Entrevista de Belén Bouzas a Laura Rey Pasandín en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A historia de Madeira e metal é ben curiosa. Como xorde?
– Laura Rey Pasandín (LRP: A historia de Aixa xorde cando a miña familia, cos meus fillos, iamos mudar de casa. Desa vivencia parte a idea de crear unha narrativa para crianzas que trate os cambios, o abandonar un sitio por outro… a morriña, a melancolía… Porque aos meus fillos, aínda que a mudanza foi pequena, custoulles moito.
Así pois, quería construír unha historia coa que explicarlle ás nenas e aos nenos ese sentimento de nostalxia para que se sintan identificados con el, sexa porque emigraron, porque se separan seus pais e teñen que cambiar de domicilio ou por unha mudanza… É dicir, procurei coller ese sentimento de morriña, de pena, e a través de aí crear algo bonito, positivo… Neste caso foi mediante a música. A música permite exteriorizar o malestar e transformalo dalgunha maneira.
Para a narrativa, fun ás miñas orixes na aldea, mais cun pequeno corte feminista. Quería como protagonista unha nena espelida, esperta, con ganas de conquistar mundo, rebelde, en certo modo… E tamén quería que cando se muda a familia fose porque é mamá quen vai traballar á fábrica. Son pequenos detalles que teñen algo de loita de xénero.
– ND: A protagonista, Aixa, é unha nena de aldea moi esperta.
– LRP: Si, quería romper certos prexuízos ou estereotipos e creo que, ademais, a ilustradora Laura Romero complementou esa visión de Aixa ás mil marabillas. Son debuxos moi fermosos.
É tamén unha forma de mostrar esa capacidade que teñen as cativas e cativos de observar e captar todos os sons da natureza ou da contorna que os rodea… porque é aprendizaxe tamén, é cultura.
A capacidade que teñen as crianzas de observar e absorber todas estas cousas que hai ao noso redor é marabillosa. Iso si teño que agradecerllo á miña filla e ao meu fillo, que me fan estar pendentes deses pequenos detalles que, polas présas, tiña esquecido, mais que volvín recuperar grazas a eles.
– ND: A música, for tradicional ou non, xoga un papel importante na narrativa.
– LRP: Son fundamentais ambos os aspectos. Debemos recuperar a nosa propia música e cultura galegas mais tamén enriquecernos de músicas que veñen doutras culturas e doutras zonas do mundo. Músicas novas, transformadoras, que enriquecen a nosa sociedade. Aínda que non vaia directamente sinalado, si que se pode extrapolar non só ao noso, senón a todas as culturas que veñan, e tamén eses sentimentos que traian doutros lugares.
No libro inclúense tres cantigas populares, como un viño, unha chiscadela para traer a importancia da memoria dos nosos cancioneiros. Creo que na literatura infantil, ademais, non está moi recollida a música tradicional e gustábame ter ese detalle.
– ND: Na súa novela As mans da terra (2016) tamén aparecen estas liñas temáticas: mundo rural, memoria, coidados…
– LRP: Creo que eses temas son a miña liña horizontal, o que me guía. Ademais, traballo en coidados e son coidadora. Entendo os coidados como centro da vida.
N’As mans da terra quería pór de manifesto o pouco recoñecemento que tiveron determinadas mulleres. Elas, pola historia que lles tocou vivir, non contaron coa posibilidade de formación, dun traballo pagado, mais sostiveron a nosa sociedade… Non obstante, foron silenciadas e era unha sensación que me parecía moi inxusta.
As mesmas mulleres que loitaron moitísimo, que non deixaron de traballar por un mundo máis xusto, eran ignoradas. Esa inxustiza levoume a repescar esas mulleres que tecían rede, que fixeron que as novas xeracións puideran ter máis dereitos, aínda sendo consideradas unhas analfabetas por moitos.
Quixen darlle voz. Desde que temos que coidar a terra até que nós precisamos ser coidados… Os coidados deberían estar no centro de toda política.”
Arquivos da etiqueta: Laura Rey Pasandín
A Coruña: recital poético Solsticio de Verán
O III Concurso de microrrelatos premia nove pequenas grandes historias entre as máis de 750 presentadas
Desde a Real Academia Galega:
“O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e académico de número, Manuel González; a académica de número Ana Romaní; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista Cláudia Morán, membro do comité de redacción de Luzes, conformaron o xurado que resolveu a terceira convocatoria dunha iniciativa que cada ano gaña popularidade entre os amantes da escrita de todas as idades.
