Cabanillas: medio século sen epitafio

Artigo en Sermos Galiza (foto cedida):
“Case 51 anos tivo que agardar a lousa de Ramón Cabanillas polo epitafio que el mesmo escollera: “Quero na lousa que me de sosego / esta palabra que ten ás: Poeta / e esta palabra que ten luz: Gallego”. Desde o pasado 13 de xuño, un ramo de rosas brancas e vermellas descansa sobre a, agora si, completa tumba do escritor no Panteón de Galegos Ilustres.
As flores leváronas a neta do autor de Da terra asoballada, Aurora Vidal Cabanillas, Pitusa, e mais o académico Francisco Fernández Rei. Este último foi, a través da prensa e numerosos actos, un dos intelectuais máis belixerantes na reclamación do cumprimento da vontade de Cabanillas.
O poeta morreu, nado en Cambados en 1876, morreu na mesma vila do Salnés en 1959. Oito anos despois, o 12 de agosto, os seus restos viaxaron do cemiterio cambadés de Fefiñáns a Santiago de Compostela. O panteón, en Bonaval, acolleu a caixa de cinc ao carón das lousas do escultor Francisco Asorey, na capela da Visitación onde tamén repousan Rosalía de Castro e Alfredo Brañas.
Mais faltaba o epitafio, o terceto de endecasílabos -ao xeito da Divina Comedia- que o propio Cabanillas escribira e baixo o que quería xacer morto. Así llo comunicara á súa dona Eudosia alá por 1915, cando os versos se publicaron no libro Vento mareiro. Figuraron en Fefiñáns e, porén, non en Bonaval.
A asociación cultural de Cambados Unha Grande Chea pediu en 2006 “respecto á vontade do poeta”. En 2009, o Concello de Cambados asumiu a reivindicación e solicitou da Xunta que dotase o sepulcro “das melloras necesarias e acorde coa dignidade do defunto”. Só este ano, máis de medio século despois, Ramón Cabanillas, alcumado “o Poeta da Raza” e un dos escritores de maior relevo da literatura galega do século XX, conta co epitafio que el imaxinara para si.”

Chus Pato ingresa na Academia explorando os límites da poesía

Desde a Real Academia Galega (fonte da foto: RAG):
“Chus Pato ingresou o sábado 23 de setembro na Real Academia Galega como membro de número cunha reflexión sobre a creación poética e os seus límites que profunda na relación da poesía coa linguaxe e a filosofía. A poeta salientou tamén, nun acto celebrado no IES Otero Pedrayo de Ourense, a importancia da poesía para o idioma e reivindicou o dereito dos nenos e nenas a seren educados na arte poética. “O poema é un dos medios que un idioma usa para sobrevivir. Un idioma vive a través dos poetas, a miúdo un poema leva a escritura do poeta máis alá do que il ou ela puidesen sospeitar, ese é o intre no que o futuro do idioma invade o presente”, expresou. A intervención foi así mesmo unha inmersión no propio proceso creador da autora, unha orientación para a lectura da súa obra, “e tamén de calquera poema que se xestara nas marxes indecisas da linguaxe na procura dunha palabra capaz de dicir o mundo”, valorou o académico Francisco Fernández Rei, encargado de lle dar resposta en nome da RAG.
A sesión extraordinaria e pública, conducida polo presidente, Víctor F. Freixanes, contou coa presenza de representantes das distintas institucións da vida cultural, política e cívica do país, e de moitas outras persoas que ateigaron o paraninfo do instituto para acompañar a poeta neste día. Antes de dar lectura ao seu discurso, Chus Pato quixo recordar a escritora e académica Xohana Torres, finada o pasado 12 de setembro. “Á súa mestría, ao seu ronsel, encomendo as miñas palabras”, arrincou a nova académica. Chus Pato entrou no paraninfo acompañada polas dúas últimas persoas que ingresaron na Academia xusto antes ca ela, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre. Foi unha imaxe protagonizada por primeira vez só por mulleres, unha imaxe histórica, sinalou o presidente, acorde coa aposta da RAG nos últimos anos por contar co “gran pulo que é a incorporación da muller”, “a presenza activa da muller, da bandeira que un día ergueu Rosalía de Castro”.
Desde o sábado 23, Chus Pato ocupa a cadeira que quedou vacante tras o pasamento do tamén ourensán Xosé Fernández Ferreiro, a quen lembrou con afecto. “A el úneme a ribeira do Miño, terra do meu pai”, dixo a escritora, que recordou xunto a el os demais académicos que o precederan neste posto, Francisco Fernández del Riego, Florentino López Cuevillas e Uxío Carré Aldao. A cerimonia de ingreso celebrouse no instituto ourensán no que estudou, onde foi alumna doutro académico, Xesús Ferro Couselo. Nunha mañá dos seus tempos de estudante, o académico encubriuna ante a policía franquista insistindo en que estaba na súa aula cando colaborara na distribución de panfletos da UPG no adro do edificio. “Isto, alén de solidariedade, é ensinar Filosofía”, agradeceu. (…)”

Cuntis: homenaxe a Olimpio Arca Caldas

15055731_555635781304281_816691246167802927_n