Arquivos da etiqueta: Henrique Dacosta
Henrique Dacosta: “O Ano Carvalho debe prolongarse durante todo o vindeiro 2021”
Entrevista
a Henrique Dacosta no Diario de Ferrol:
“Por vez primeira, a Real Academia Galega adiou o acto central do Día das Letras Galegas, neste caso ao 31 de outubro –un día despois de que se cumpran os 110 anos do nacemento do seu protagonista–, por mor da pandemia provocada polo Covid-19. Esta decisión, que é histórica, non é suficiente para boa parte do tecido cultural e social de Galicia, que pula por que a homenaxe a Carvalho se prolongue durante todo 2021. “É o lóxico”, defende o escritor Henrique Dacosta, quen considera que só dese xeito o polígrafo ferrolán recibiría “unha homenaxe como é debido”. (…)
– Diario de Ferrol (DF): Hai moitas publicacións paradas e, sobre todo, tampouco hai certeza de cando poderá volver a normalidade. Cre que a Academia atenderá esta petición?
– Henrique Dacosta (HD): Eu agardo que teña a suficiente sensatez como para que se dea de conta de que hai unha presión social para que se faga así. No sentir das redes sociais e os medios hai un posicionamento máis ou menos acorde para que 2021 siga sendo o Ano Carvalho. É de xustiza, repito. Hai moito traballo que está por se publicar e ten que publicarse.
– DF: Sobre a controversia da grafía, Carballo ou Carvalho?
– HD: As fillas escríbeno con “b” e con “ll”, non hai problema, e el até o último momento da súa vida defendeuno con “v” e con “lh”. O seu posicionamento pola vía histórica e lingüística, polo reintegracionismo –o que el chamaba romance ibérico occidental, que tecnicamente desde punto de vista filolóxico é así– e a súa comuñón co portugués eran ben evidentes desde os 1971-1972, cando comezou a trabar amizade con Rodrigues Lapa. Eu creo que neste momento por aí non haberá demasiada controversia; haberá quen o escriba dunha manera e quen o escriba doutra. El desde os anos 70 até a súa morte comungou claramente co reintegracionismo e aí non hai ninguha dúbida ao respecto. E logo, desde o punto de vista ortográfico, estamos nun momento importante: a vía binormativista pareceríame a solución máis interesante, que se puidese debater e que se puidese conseguir. Isto é, a coexistencia dunha normativa tal como está na escola nestes momentos con esoutra da vía do portugués padrón ou algo semellante para que o galego teña tamén unha dimensión internacional. Podiamos pensar, egoistamente, en termos económicos: temos un mundo por abrir e descubrir inmenso. Xa está ben de nos mirar simplemente para o noso embigo e quedarmos cada vez máis illados. Coido que esa non é a solución actual.”
Henrique Dacosta le un fragmento de Illas a sotavento
Desde a AELG recollemos
a lectura dun fragmento de Illas a sotavento polo seu autor, Henrique Dacosta, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.
Carvalho Calero por Henrique Dacosta
Desde
Radiofusión:
“Henrique Dacosta foi o convidado esta mañá no club de lectura da Radio Fene Radiofusión. A súa biografía Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético editada por Xerais é un libro ameno, didáctico do que gustaría o profesor. Conversaron co escritor ferrolán, a directora dos Roteiros de Carvalho Calero, Loreto de Castro; Henrique Sanfíz, Antonio Casal, de Ferrolterra Antiga e María Xesús Arias.
“A postura antilusista ou seja separatista, ou isolacionista, tem sentido de umha perspectiva castelhanista. O que estime que o galego é umha antigualla inservivel, ou simplesmente um expediente antieconómico, ou um insidioso atentado contra a unidade nacional, debe ser antilusista e antigaleguista, debe confessar-se abertamente castelhanista en materia idiomática” afirma no seu libro Da fala e da escrita.”
Pode escoitarse aquí.
