A Fundación Rosalía e Martín Veiga, premios Pedrón de Ouro e de Honra 2017

Desde Sermos Galiza:
“O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro vén de anunciar que concede o Pedrón de Ouro 2017 á Fundación Rosalía de Castro, e o Pedrón de Honra ao director do Centro Irlandés de Estudos Galegos da Universidade de Cork, o poeta Martín Veiga.
O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro acordou estes gañadores nunha xuntanza celebrada o 1 de abril na Biblioteca Pública de Arzúa. O acto de entrega terá lugar o próximo 21 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores os escritores Pilar García Negro e Isaac Xubín, que se celebrará na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, ás 12:30 horas. Actuarán o grupo de música tradicional galega Os Melidaos e a cantautora Najla Shami.
O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva, residente en Galiza, que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida. Nesta ocasión a entidade recoñecida é a Fundación Rosalía, que “historicamente foi un refuxio da actividade cultural galeguista” e que “recentemente” vén de levar a cabo “importantes obras de reacondicionamento do interior e de profunda modernización museográfica” da Casa-Museo.
Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a “personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da Terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da Nación e a súa Cultura”. Desta volta galardóase a Martín Veiga (Noia, 1970), poeta e profesor titular da Universidade de Cork, onde tamén dirixe o Centro Irlandés de Estudos Galegos, que se convertiu, segundo a Fundación, “nun dos foros máis dinámicos en canto ao desenvolvemento de actividades de ensino, promoción e investigación arredor da lingua e a cultura galegas no exterior”. Alén disto, subliñan, Veiga co-dirixe a prestixiosa revista académica ‘Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies’ e coordina o panel dedicado aos Estudos Galegos no congreso anual da Asociación de Hispanistas de Gran Bretaña e Irlanda, a cuxo comité executivo tamén pertence en calidade de representante das universidades irlandesas. (…)”

A Coruña: presentación da revista Follas Novas

O xoves 6 de abril, ás 20:00 horas, presentarase no local da ONCE (Rúa Cantón Grande, 3), na Coruña, a nova revista de estudos rosalianos Follas novas. No acto participan o director da publicación, Xosé Luís Axeitos, as investigadoras Carme Fernández Pérez-Sanjulián e Pilar García Negro, e o Presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.

Quiosco: Follas Novas, número 1

Desde Cultura Galega:
Xosé Luís Axeitos é o director de Follas novas, a nova revista de estudos da Fundación Rosalía de Castro. O novo número achega unha visión crítica da obra en prosa de Rosalía a cargo de especialistas como Carmen Fernández-Pérez Sanjulián, Kathleen N. March, María López Sández, Francisco Rodríguez Sánchez e María Pilar García Negro. Na sección «Documentos» María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda exhuma unha carta de Alfredo Vicenti a Manuel Murguía e outra deste último á propia Rosalía é analizada por Diego Rodríguez González. Outras seccións como «Recensións», «Bibliografía», «Varia» e «Casa de Rosalía» completan os seus contidos.”

O Día de Rosalía de Castro no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Hai unha filantropía galega que está por estudar e é grandiosa”. #DiaDeRosalía. Cumpriría 180 anos. O seu monumento 100. Del fálanos Miguel Anxo Seixas. Conversamos tamén con Anxo Angueira, presidente da Fundacion Rosalia De Castro e con Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras-es Lingua Galega. #RosaliaTe”

O Día de Rosalía está aquí para ficar

DesdeCartel AELG Día de Rosalia de Castro 2016 Sermos Galiza:
“Un ano máis as redes sociais ferveron co #MobilizaRosalía e co #DíadeRosalía. Asociacións, centros escolares e desta vez tamén algunhas institucións implicáronse a fondo nunha xornada que medra cada ano desde abaixo. (…)
Desde hai uns anos o Día de Rosalía converteuse de facto nunha das datas culturais máis destacadas do ano. Sen grandes investimentos, coa forza que dá un movemento desde abaixo, porque Rosalía une. Ou como dixo Xurxo Lobato, “Rosalía é unha das poucas figuras que une as diferentes tribos galaicas”. Mesmo Google lle dedicou un ‘doodle’ o ano pasado.
Este ano as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo implicáronse a fondo, algunhas delas por primeira vez. A da Coruña, da man do seu departamento de Cultura, organizou un acto de homenaxe e “liberou” catro imaxes de Rosalía deseñadas por catro autoras: Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor. (…)
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, unha das principais promotoras desta celebración, tamén considera que é unha data consolidada. “Hai máis de 50 concellos que están a facer actos do Día de Rosalía, e iso que nós saibamos. E arredor de 100 centros escolares teñen actividades”.
Con respecto ás institucións, a Sánchez parécelle positivo que xa se inclúa no calendario cultural da Consellaría, pero sinala que “falta agora que a consellaría de Educación o inclúa como día lectivo dedicado a Rosalía, porque sería recoñecer institucionalmente a importancia da nosa poeta”.
A AELG segue apostando por unha data na que se agasalle un libro en galego e unha flor. “Sería importante porque a propia industria cultural o necesita”. E insiste en que o Día de Rosalía non compite co Día das Letras, senón que se complementa.
Para Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, esta xornada “está en camiño dunha clara consolidación”. “Non hai máis que mirar toda a cantidade de actos levados adiante por asociacións, concellos e mundo escolar. E abonda con ver as redes sociais para comprobar que ten un protagonismo cada vez maior”. (…)”