Rachar a cola de peixe, por Lara Rozados

Artigo de Lara Rozados na Sega:
“É unha imaxe que me vén á cabeza desde que empecei a investigar estas iconas, medio mulleres / medio peixes, tan coñecidas na civilización occidental, de Homero a Andersen (esta última pasada pola tixola de Disney, si, tamén): que pasaría se a serea do escudo de Castelao, esa mesma que Aduaneiros Sem Fronteiras inmortalizaran “Denantes morta que sensilla”, “dun salto, pillase a fouciña” para fóra do escudo e rachase con ela a cola de peixe? Que pasaría se esa serea que permanece portadora do escudo, quietiña e silente, tivese pernas de seu, voz de seu, ideas de seu? Pois o 19 de outubro funa ver á Ramallosa: Iria Pinheiro en Anatomía unha serea racha coa cola de peixe. A súa e tantas outras, de tantas mulleres, en todo o mundo.
Pinheiro empregou a Berberecheira, “viveiro” de artes escénicas onde Chévere convida artistas a experimentar co teatro documental, para contarnos a historia do seu parto. De como se transformou en serea. Xesús Ron, director do espectáculo, presentouno como o primeiro “feminino” despois dos outros dous nacidos na Berberecheira: Goldi Libre, onde o actor César Goldi conta a súa experiencia no cárcere ao non someterse ao servizo militar obrigatorio, e Salvador, unha historia e Borja Fernández arredor do seu avó emigrado. As historias “masculinas”, por así dicilo, eran fortemente políticas, pero a de Pinheiro, unha historia de obstetricia, tamén. Radicalmente. (…)”

As contadoras de contos, por Lara Rozados

Artigo de Lara Rozados na Sega:
““A contadora de contos” é o último dos doce relatos que integran o volume Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo (Baía Edicións, 1996). Como podemos confirmar ao longo da obra de Campo, mestúranse e hibrídanse os xéneros literarios para que a poética, entendida como a acción, a capacidade transformadora do texto, opere desde todo o seu potencial. E este conto, a contadora de contos, máis dramático ca narrativo, ao se tratar dun diálogo entre avoa e neta, é o tal colofón para esta ducia de relatos que, coma doas, van enfiados nunha complexa rede que aínda non se pechou. Velaí a conxunción e que pecha o relato e o libro, solicitando que, lectoras críticas que somos, sigamos enfiando estas xoias de cristal. (…)”

Insurrección na gaiola, por Lara Rozados

Artigo de Lara Rozados na Sega:
O Premexentes non pode cos paxaros rebezos (ou memorias dun escribano) é a segunda peza teatral para público infantil publicada por Marica Campo, despois d’O cazador de estrelas, no número 48 dos Cadernos da Escola Dramática Galega, en outubro do 84. O que se propón para lles pór en escena ás espectadoras miúdas é unha historia tan vella como o mundo, e a posibilidade de darlle a volta. A gaiola ocupa a maior parte do escenario, e nela moran diferentes paxaros, lembrando un tempo en que eran libres e voaban pola fraga. Como adoita facer na súa obra, Campo recorre á hibridación entre xéneros e emprega elementos líricos dentro desta dramaturxia, que arrinca literalmente co canto dos paxaros, a través da métrica popular, con heptasílabos e octosílabos que riman nos pares: “Nacemos para voar / libres pola Fraga un día / co Cuco e co Paspallás / co Peto e coa Cotovía”. Tamén empregará un escribano como voz narradora, autodiexética, con todo, xa que fala empregando a primeira persoa do plural a integrarse como un paxaro máis, malia non estar xa dentro da gaiola, senón na parte esquerda da escena sentado no seu escritorio. O manexo da luz e a proposta escénica da gaiola son elementos ben sofisticados (a segunda lémbranos á moi recente Hámster, do dramaturgo moañés Santiago Cortegoso, seleccionado para os III Encontros Magalia no 2008, que tamén empregaba unha parella destes animais como epítome da submisión / rebelión). (…)”

