-26), terá lugar un Obradoiro Literario (Perfeccionamento) dirixido por Francisco Castro. O seu prezo é de 75 € (cun 10% de desconto para os inscritos no Obradoiro Literario. Iniciación). Máis información e inscrición aquí.

“Centrarase sobre o Relato e plantéase cun obxectivo fundamental: profundizar no exercicio das técnicas literarias necesarias para descubrir como perfeccionar a escritura de relatos. A través de moitos exercicios prácticos e dunha metodoloxía que permite ao alumno ou alumna escribir dende o primeiro minuto do obradoiro, cada participante logrará atopar a súa propia voz literaria e mellorar estilística e esteticamente as súas propias creacións. E reivindicando en todo momento o pracer de escribir.

Programa:
Sesión 1
Que é un relato?: Aprenderemos a coñecer as estratexias para escribir relatos tecnicamente perfectos.
Sesión 2
A brevidade, o ritmo, a tensión: Descubriremos a maneira de conseguir o interese do lector, mantelo e levalo dun xeito natural ata a fin do relato.
Sesión 3
O narrador: Saberemos que hai que facer, e que evitar, á hora de trasladar a nosa idea ao papel, en que hai que insistir á hora de contar, e cantas perspectivas se poden adoptar.
Sesión 4
O ton narrativo: Escribir un relato implica interpretar determinadas partituras, debuxar certas paisaxes. Veremos como facer soar as letras, como pintar con palabras.
Sesión 5
O personaxe: Investigaremos as formas máis eficaces á hora de dar os nosos personaxes unha identidade suxestiva, unha vida literaria.”

Francisco Castro: “Sempre son as pobres as que teñen que pagar”

Entrevista de Xurxo Salgado a Francisco Castro en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Tes xa algo en mente para publicar?
– Francisco Castro (FC): Sempre hai. Como dicía, estou coa segunda aventura. Pero antes van sair dous libros neste 2014. Un álbum para pequerrechos, con sorpresa. E como vai con sorpresa prefiro non dicir máis nada aínda, por iso de manter a intriga. Logo, para a volta do verán, sairá unha novela xuvenil que, de feito, ía sacar o ano pasado. Pero cruzouse o premio coa novela e decidín adiala.
– GC: O último libro aínda está moi fresco, O corazón da Branca de Neve. Por que ese título tan suxerente?
– FC: Son moi malo poñendo títulos ás miñas obras. Como editor éme moito máis doado coas obras doutros e doutras. Aí póñome estupendo e fago unhas propostas chulísimas. Pero no caso dos meus libros cústame mundos titulalas. No caso desta, apareceu cando estaba a escribir o capítulo derradeiro. E hai que chegar ata aí para entender por que se chama así. Daquela, velaí un motivo máis para mercala… (…)”

Cuestionario Proust: Francisco Castro

Desde o blogue de Ramón NicolásCaderno da crítica, este Cuestionario Proust a Francisco Castro:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Teimosía e capacidade de traballo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A súa capacidade para rir.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me queiran a pesar de min mesmo.
4.– A súa principal eiva?
– Que me custa moito aceptar que as teño.
5.– A súa ocupación favorita?
– O meu fillo e a miña filla.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Deitarme cada noite sabendo que aproveitei o día.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder seres queridos.
8.– Que lle gustaría ser?
– Quen son.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo. En Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– Roxo.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Non son moi de flores…
12.– O paxaro que prefire?
– A cacatúa. Por iso de ter con quen falar.
13.– A súa devoción na prosa?
– Borges, Roth…
14.– E na poesía?
– Celso Emilio Ferreiro.
15.– Un libro?
– Calquera dos da miña colección dos Beatles.
16.– Un heroe de ficción?
– Supermán.
17.– Unha heroína?
– Supergirl.
18.– A súa música favorita?
– Rock and roll.
19.– Na pintura?
– A miña filla de cinco anos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Gandhi.
21.– O seu nome favorito?
– Francisco, por suposto.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A prepotencia.
23.– O que máis odia?
– Os prepotentes con impunidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Francisco Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ningún. Estou ben como son.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Na cama. Pero non durmindo. Ti xa me entendes. E de vellísimo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Alegre.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que nacen do entusiasmo.
30.– Un lema na súa vida?
– Téntao de novo.”

