Emoción, poesía e evocación do compromiso na homenaxe nacional a Paco Souto

Desde Sermos Galiza:
“(…) Sete meses despois, centos de persoas encheron o Teatro Colón da Coruña na primeira homenaxe nacional a Paco Souto nun espectáculo colectivo organizado pola Deputación da Coruña e coordinado pola poeta Rosalía Fernández Rial e que foi apresentado pola vicepresidenta da institución, Goretti Sanmartín, e pola viúva do poeta Emma Abella.
O tributo -convocado sob a lenda de “Atesourando a palabra”- reuniu unha nutrida representación das artes polas que Paco Souto profesaba un maior cariño: as plásticas, a poesía, a música… Rosalía Fernández Rial contou para este evento con poetas como Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández ou Paco de Tano; artistas plásticas como Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña ou Abraham Vila, e músicos como Serxio Moreira, Aida Saco e Fran Barcia, ou figuras do eido audiovisual como o cineasta Xosé Bocixa.
Elas e eles tomaron a palabra para, desde o afecto e a admiración, evocaren a figura dun escritor que, alén de producir a súa propia obra, foi un importante promotor da cultura na Costa da Morte, o seu territorio, nas diferentes artes. Gabaron non só o Paco Souto poeta, mais tamén o Paco Souto activista político comprometido desde o nacionalismo coa causa das clases populares e dos direitos nacionais de Galiza.
“Foi un grande axitador cultural, coa súa continua vontade para promover actos e iniciativas culturais. Paco Souto foi a personificación do verbo dar”, sobranceou Rosalía Fernández Rial, quen louvou a súa actitude “voluntariosa e colaborativa”. (…)”

O escritor Antonio Piñeiro gaña con A través do fume o Premio Torrente Ballester en galego da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O escritor Antonio Piñeiro vén de gañar o Premio Torrente Ballester en galego, convocado pola Deputación da Coruña, coa novela A través do fume. O xurado destacou a “habilitade narrativa” da obra elixida para a segunda edición da convocatoria na modalidade só de galego.
Un xurado composto por Antón Riveiro Coello, Montse Dopico, María Reimóndez, Armando Requeixo e a gañadora da edición anterior, Eli Ríos, presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e coa xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria decidiu conceder o Premio Torrente Ballester á obra A través do fume que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do escritor Antonio Piñeiro. O premio consiste en 25.000 euros –o de maior contía da narrativa en galego- e a publicación da obra gañadora.
O xurado valorou que a novela de Antonio Piñeiro é un “relato cunha grande habilidade narrativa que arrisca e funciona como mecano en que a persoa lectora ten que implicarse para construír o quebracabezas até a última páxina”.
Destaca tamén na explicación da escolla da obra, que se produciu por unanimidade, o seu “enfoque calidoscópico que recrea maxistralmente a memoria a través do tratamento exquisito da lingua e os obxectos simbólicos do cotián como os selos ou as cartas”.
“Esta prosa poética destaca polo xeito innovador e dinámico en que conviven o presente e o pasado”, engade o xurado despois da deliberación en que escolleron a novela de Piñeiro sobre as 12 finalistas das 59 obras presentadas. (…)”

Presentación de Luns, de Eli Ríos, na Deputación da Coruña, anotación de Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Coincidiu a primeira presentación de Luns, primeira novela de Eli Ríos, gañadora do Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega 2016, co pasamento da escritora Xohana Torres, unha perda inmensa para a nosa literatura. Así o sinalou ao comezo do acto Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable de Cultura, organizadora deste certame, que por vez primeira foi convocado con esta modalidade como tamén foi primeira na que foi outorgado a unha narradora da nosa lingua.
Sanmartín comezou salientando de Luns, como xa fixera o xurado, a importancia da perspectiva de xénero e da técnica do fluír de conciencia, para engadir que “a renovación da linguaxe” e “a utilización do humor e dunha fina ironía como outros alicerces desta novela de lectura trepidante”. “Todo aparece fragmentado, a protagonista debe enfrontarse soa coa cotidianidade, co práctico, mais é unha persoa sometida ao seu home, o que se reflicte na utilización dunha linguaxe distinta por parte de Manuel e dela mesma. Mentres a linguaxe do seu home é continua, a de Nerea é fragmentada, o que expresa que a linguaxe feminina non existe, ten que partir de cero”. “Esa fragmentación e renovación da linguaxe, como a estrañeza que provoca nalgunhas escenas, eleva a vida cotiá á categoría literaria”. Pola súa banda, Ríos confesou que con Luns “quería facer sentir, cando se remate a novela que fagamos algo, que nos mobilicemos, se a literatura non ten que ver coas pulsións humanas, que sentido ten? A literatura ten que ver coa vida”.”

