Vigo: actividades do 1 de xullo da Feira do Libro 2024

Fernando Castro Paredes gaña o Premio García Barros

Desde Faro de Vigo:
“A Estrada ten xa un nome e un título para asinar unha nova páxina na historia do Premio de Novela Manuel García Barros. A obra Entomoloxía para misioneiros, do tapiego Fernando Castro Paredes foi escollida na xornada de onte polo xurado encargado de fallar este prestixioso galardón, un dos de máis tradición e peso nas letras galegas contemporáneas co que se honra a memoria do célebre Ken Keirades.
O xurado estivo integrado por Iria Collazo López, Patricia Arias Chachero –presente a través de videconferencia–, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez. Todos eles reuníronse onte na sala de xuntas do Concello da Estrada para deliberar sobre cal sería a peza vencedora na trixésimo quinta edición do certame.
Unha vez valoradas as 22 obras presentadas, a decisión do tribunal foi concederlle o premio por maioría á novela de Castro Paredes, da cal destacaron “a ambición estética dunha narración que conxuga a fórmula do relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de Occidente e Oriente”.
Tamén se puxo en valor a súa arquitectura “moi elaborada que inclúe epístolas, informes e outras modulacións do discurso”. “Entomoloxía para misioneiros ábrese á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia, a problemática da identidade ou a realidade da (in)comunicación entre outros asuntos palpitantes, que fan desta novela un artefacto literario de xenuína e poderosa voz”, destacou o xurado.
O edil de Cultura, Juan Constenla, aproveitou a ocasión para remarcar “a calidade de todas as propostas presentadas na presente edición” e puxo en valor a realización dun certame que supón –dixo– “un fantástico escaparate para moitos escritores e escritoras ao mesmo tempo que mantén vixente a figura dun dos grandes literatos estradenses como é Manuel García Barros”. (…)”

Moaña: presentación de De casa queimada, de Iria Collazo

Desde as Concellarías de Cultura e Mocidade de Moaña organízase unha xornada matinal de poesía e música para celebrar a primavera neste 21 de marzo, “Día Internacional da Poesía”. Emitirase un vídeo ao vivo no Facebook do Concello de Moaña ás 12:00 coa presentación do libro De casa queimada, da escritora Iria Collazo, editado por Alvarellos Editora, e acompañada por Anna R Figueiredo. A parte musical será a cargo de Luís Caruncho, que se achegará a Moaña para tocar unhas pezas de poemas musicados e mais un brindo improvisado.

Iria Collazo: “Os meus Tintíns da infancia están tan desgastados que parecen a piques de romper”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Iria Collazo en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.
– Iria Collazo (IC): Podo elixir dous? Encantaríame unha velada con Pizarnik e Cortázar. (…)
– B: Que novela lle gustaría protagonizar?
– IC: Gustaríame ser a Blimunda do Memorial do convento, de Saramago. (…)
– B: E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
– IC: O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. Pornografía ou Camuflaxe, de Lupe Gómez. seique, de Susana Sanches Arins. Non necesariamente nesa orde.
– B: E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?
– IC: Aínda que sigo sen saber moi ben a partir de que data un libro galego pode ser considerado como un clásico, o primeiro libro que se me ocorre para regalarlle a unha amizade que nunca o lese sería un poemario, o De catro a catro, de Manuel Antonio. En prosa, se cadra elixiría A esmorga, de Blanco Amor ou Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Cunqueiro.”