“Fina ironía e benévolo humorismo”
Desde
Radiofusión:
“Henrique Dacosta foi o convidado no club de lectura da Radio Fene Radiofusión. A súa biografía Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético editada por Xerais é un libro ameno, didáctico do que gustaría o profesor. Conversaron co escritor ferrolán, a directora dos Roteiros de Carvalho Calero, Loreto de Castro; Henrique Sanfíz, Antonio Casal, de Ferrolterra Antiga e María Xesús Arias.
“A postura antilusista ou seja separatista, ou isolacionista, tem sentido de umha perspectiva castelhanista. O que estime que o galego é umha antigualla inservivel, ou simplesmente um expediente antieconómico, ou um insidioso atentado contra a unidade nacional, debe ser antilusista e antigaleguista, debe confessar-se abertamente castelhanista en materia idiomática” afirma no seu libro Da fala e da escrita.”
Ignacio Vidal Portabales gaña o XXVI Premio Manuel Lueiro Rey coa obra Lara e Sabela
Desde
o Concello do Grove:
“O xurado nomeado polo Concello do Grove xuntouse na tarde do martes 18 de decembro para ditaminar a obra gañadora da XXVI edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta.
Despois de deliberar, o xurado, composto por Armando Requeixo, Mario Requeira, Ánxela Gracián, Henrique Dacosta –gañador da pasada edición– e Manuel Bragado -en representación da Edicións Xerais de Galicia-, decidiu declarar gañadora da presente edición a obra titulada Lara e Sabela, presentada baixo o lema “Aloia”.
Logo de se abrir a plica da obra premiada, o seu autor resultou ser Ignacio Vidal Portabales, doutor en Dereito, profesor de dereito mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela e escritor.
Esta vixésimo sexta edición foi a que maior participación acadou ata o momento, cun total de vinte orixinais presentados; alén diso, o xurado quixo destacar o considerable incremento na calidade das obras participantes.
O Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta é un certame literario convocado polo Concello do Grove desde 1992 co obxecto de promover a vida e a obra do escritor e xornalista que lle dá nome, veciño desta vila desde a súa máis tenra infancia, axudando asemade á promoción da literatura galega e dos seus autores.”
Henrique Dacosta e o mar como protagonista das súas últimas dúas novelas
Desde
a Televisión de Galicia:
“O autor ferrolán publicou Illas a Sotavento, premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta e A rota do Oeste, son dúas novelas ambientadas na Costa de Ferrol, e que mesturan diversos xéneros mais aló da literatura de aventuras. A entrevista pode verse aquí.”
Ferrol: 70minutos.con, con Henrique Dacosta e Mario Regueira
Obradoiro de creación literaria A vida: unha narrativa, con Henrique Dacosta
O
Obradoiro de creación literaria A vida: unha narrativa, impartido por Henrique Dacosta, e cunha sesión maxistral a cargo de Eva Loureiro Vilarelhe é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de San Sadurniño e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura e Turismo.
“Coa “pedra sol” e audacia, os viquingos alcanzaron terras descoñecidas. A narrativa é unha sorte de navegación a través dun mar de letras. Se o que queres é pór rumbo a ese territorio, enrólate connosco. Da realidade xurdirá a fantasía, coa imaxinación construiremos mundos modelados ao noso antollo, conseguiremos que os cegos vexan, veremos aos maos lles asomar o seu corazonciño, que nos entre o desacougo cando á protagonista lle espreita o perigo… Porque, o que non ten dúbida, é que a vida toda cabe no noso relato.”
Haberá 8 sesións de 2 horas e media cada unha, en horario de 11:00 a 13:30, que se celebrarán os sábados:
– 28 de setembro.
– 5, 19 e 26 de outubro.
– 2, 9, 16 e 23 de novembro.
Terá lugar nas aulas da Casa da Xuventude de San Sadurniño (Rúa Casal, 13 –como chegar-).