O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro

Entrevista de Nacho Alonso a Francisco Castro en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Dous anos despois da publicación dese libro [In vino veritas] retoma o xénero neste O corazón da Branca de Neve.
– Francisco Castro (FC): Expresaba Walt Whitman: “Contradígome! Si, contradígome!” (risos). Cando aseguraba que non volvería escribir este tipo de novela estaba totalmente convencido diso, pero O corazón da Branca de Neve naceu pegada –e non o oculto- ao premio de novela por entregas do xornal La Voz de Galicia. Por mor das características dese premio, onde case que tes a obriga de manter intrigado ao lector ao longo de trinta e un capítulos, a escrita que mellor lle acae a ese xénero seguramente sexa a novela negra.
E aparte do propio premio, estaba o personaxe do inspector Hermida, que levaba tempo roldándome polo meu maxín. Hermida trátase dun policía entrañable, real, que o lector pode identificalo doadamente… Da conxunción de todo iso que acabo de comentar naceu O corazón da Branca de Neve. Polo tanto, desdíxome do dito hai dous anos. E aínda digo máis… O inspector Hermida terá continuidade en futuras novelas.
– FL: Con esta novela acadou o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Unha das características dese certame é a estrutura que ha de ter a novela: trinta e un capítulos de 3.500 caracteres cada un deles. Foille un reto cinguirse a unha estrutura tan ríxida?
– FC: Eu sentíame, á hora de escribir O corazón da Branca de Neve, como eses operarios que fan albanelería fina. Foi un reto, a verdade. O meu obxectivo era cumprir formalmente cos 3.500 caracteres por capítulo establecidos nas bases do premio; de feito, os trinta e un capítulos do libro teñen exactamente eses 3.500 caracteres, nin un arriba nin un abaixo.
Cando tes que facer unha novela cunha estrutura tan ríxida sempre está a tentación de non complicarte e darlle á historia unha estrutura clásica: presentación, nó e desenlace. Porén, eu quería ofrecer ao lector, a pesar do formato tan ríxido, unha novela coral, onde apareceran varios personaxes con cadansúa historia, non só a pesquisa de Hermida.
Iso axudoume a introducir unha denuncia sobre varias cousas, como o feminicidio de xénero que estereotipa ás rapazas a ter un corpo determinado ou unha crítica social sobre as mulleres ás que lles rouban os bebés.
Ao final, se vas sumando cousas, os retos eran moitos. Debía cumprir cos caracteres por capítulo, estaba a necesidade de manter a intriga ao longo do mes no que se publicou a novela en La Voz de Galicia e, por suposto, estaba o reto literario.
– FL: En O corazón da Branca de Neve vostede abarca un tema que está de fonda actualidade, como é o roubo de meniños para entregalos a familias que non poden ter descendencia. É doado ficcionar a realidade?
– FC: Aínda que soe a tópico coido que a novela negra ten a obriga de estar pegada á realidade, ha de retratar a época na que vive. O escritor Dashiell Hammett debuxaba nas súas novelas aquela América de finais dos 40 e comezos dos 50. Aos que facemos novela negra hoxe tócanos reflectir o que está a acontecer na actualidade. Polo tanto, no meu caso, non foi difícil. (…)”

Culturgal, a feira da imaxinación

Desde Sermos Galiza e Praza:
“Son tempos de agudizar o enxeño para sobrevivir ou buscar novas vías no mundo da cultura e en Culturgal xuntáronse unha morea de iniciativas que sorprenderon a un público que asistiu de forma masiva á feira. Con poucos medios, agudizar o enxeño, era a consigna que se apreciaba en moitos dos proxectos, talvez como a propia organización da feira, que conseguiu manter o nivel de actividades e público cun 55% de apoio institucional. (…)
Cada edición con máis forza, as industrias culturais agardan por Culturgal para mostrar as súas novas producións. Desta maneira, á feira chegaron recén saídas do prelo, algunhas novidades editoriais agardadas e tamén discográficas, en especial para público infantil, aproveitando as datas próximas ao Nadal nas que a Feira se desenvolven. Por Culturgal pasaron nestes días Manuel Rivas -con dobrete coa Revista Luzes, recén impresa e coa venda do primeiro exemplar no Pazo da Cultura, e co seu novo libro para a infancia O raposo e a mestra-, Anxos Sumai, Berta Dávila, Francisco Castro, Manuel Gago, Luís Rei Núñez, Manuel Lourenzo González, Marcos Calveiro, Rosa Aneiros, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello, Pedro Feijóo, Anselmo López Carreira e Diego Ameixeiras. Da música fixéronse públicos os novos discos de Caxade, Lydia Botana, o CoraSons promovido por Uxía, o de 2naFronteira ou o novo espectáculo de Davide Salvado (…)”

Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o venres 29 de novembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, comeza este venres 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h.. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para o seu primeiro día:

Venres, 29 de novembro
– 11:15 h. Rinocerontes e Quimeras, obradoiro de creación literaria con Marcos Calveiro, para rapazas e rapaces maiores de 11 anos, concertado con centros educativos.
– 12:15 h. Presentación de As crónicas de Landereina. Bágoa de lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, con centros de ensino.
– 13:15 h. Encontro co escritor Marcos Calveiro, ao redor do libro Todos somos (Xerais).
– 13:30 h. Encontro con Manuel Lourenzo González, ao redor do libro Flor de area, editado por Xerais.
– 16:30 h. Presentación do documental Uxío Novoneyra: poeta alén.
– 17:00 h. Presentación do poemario Medrar nas mans, de Asun Estévez (Ir Indo).
– 18:00 h. Revista Oink! A revista do Xabarín Club.
– 19:00 h. Conversa con Luís Rei Núñez ao redor do libro Días que non foron (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 19:30 h. Conversa con Rosa Aneiros ao redor do libro Ámote Leo A. Destino Xalundes (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:00 h. Conversa co escritor Francisco Castro ao redor do libro O corazón da Branca de Neve (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:30 h. Conversa coa escritora Anxos Sumai ao redor do libro A lúa da colleita (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.

Compostela: presentación de O corazón de Branca de Neve, de Francisco Castro

O martes 26 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24) de Santiago de Compostela, preséntase O corazón de Branca de Neve, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participa María Solar.