“Se cadra somos todas a mesma”, por Lara Rozados

Artigo de Lara Rozados na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Mais nesta Confusión de María Balteira é ela quen ten voz propia, quen conta a súa propia historia. A obra foi unha encarga de Achádego Teatro, grupo amador de Lugo. Moi representada desde a súa estrea no Valadouro e seleccionada para o Festival Agustín Magán, organizado pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado), parte do conto que lle dá título ao volume de relatos Confusión e morte de María Balteira, que xa fora obxecto de lectura dramatizada por Afonso Becerra. Mais neste texto dramático non atopamos unha simple transposición dun xénero ao outro, senón que esa “confesión” do relato segue o seu fío até virar “nobelo ou madeixa de varias cores”, segundo di atinadamente García Negro (p. 30), e adquirir unha nova dimensión poliédrica onde comparece a sociedade patriarcal e católica encarnada no crego bradante que a examina dos sete pecados capitais e dos dez mandamentos, ao que ela retruca con lucidez, no primeiro acto, “Confesión”. Comparecen tamén os seus amantes e detractores, aqueles que a trobaron desde o escarnio, e aos que contesta autodefiníndose. Ela reclama a súa autoría, unha autoría feminina contestataria, deconstruíndo a autoría tradicional masculina, entendida como “autoridade” (Macedo e Amaral, 2005: 7-8). (…)
Nesta marabilla dramatúrxica de Marica Campo achéganos á María Balteira que fala por si mesma. Posterior a esta peza teatral, con todo, cómpre resaltar moito o referencial traballo de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez, Tres mulleres de armas tomar, sobre María Balteira, María Castaña e María Soliña, trens mulleres esquecidas / deostadas pola HIStoria. Campo ponnos diante dun espello escénico que desafía as normas que nomearon e articularon o mundo para o privilexio masculino: o único camiño é a sororidade. Século XIII / século XXI, cantigas de escarnho e maldizer / sentenza, as redes sociais e os medios arredor do caso da Manada… “Se cadra somos todas a mesma”, dille a monxa “sorrindo enigmática” ao peregrino (p. 88), antes de que unha voz en off recite “Eva”, de Rosalía de Castro, traducido por Marica Campo. Un peche redondo para un texto dramático (e un espectáculo) redondos.”

Dez anos de perspectiva por Lara Rozados

Artigo de Lara Rozados na Sega:
“Á segunda novela de Patricia Janeiro esta lectora chegou no 2007, sen saber quen era a autora. Como xurado dun importante premio de narrativa, acometera a última novela que faltaba por ler daquel lote unha noite próxima á data límite de prazo, ás dúas a mañá, despois de vir de cubrir unas eleccións municipais para un medio de comunicación en galego que xa non existe, e contando con adormecer. Pero non foi posible. A perspectiva desde a porta cativou esta lectora coa súa arquitectura narrativa, con aquela sorte de efecto bolboreta literario, que tecía unha rede de personaxes, historias individuais e familiares, un xogo especular onde recoñecer(se) tamén social e colectivamente, onde recoñecer a cidade propia e as dinámicas políticas (e económicas) que rexían a vida. Onde recoñecer os silencios, o que non se di ou o que se di deturpado. “mama, por internet non”, pídelle Nadia á súa nai cando esta fala de política mentres chatean, Venezia-Compostela (p. 25). Aquela novela enganchara a lectora até altas horas da madrugada e subira, na lista mental que preparara como iuri do certame, directa ao primeiro posto. A historia de despois, extraliteraria, pero curiosamente relacionada con aqueles silencios e deturpacións dos que falaba o libro, fora máis ou menos coñecida: o premio fora moi, moi rifado entre esta novela e a que gañara finalmente. O feito de falar explicitamente de presxs independentistas nos primeiros anos 2000, de represión, de cousas que a moita xente nos resultaban familiares e a outra xente lle chegaban deturpadas polas canles de comunicación oficiais (baixo o paraugas ou no caixón de xastre que hoxe en día chaman “apoloxía do terrorismo”) non axudou á fortuna daquela novela, que dera bastantes voltas e publicouse dous anos despois en Edicións Positivas, unha editora “pequena” e se cadra por iso valente.
Hoxe relemos A perspectiva desde a porta con nova perspectiva, valla a redundancia. Nova, mais non diferente, se acaso reafirmada. “Non pasarán e sempre pasaban, / pasaran tantas veces / que xa ninguén dicía / non pasarán (…) E pasan”, di o poema de Sucede, primeiro libro de Daniel Salgado, que precede á terceira parte do libro, “A prisión”. Seguen pasando. Nos últimos 70, nos primeiros 2000, cando gardas civís irromperan no lugar de traballo de Patricia Janeiro por entón, no marco da chamada Operación Castiñeira, e nestes violentos anos dez, cando as compostelás somos desaloxadas dos espazos que reconstruímos, o feminismo éo do espazo público, e séguese a aplicar a Lei Antiterrorista sobre xente que non acata a ideoloxía imperante. Por razón políticas e ideolóxicas calquera podemos acabar en illamento en Topas ou Navalcarnero e botar anos á espera de xuízo. Pero nos media seguirase falando de “apoloxía do terrorismo”, como se dixo desta mesma novela. Terror é que sigamos vivindo neste réxime. Como di no paratexto final do Manual básico de hostalería, tamén en Positivas, a propia Patricia Janeiro: “Non falta aquí a cidade que adoro, que non se parece en nada a esa tal Compostela da que fala esta farsa: unha cidade na que sería impensable ter tres alcales nunha lexislatura; na que un medio de comunicación nunca querería ditar a política local e os explotadores non se crerían libertadores”. Esta farsa que “lle saca as cores á realidade”, como se afirma na presentación editorial, é outra mostra do poder a narrativa de Janeiro, que toma o máis esperpéntico da realidade para tecer ficcións contundentes. Mais volvamos á Perspectiva…”