Hai 20 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude.
A inscrición poderá facerse, até o 27 de setembro de 2019, no correo electrónico anagavinmerlan@gmail.com ou ben no teléfono 652814144.
O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.
“As Letras non poden transcorrer nunha liorta empobrecedora entre carballistas e carvalhistas”
Entrevista
en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Xa está na rúa o libro Hei de entrar no meu povo. Como se xestou o traballo?
– Resposta (R): Dous dos coordinadores do volume, con moitas outras persoas, colaboramos hai corenta anos con Medulio (organizador en decembro de 1981 da primeira homenaxe da sociedade galega a Carvalho), e logo con Artábria, co Concello de Ferrol (nomeadamente no 1990 e no 2010) e outras entidades na reivindicación da súa figura, un dos grandes vultos, sen dúbida, da vida intelectual e cultural da Galiza do século XX, malia que algúns e algunhas pretendesen, e aínda pretendan, negalo. Nós os catro e media ducia máis que asinamos este libro envorcamos moito máis esforzo de 2013 en diante, con ciclos de divulgación da obra e figura de Ricardo Carvalho, mais certos protagonismos e o nulo éxito na RAG da demanda de Letras galegas para el (sempre apareceu algunha pexa absurda que lle opór) foron deixando xente polo camiño, de xeito que no 2017 ficamos só nós os catro, que de febreiro a maio do 2018 argallamos actividades para lembrar Carvalho. A tal obxecto decidimos editar un libro que recollese as actividades do 2018, especialmente o acto final (coordinado por Xosé Manuel Pazo e Vítor Santalha) e tres das ponencias desenvolvidas: o historiador Bernardo Máiz dá conta en “Carvalho Calero e a política (1926-1990)” de como, despois de 1936-1939 e do silencio obrigado para quen estaba en liberdade vixiada, Carvalho seguiu manifestándose politicamente até no último dos seus escritos e actitudes. En “Ricardo Carvalho Calero, o estudioso da literatura”, Henrique Dacosta afirma que “representou todo para as nossas letras: Nom houvo faceta que nom tivesse chegado a cultivar”; e o profesor Xosé María Dobarro Paz en “Lingüísta por mor dunha causa”, expón como Carvalho “desde mediados da década de 70 pasou a defender publicamente unha aproximación e reintegración da lingua galega na portuguesa”.
– SG: Hai varios colectivos, nomeadamente en Ferrol, a súa cidade natal, que levan moitos anos reivindicando un recoñecemento para Carvalho Calero. Como se sobrelevou o feito de que moitas das campañas organizadas para obter ese recoñecemento institucional -e tamén social- non acadasen os resultados propostos?
– R: Con Artábria tamén andaron en Ferrolterra nesta reivindicación Medulio, o Ateneo Ferrolán, o Toxos e Froles, a Sociedade Artística Ferrolana, a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e un longo etcétera; o Concello ferrolán tamén armou un congreso sobre Carvalho no 2010, e aí estivemos sempre nós. Porén, como sinalabamos antes, foi medrando o cansazo, a decepción e o desleixo. Con todo, seguiron pola súa conta algunhas entidades. Nós, con posturas lingüísticas e políticas próximas mais diferentes, mantivemos a unidade de acción. (…)
– SG: Que destacarían de Carvalho Calero? Que importancia ten para a lingua e a literatura galegas?
– R: A súa figura vai alén do debate normativo. Como escribimos no libro, don Ricardo foi un galeguista que, ao longo de case sete décadas, desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, investigador, académico, docente, político… Unha persoa de honestísima traxectoria vital e profesional, desenvolvida en circunstancias adversas, marcada sempre por un profundo e permanente amor á súa terra, ao seu idioma e á súa cultura. Asemade, da súa man moitas galegas, galegos e foráneos puideron por vez primeira achegarse ao coñecemento científico do idioma propio da Galiza e da súa literatura. (…)”