Bea Lema, a primeira muller que acada o premio Banda Deseñada Castelao

Desde Sermos Galiza (foto de Andrea Rodríguez):
“Un xurado composto por especialistas en banda deseñada decidiu que Bea Lema se convirta na primeira muller gañadora do Premio Castelao da Deputación da Coruña, o único do xénero no panorama cultural galego ao que se presentaron dezaseis orixinais, o maior número da súa historia.
O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e formaban parte del Emilio Fonseca, gañador da anterior edición pola obra Fóra de marxe, e os autores Xosé Tomás, Natacha Busto e Pablo Auladell, que decidiron a obra gañadora da nova edición do único certame de banda deseñada do panorama galego. O premio está dotado con 6.500 euros máis a publicación da obra pola Deputación da Coruña. O xurado decidiu deixar deserta a convocatoria destinada a público infantil.
O xurado valorou a “intensidade dramática sen caer no sentimentalismo” da obra de Bea Lema ademais da “sensibilidade para contar patoloxías mentais desde o punto de vista infantil”. A resolución do premio recoñece tamén o valor de O corpo de Cristo á hora de “mostrar a resilencia dunha nena fronte aos problemas adultos” e, en canto o traballo gráfico da obra destaca que a autora prima unha “liña elegante e delicada que transmite atmosferas emocionais moi complexas, apoiándose en metáforas visuais moi intensas e potentes”.
Formada como deseñadora de produto pola Universidade da Coruña, Bea Lema (A Coruña, 1985) comeza a súa traxectoria profesional en 2010 traballando para a firma de cerámica Sargadelos. En 2013 crea, xunto a Xoan Torres, o proxecto Lelédacuca onde realizan obxectos que mesturan o deseño contemporáneo coa artesanía tradicional. (…)”

O Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña recoñece o labor normalizador da AS-PG e o proxecto Apego

Desde a Deputación da Coruña:
“A AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) e o proxecto “Apego” que ten á Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) como representante legal son as iniciativas gañadoras do VIII Premio Rosalía de Castro de Lingua.
A AS-PG resultou gañadora na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaque na promoción da lingua galega, segundo o xurado pola súa “tarefa continuada e a longa traxectoria a prol da lingua e cultura galegas, formación docente, publicación de materiais didácticos, promoción de espectáculos audiovisuais, elaboración de estudos sociais, implicación decisiva no proceso de normalización lingüística, etc”
Na categoría que premia proxectos ou iniciativas que traballan con tramos de poboación de menor idade, infancia e mocidade, resultou gañador o proxecto “Apego”, representado pola CTNL, segundo o xurado por “promover o uso do galego na infancia e a súa implantación en todo o país”.
O xurado estivo composto por Iolanda Galanes, Anxo Louzao, Cibrán Arxibai e Xián Naya coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, como presidenta e a técnica da área, Dores Sánchez como secretaria.
A vicepresidenta e responsábel da área de Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, destacou o “carácter innovador e pioneiro do proxecto Apego que vai destinado ao sector que máis precisa actividades de fomento de uso do galego, a infancia”. Por outra parte, a respecto do premio á AS-PG, Goretti Sanmartín indicou que “a súa traxectoria é a dun intenso percorrido por multitude de facetas de ampla incidencia social, con apostas dinámicas que tentan unir o mundo do lecer, do coñecemento e do orgullo do uso da lingua propia no país”.”

A casa-museo de Dieste abrirá ao público en 2018

Desde Sermos Galiza:
“A Deputación da Coruña vén de asinar un convenio de colaboración co Concello de Rianxo que suporá o comezo das obras de reconstrución do inmóbel do escritor nesta vila. Prevese que estará lista en 10 meses.
En 10 meses xa poderemos entrar na futura casa-museo de Rafael Dieste, a vivenda que o autor recreou na súa obra A fiestra valdeira e que se encontra na Rúa de Abaixo de Rianxo, seguramente a rúa máis literaria do país, que tamén acolle as casas de Castelao e Manuel Antonio, esta última xa habilitada como museo.
Todo isto será posible grazas a unha achega da Deputación da Coruña de 189.456,66 euros, o 80% do orzamento total de 236.820,82 euros. “Con este proxecto, queremos impulsar a condición de Rianxo como vila literaria, en que a cultura é tamén motor de dinamización turística e económica, á maneira doutras casas de referencia no país como a de Rosalía de Castro en Padrón que son espazos moi visitados, non só pola propia veciñanza que lle dará uso, senón tamén por estudantado e persoas que queren renderlle homenaxe aos tres autores que viviron nesta rúa”, sinalou Goretti Sanmartín Rei no acto de sinatura de convenio que se desenvolveu na propia casa de Rafael Dieste.
“Para nós é unha obriga contribuír a difundir o seu legado nun concello que aposta pola cultura que forma parte da súa identidade cun tesouro para a veciñanza mais tamén que se proxecta para o mundo, á maneira da propia figura de Rafael Dieste”, engadiu Goretti Sanmartín que destacou a potencialidade das casas literarias como atractivo turístico, cultural e económico. “Coa apertura da casa de Rafael Dieste, a poucos metros do museo de Manuel Antonio e tamén da casa de Castelao, Rianxo consolídase como un lugar emblemático do noso país e a súa cultura”, concluíu na súa intervención a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña.
Pola súa parte, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, agradeceu que desde a Deputación da Coruña, co voto favorábel de toda a corporación, se considerase a iniciativa como un “proxecto singular, de país, en clave galega”. Anunciou que, de inmediato, desde o Concello comezarán as xestións para a contratación da obra coa idea de que nun prazo de dez meses se poda xa abrir a casa ao público. “Coa apertura da casa de Rafael Dieste, a poucos metros da de Manuel Antonio e a de Castelao, a Rúa de Abaixo é un referente para a visita turística e cultural non só para Rianxo senón para todo o país e para o mundo, en especial nos países e nas amplas relacións en que a familia Dieste deixou pegada”, explicou Adolfo Muíños que se congratulou por un novo “espazo gañado para a cidadanía e a cultura galega, ademais de facer xustiza coa memoria do escritor”.”