Desde o Concello de Carral:
“A forza da voz poética manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes”. Esta foi unha das razóns polas que a viguesa Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980) se fixo co 27º Premio de Poesía do Concello de Carral. Coa súa obra A pel do exilio, a autora conquistou ao xurado de xeito unánime.
O poemario de Penas Estévez foi escollido entre un total de 94 obras presentadas, o cal supón un novo récord para este certame, que medra ano tras ano en cifras de participación. De entre todos os traballos, o xurado elixiu o da viguesa salientando o seu ritmo e a súa “vocación de mediar co mundo, traspasando o texto na procura da reflexión metapoética e identitaria”.
O xurado estivo composto polo presidente; o alcalde Javier Gestal Pose, por Inma Otero, Tamara Andrés, Ciro Briones, e actuando como secretario, con voz e sen voto, o técnico de Cultura, Carlos Lorenzo.
O premio, que conta coa colaboración anual da Xunta de Galicia, está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
A entrega do premio Concello de Carral está prevista para o venres, 31 de maio, na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Oídos de espeleóloga, co que Ciro Briones gañou a 26ª edición do certame. (…)”
Arquivos da etiqueta: Javier Gestal Pose
Carral: entrega do Premio de poesía Concello de Carral 2019 e entrega do Premio de 2020, o 12 de setembro
“A Casa da Cultura de Carral acollerá o vindeiro sábado 12 de setembro, ás 19:00 h, o acto central do Premio de Poesía Concello de Carral. Como é habitual, o evento servirá para conceder o premio da presente edición e para a presentación da publicación do libro gañador na anterior. Así, Manuel López Rodríguez recibirá o galardón polo seu poemario Nas pulsacións e Xurxo Alonso presentará En luz escrita co que obtivo o premio o pasado ano e que formará parte da colección de Poesía de Espiral Maior. Como en anos anteriores, contamos coa colaboración económica da Xunta de Galicia para a edición da obra gañadora do noso certame.
No acto contarase coa presenza do alcalde Javier Gestal Pose, do director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, de Miriam Ferradáns, como representante do xurado da vixente edición, e de Miguel Anxo Fernán Vello como responsable de Edicións Espiral Maior.
Debido ás actuais circunstancias, o aforo será moi limitado e será preciso para asistir inscribirse previamente chamando antes das 14:00 h. do venres ao 981 672 580.
Ao público asistente agasallarase o libro En luz escrita, tendo ocasión de que llo asine o seu autor, Xurxo Alonso.
Nesta edición e dadas as precaucións polo Covid19, o acto non contará con ningún tipo de intervención artística nin existirá o habitual convite para o público participante.”