“O Museo Carlos Maside: Galicia, goberna a túa cultura”, por Iria-Friné Rivera Vázquez

Artigo de Iria-Friné Rivera Vázquez en Historia de Galicia:
“(…) A fundación do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside tivo lugar en 1970, sendo a sua dirección exercida polo Laboratorio de Formas. Os Fundadores, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, tomaron para a sua concepción e actividade fitos artísticos xurdidos en circunstancias nas que a sociedade fora brutalmente sometida a situacións extremas de guerra, fame, analfabetismo e agresividade social, política e intelectual. Entre os fitos que colleron como modelo foron as liñas de pensamento de John Ruskin e a produción de William Morris, quenes comezaron toda unha actividade artística e de iniciativas culturais para un movemento reformista como o Movemento de Artes e Oficios. Movemento pacífico e consciente para contrarrestar os danos producidos pola explotación descontrolada dunha industrialización sen mais leis que a da explotación e a acumulación sen normas e sen dereitos nun marco social, económico, natural e político misóxino e paternalista.
Igualmente recolléronse os fitos que foron o Racionalismo, o Construtivismo, a arte rusa e as tres grandes escolas de deseño europeo: a Bauhaus, os Vkhutemas (que naceron a calor da Bauhaus) e Ulm. É dicir, escolas de arte que a vez funcionaban como arquivos, bibliotecas, fogares, lugares de encontro e espazos de divulgacións. O Museo Carlos Maside fundamentou a sua actividade precisamente nesta liña de acción: proxeccións fílmicas, exposicións, presentacións de libros, obras de teatro, visitas abertas a tódolos públicos e lugar de arquivística para investigación. Pero xunto con isto tamén estaba a connotación que tiñan as escolmas.
O Museo Carlos Maside non so era un epicentro de cultura, senón que esa cultura tiña un propósito. Por circunstancias vitais tanto Seoane (que naceu en 1910) como Díaz Pardo (que naceu en 1920), foron testemuños excepcionais de feitos decisivos. Eles coñeceron os membros da Cova Céltica, das Irmandades da Fala, da Xeración Nós, da Irmandade Nacionalista Galega, do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, os Renovadores e foron testemuños e participantes da campaña do Plebiscito do Estatuto de Galicia en 1936. Pero tamén viron as implicacións no auxe do nazismo e do fascismo, vivindo os horrores da Guerra Civil en España. Con iso viron o exilio de figuras como Castelao e a morte dun pai, mentor, referente e amigo como Camilo Díaz Baliño, mutilado en vida e disparado ata o punto de quedar o seu cadáver desfigurado, enterrado nunha tumba sen nome e sen identificación.
A perda de todos eles non se viviu con vergonza ou sumisión. Fixeron valer as mellores virtudes herdadas de xeración en xeración e recolleron o mais construtivo e de valor para, con paciencia, tenacidade e presenza, continuar os principios e valores que eles defenderan facendo da cultura unha segunda pel coa que poder vivir con dignidade. Porque a Cultura dende a xeración da Cova Céltica ata eles, non se comprendía so como unha pasiva adquisición de coñecementos, cousa de uns poucos ou puro espectáculo. A Cultura para todos eles, e aquí radica a relevancia do Museo Carlos Maside con todo o que implicaba e levaba a cabo, estaba en que non se subestimaba as persoas: pola súa porta podían entrar dende obreiros ata mestres, estudantes e científicos, mulleres e homes, nenos e persoas de idade. Non se ignoraban os temas por complexos que foran, porque non é cuestión de evitar a complexidade. A cuestión é saber traballala como é debido. Non vale de nada facer actividade cultural se esta resulta baleira, implicando que as persoas son incapaces de regularse e funcionar como audiencias pensantes. Ao facer o Museo Carlos Maside e o amplo rango de actividade cultural, enxergaban en algo real e historicamente resoante. (…)”

Roteiro Historias da Arte: Castelao e os seus contemporáneos, con Iria-Friné Rivera Vázquez

O Roteiro Historias da Arte: Castelao e os seus contemporáneos, guiado por Iria-Friné Rivera Vázquez, xira arredor da presenza de Castelao na Coruña en relación aos seus contemporáneos. Nado en 1886, as sucesivas influencias de persoeiros ligados a esta cidade resultan relevantes. Isto non só sucede pola importancia que estas influencias puideron ter nel como pensador, artista, político e figura pública, senón tamén na retroalimentación que sucedeu. Está a parte del como cidadán e a parte do contacto que a cidadanía ten coa sua obra escrita, artística, intelectual e política. Este roteiro a través de diferentes camiños e obras no espazo público resulta unha exploración de todos eses feitos, mostrando unha interrelación viva e activa en feitos, palabras e persoas que segue a ter repercusión hoxe en día.

Esta iniciativa da AELG, pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

A actividade conta co apoio do Concello da Coruña.

Terá lugar o domingo 21 de decembro, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será diante do Monumento a Eduardo Pondal, no Cantón Pequeno. A asistencia é gratuíta e non é precisa inscrición previa.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.