Conclusións do encontro Galeusca editores, do 13 xuño de 2014

Os editores en lingua catalana, galega e euskera reuníronse en Igeldo os dias 11, 12 e 13 de Xuño nos encontros GALEUSCA de editores, organizados pola Euskal Editoreen Elkartea, en colaboración coa Associació d’Editors en Llengua Catalana, a Associació d’Editors del Pais Valencià e á Asociación Galega de Editores. Os editores en Galeusca, que aglutinan a 185 empresas editoras, cuxa producción anual se achega aos once mil títulos nas tres linguas, chegaron durante as xornadas ás seguintes conclusións:

1. Estamos preocupados pola evolución descendente do mercado e reivindicamos a nosa aportación ao sostemento da diversidade cultural fronte ás tendencias uniformizadoras do goberno do Estado español.
2. Nese senso, reclamamos unha colaboración máis decidida das Administracións públicas. A experiencia está a demostrarnos que son posibles incrementos dos orzamentos públicos compartindo riscos co sector editorial.
3. A edición dixital require dun novo marco legal e unha concienciación social que permitan a xerazón dun modelo de negocio sostible.
4. Compartimos que os diferentes modelos de préstamo dixital que se están a pór en marcha marcha por parte das redes de bibliotecas públicas deben ser acordados co noso sector e avaliados períodicamente. Tamén consideramos que os recursos públicos deben destinarse principalmente á adquisición de contidos.
5. Consideramos que non hai cultura sen tradución. Constatamos que existe un déficit na incorporación da literatura universal ás nosas linguas. A publicación de traducións require dun apoio decidido das Administracións, co fin de poder ser editadas en condicións de igualdade competitiva.
6. O estímulo da lectura debe ser a orixe e principal esforzo dos poderes públicos, fomento que debe centrarse na creación de hábito lector a partir da escola, e no apoio ao sector editorial e libreiro.
7. É imprescindible a implicación de todos os sectores que interveñen na cadea de valor do libro, no diálogo coas Administracións públicas para conseguir políticas culturais eficientes. Constatamos e lamentamos que, nalgúns territorios, as políticas lingüísticas afectan negativamente á edición na lingua propia, e esiximos que iso sexa corrixido.

Francisco Castro, da Asociación Galega de Editores; Izaskun Arretxe, da Asociación de Editores en Lingua Catalana; e Jexuxmari Mujika, da Asociación de Editores en Lingua vasca.

Danse a coñecer as/os gañadoras/es dos Premios Frei Martín Sarmiento

Desde Cultura Galega:
“A Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas deu a coñecer o pasado venres os galardoados este ano cos Premios Frei Martín Sarmiento, que escollen os alumnos das escolas católicas galegas e mais os seus pais.
Na décima edición destes premios literarios resultaron galardoados en educación primaria A pomba dona Paz, de Ramón Caride, na categoría de 1º e 2º cursos; O monstro das profundidades, de Manuel Uhía, na categoría de 3º e 4º; e A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar, na categoría de 5º e 6º.
En secundaria, os escolleitos foron Xesús Fraga, pola obra O elefante branco, na categoría de 1º e 2º da ESO; Fina Casalderrey e Francisco Castro por O neno can, na categoría de 3º e 4º da ESO; e Pedro Feijoo, por Os fillos do mar, na categoría de bacharelato e adultos.
A entrega dos galardóns realizouse na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.”