A ourensá Cristina María Fernández Mangana, de 27 anos, fíxose co primeiro premio na modalidade de adultos entre os máis de 400 textos presentados por persoas maiores de 18 anos. Acadouno con “A tía Ramona”, unha emotiva historia sobre o paso do tempo e a ausencia en 192 palabras. A coruñesa Laura Rey Pasandín, de 40 anos, mereceu o segundo galardón na mesma categoría por “Litofanía”, un conto de 78 palabras inspirado nunha persoa especial para ela que coleccionaba porcelana; e o terceiro é para Ana María Gil Rey, veciña de Caión (A Laracha) de 22 anos e autora de “Sombras”, 36 palabras cheas de intensidade narrativa.
Nee Barros, estudante de 2º de bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, acadou o primeiro premio da categoría xuvenil con “Entre a vida e a morte”, un relato de só 85 palabras cun gran dominio do humor. Este é o seu segundo galardón neste certame da RAG e PuntoGal. Na primeira edición, sen categorías por idades, xa demostrara o seu talento ao facerse cun dos terceiros premios. Andrea Estévez Correa, alumna de 1º de bacharelato do IES Ribeiro do Louro de Porriño, é a gañadora do segundo premio para autores e autoras entre os 12 e os 17 anos con “Sorrisos de guerra”, unha historia de esperanza en medio da dor expresada en 158 palabras; e Ana Martínez García, estudante de 4º da ESO do IES de Cacheiras (Teo), mereceu o terceiro por “Amor por correspondencia”, de só 32 palabras.
A Christian Cabaleiro Otero, estudante de 6º de primaria do CEP Santa Mariña de Redondela, bastáronlle 80 palabras para transmitir o pracer da escrita en “Un mundo máxico”, o relato gañador do primeiro premio na categoría infantil. Héctor Otero Pérez, alumno do mesmo curso no CEIP Rosalía de Castro de Vigo, foi recoñecido co segundo galardón nesta modalidade con “A roupa da Terra”, un conto de 164 palabras no que a fantasía habita o Universo; e Triana Liste Conde, alumna de 5º de primaria do CPI de Bembibre (Val do Dubra), gañou o terceiro con “O neno princesa”, un relato de 200 palabras sobre o respecto á diversidade.
As persoas premiadas recibirán diferentes premios tecnolóxicos, libros e, no caso dos primeiros e segundos premios das categorías de adultos e xuvenil, un dominio .gal gratuíto durante un ano. A Real Academia e PuntoGal publicarán proximamente os textos seleccionados nas súas páxinas web. Luzes tamén os reproducirá e agasallará as persoas gañadoras na modalidade de adultos cun lote de publicacións da revista.”
Celas, Culleredo: presentación de Be Water, de Antía Yáñez
A Coruña: Emma Pedreira presenta As fauces feroces
Melide: Poesía no Camiño
A Coruña: presentación de Revolución detrito, de Xosé de Cea
A Coruña: concerto e Festa das letras, con César Morán
A Coruña: I Festa da Poesía Atlántica Amergin
A Coruña: Xuntas pelas artes. Encontro artístico Portugal-Galicia
– 17:00 h. Inauguración do acto. Espazo para a pintura / escultura.
– 18:00 h. Espazo infantil, música, obradoiros…
– De 19:00 a 21:00 horas, aproximadamente, espazo para a poesía e a música.
Con Adias Machado, Silvia Mota Lopes, Álvaro de Oliveira, Lídia Borges, José Moreira da Siva, Jorge Braga, Pinto de Matos, Maribel Valdivieso, Pilar Pallarés, Belén Pedreira, Bea a de Estrella, Roberto Castro, Dores Polo -TallerdePolo-, Xosé de Cea, Toño Núñez, Viki Rivadulla, Marité Prieto, Marta Pedrosa, Irene Fernández, Yeiko Solo, Primates Metálicos, Natalia Navaza, Marcos Mella, Antom Laia, Sonia Andrade, Laura Rey Pasandín e Teresa Ramiro.