María López Sández e Francisco Castro falaron de literatura en Alemaña

Desde Galaxia:
“Dende o pasado mércores 14 de maio ata o domingo 18, María López Sández e Francisco Castro tiveron ocasión de participar no Europäisches Festival des Debütroman de Kiel que se celebra nesa cidade alemá.
A literatura galega tivo presenza, na semana das letras galegas, neste importante festival que concentra escritores de toda Europa para cinco días nos que partillar ilusións, establecer contactos, falar de libros e edición e, en definitiva, compartir os asuntos do oficio das letras.
María López Sández e Francisco Castro mantiveron encontros co alumnado da Universidade de Kiel, tanto co grupo de estudantes de galego da profesora e investigadora Antía Marante, como co estudantado de español. Ao tempo, e dentro das actividades do Festival, tiveron ocasión de debullar asuntos relacionados coa creación literaria. (…)”

A Estrada: presentación de Marxinados, de Pepe Carballude

O martes 20 de maio, ás 20:00 horas, no IES Manuel García Barros da Estrada, preséntase a novela Marxinados, de Pepe Carballude, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Carlos Loureiro e Francisco Castro.

Compostela: XI Curso de Formación Continua: Movementos migratorios na Literatura Infantil e Xuvenil. Visións do feminino, do 1 ao 4 de xullo

O presente curso ten como finalidade formar e informar sobre a evolución das Literaturas Infantís e Xuvenís do marco ibérico e iberoamericano. Esta formación está xeralmente excluída, ou pouco ofertada, nos planos de estudo de licenciaturas, diplomaturas e graos, malia a súa transcendencia en ámbitos básicos como a formación e comprensión lectora e escrita. Analízanse estas literaturas desde un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico, as narracións visuais a partir da ilustración que axuda ou complementa a narración textual e a súa influencia na innovación educativa, tendo en conta sempre as visións do feminino para contribuír á non discriminación por cuestións de xénero. O tema específico a tratar é Movementos migratorios na Literatura Infantil e Xuvenil. Visións do feminino.

A AELG colabora neste curso, mediante o patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa Universidade de Santiago neste curso.

Carga lectiva: 30 horas recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como formación permanente do profesorado.
Datas de realización: Do 1 ao 4 de xullo de 2014.
Lugar:
– Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (Rúa San Roque, 2, Santiago de Compostela). Día 1 de xullo.
– Biblioteca Novacaixagalicia (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, Santiago de Compostela). Días 2, 3 e 4 de xullo.
Requisitos de acceso: Mestres e profesorado de secundaria e bacharelato. Calquera interesado/a no tema.
Matrícula: Ata o 30 de xuño de 2014. Descargue aquí a folla de inscrición.
Formalización da inscrición:
– Por correo electrónico: enviar xustificante de pagamento e folla de inscrición ao enderezo: icesecretaria@usc.es
– Por correo postal: Instituto de Ciencias da Educación. Avda. das Ciencias,s/n. Chalé nº 3 Campus Vida. 15782 – Santiago de Compostela
Prezo: 50 €
Nº de conta para efectuar o ingreso: BANCO SANTANDER CENTRAL HISPANO, C/C da USC nº: 0049.2584.90.2214002210. Concepto: XI Curso de Formación Movementos migratorios na Literatura Infantil e Xuvenil. Visións do feminino.
Prazos de pagamento de matrícula: Un único prazo.
Número de prazas: 150.

PROGRAMA

Martes 1 de xullo
Lugar: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (Rúa San Roque, 2, Santiago de Compostela).
9:30-10:30 h. Recollida do material.
10:30-11:00 h. Inauguración: Representante da Xunta de Galicia e do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Directora do ICE. Directora do curso e Director da Biblioteca Novacaixagalicia.
11:00-12:30 h. Os movementos migratorios na LIX do ámbito castelán. Visións do feminino. Jesús Díaz (ULL. España).
Os movementos migratorios na LIX do ámbito catalán. Visións do feminino. Caterina Valriu (UIB. España).
Os movementos migratorios na LIX do ámbito vasco. Visións do feminino. Mari Jose Olaziregi (UPV. España).
12:30-13:00 h. Pausa.
13:00-14:00 h. Os movementos migratorios na LIX do ámbito portugués. Visións do feminino. Sara Reis (UMinho. Portugal).
Os movementos migratorios na LIX do ámbito galego. Visións do feminino. Mar Fernández (ICE.USC.CRPIH. España).
16:00-17:00 h. Os movementos migratorios na LIX en Brasil. Visións do feminino. Alice Áurea Penteado Martha e Vera Teixeira de Aguiar (PUC. Rio Grande do Sul. Brasil).
Os movementos migratorios na LIX en México. Visións do feminino. Laura Guerrero (UIA.MX.México) e Marta Neira (ICE.USC.EU-CEU-UVigo.CRPIH. España).
17:00-18:00 h. Encontro cos escritores Alfredo Gómez Cerdá e Antonio García Teijeiro. Blanca-Ana Roig (ICE.USC.CRPIH. España).
18:00-18:30 h. Pausa.
18:30-19:30 h. Encontro co escritor António Mota. Sara Reis (UMinho. Portugal).
19:30-20:30 h. Presentación do libro Inmigración/Emigración na Literatura Infantil e Xuvenil. Interveñen: Representantes institucionais, Karina Oliveira (Brasil), Manuel Bragado e Blanca-Ana Roig.

Mércores 2 de xullo
Lugar: Biblioteca Novacaixagalicia (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, Santiago de Compostela).
9:30-10:30 h. Inmigración/emigración a partir das manifestacións artísticas. Visións do feminino. María Jesús Agra e Carmen Franco (USC. España).
10:30-11:30 h. Encontro cos escritores galegos Concha Blanco e Rafael Lema. Carmen Ferreira Boo (ICE. USC.EU-CEU.UVigo.CRPIH. España).
11:30-12:00 h. Pausa.
12:00-14:00 h. Encontro co escritor galego Fran Alonso. Berta Dávila (ICE.USC.CRPIH. España).
16:00-18:00 h. Movementos migratorios: unha proposta de traballo nas aulas de primaria e secundaria. Berta Dávila e Eulalia Agrelo (ICE.USC.CRPIH. España).
18:00-18:30 h. Pausa.
18:30-20:00 h. Taller de creación literaria. Francisco Castro (AELG).

Xoves 3 de xullo
10:00-11:30 h. Taller de ilustración de Inés Fernández Mallada. Presenta José María Mesías (UdC. España).
11:30-12:00 h. Pausa.
12:00-14:00 h. A Literatura infanto-juvenil no Plano Nacional de Leitura em Portugal. Fernando Fraga de Azevedo (UMinho. Portugal).
16:30-18:30 h. Innovación educativa a partir da Literatura Infantil e Xuvenil. Unha proposta. Ana María Porto e María Josefa Mosteiro (ICE. USC. España).
18:30-19:00 h. Pausa.
19:00-20:30 h. Innovación educativa e narrativa visual. Inés Sánchez Díaz-Marta e Iria Méndez Neira (USC. España).

Venres 4 de xullo
10:30-12:00 h. Como contar un conto? Celso Fernández Sanmartín.
12:00-12:30 h. Pausa.
12:30-13:30 h. Clausura: Reitor ou representante do Reitor. Representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Directora do ICE. Representante da AELG. Directora do curso.
13:30-14:30 h. Avaliación e entrega de certificacións.

Información:
– Universidade de Santiago de Compostela. Instituto de Ciencias da Educación (ICE). Telf. 881814470/881814475/881814478; icesecretaria@usc.es, blanca.roig@usc.es
– Universidade de Vigo/Universidade de Santiago de Compostela. Marta Neira Rodríguez; marta.neirarodriguez@ceu.es, marta.neira@usc.es
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); oficina@aelg.org
– Biblioteca Novacaixagalicia. Telf. 981 59 34 67; bibliofundacion@caixagalicia.es

Colaboran
Biblioteca Novacaixagalicia.
– Rede Temática “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIXMI).
Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE) – USC.
– Asociacións: ANILIJ-ELOS; ELOS-GALICIA; Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC.

Santiago: actividades destacadas do sábado 3 e domingo 4 de maio na Feira do Libro

O fin de semana do 3 e 4 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 3 de maio
20:00 h. Mesa redonda sobre Xosé María Díaz Castro, organizado pola Editorial Galaxia, coa participación de Luís González Tosar, Armando Requeixo e Víctor Freixanes.

Domingo 4 de maio
20:00 h. Unha nova viaxe por Landereina, acto convocado pola Editorial Galaxia, coa intervención de Sabela González e Francisco Castro.

Agustín Fernández Paz, Premio Trasalba

Desde Sermos Galiza:
“O Fundación Otero Pedrayo escolleu ao escritor Agustín Fernández Paz para lle outorgar o Premio Trasalba 2014. A súa sólida e recoñecida traxectoria literaria, o compromiso inquebrantábel coa lingua e a súa participación activa nos movementos de renovación pedagóxica son algunhas das razóns que a entidade expón á hora de valorar o nome do autor como representante da cultura galega a homenaxear este ano na casa grande de Cimadevila, en Amoeiro, nun acto que terá lugar o vindeiro 29 de xuño. (…)
O escritor e presidente de Galix, Francisco Castro será quen lea a laudatio do premiado nunha xornada na que se entregará un libro homenaxe sobre o autor coa súa traxectoria literaria e biográfica. (…)”

Santiago: presentación de Maternosofía, de Inma López Silva

O martes 1 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24) de Santiago de Compostela, preséntase Maternosofía, de Inma López Silva, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Malós Cabrera e Francisco Castro.

Como cho digo ;-), para que os medios non traduzan a realidade galega

Desde Sermos Galiza:
“Persoas coñecidas de distintos ámbitos da cultura, o ensino ou o deporte sumáronse xa á campaña Como cho digo ;-) que esta terza feira botou a andar a CTNL nun acto que se desenvolveu no espazo cultural da Nave de Vidán e no que participaron varias das primeiras asinantes, entre as que se atopaban, María Reimóndez, Uxía, Mónica Caamaño, Federico Pérez, Jorge Mira ou Najla Shami e o propio presidente da CTNL, Nel Vidal.
Desvelouse finalmente o contido da nova campaña que busca transmitir aos medios de comunicación a vontade social de que a realidade que se produce en galego se recolla tamén na nosa lingua, sen traducións. Cada unha das persoas participantes teñen na súa traxectoria abondosos exemplos de como as súas declaracións e entrevistas foron traducidas ao seren recollidas nos medios de comunicación, de maneira especial, nos xornais e, contra esa práctica tan estendida, suman o seu apoio á nova campaña da CTNL.
“Dicimos que nos gustaría que a lingua galega se visibilizase máis nos medios e, polo tanto, que estes a usasen, cando menos, para reflectir as declaracións que se fan nesta lingua, para informar dos actos desenvolvidos en galego, para crear información a partir de notas e comunicados redactados na nosa lingua, etc”, recóllese nunha campaña que ten entre as persoas promotoras a Fernando Vázquez, Yolanda Castaño, Francisco Castro, Uxía, Mónica Caamaño, Jorge Mira, Luís Davila, Avelino González, Benigno Campos, Salustiano Mato, Manuel Bragado, Sés, Manuel Rivas, Verónica Boquete, Marcos Calveiro, Ezequiel Mosquera, Xosé Manuel Pereiro, Rosa Aneiros, Susana Romero, Roi Casal ou Pilar Neira.
Sumáronse tamén á campaña entidades, asociacións e colectivos como a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, A Mesa, Nova Escola Galega, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Asociación Galega de Editores, Associaçom Galega da Lingua, Xuíces para a Democracia, Asociación Galega de Onomástica ou Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.
Pódese apoiar a campaña desde a páxina web de Como cho digo ;-). Quen se sume recibirá unha declaración personalizada no correo electrónico.”