Berta Dávila e Ledicia Costas, Premios Xerais 2021

“No Museo Meirande, Rande-Redondela, o sábado 11 de decembro de 2021, anunciouse o ditame da XXXVIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a XIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXVIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, os tres premios dotados con 10.000 euros cada un.

O neno de lume de Ledicia Costas
Premio Merlín de Literatura Infantil 2021
O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 26 obras e formado por Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Fóra a alma”, “O neno de lume” e “Protectora de espíritos”.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «O neno de lume», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Ledicia Costas e corresponde ao título O neno de lume.
O neno de lume en palabras do xurado:
O neno de lume conta a fascinante historia de Morgan, un neno peculiar que, cando era un bebé, apareceu dentro dunha cesta diante da casa da señora Culpepper xunto cunha enigmática nota que dicía: «Lévenme máis alá da néboa. Busquen a casa das tres irmás e díganlles que son O Neno de Lume». Sobre o seu ombro dereito sempre leva a Luminaria, unha pequena chama que só el pode ver e con quen pode falar.
Un día, a cidade aparece cuberta por unha mesta néboa con sabor a sopa que non levanta co paso dos días. Sen rastro do sol, Morgan sente como Luminaria se vai apagando. A señora Culpepper lembra a nota que traía Morgan na cesta, e o neno prepárase para iniciar unha viaxe máis alá da néboa. Cren que Luminaria só poderá sobrevivir se atopan a casa das tres irmás. O que non imaxinan é quen son en realidade esas mulleres.
O neno de lume sorprendeu ao xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil pola súa eficacia narrativa (que lembra á dos contos clásicos), pola orixinalidade dos personaxes e pola plasticidade dos escenarios. Salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia, a obra mestura a realidade e a fantasía desbordante para falar, sen caer no didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade. (…)
Ledicia Costas ao coñecer o ditame do xurado dixo:
Recibir o Premio Merlín faime viaxar sete anos atrás, cando Escarlatina, a cociñeira defunta, foi recoñecida con este mesmo galardón e a miña vida mudou dun día para outro. Coido que por iso este premio é tan especial para min. Por todo o que me trouxo.
«O neno de lume» é unha novela ao xeito dos contos clásicos. Unha historia de néboa, sopa e nenas e nenos singulares. Creo que isto é o que máis me emociona: que o xuri premie unha historia coma esta.

Un elefante na sala de estar de Berta Dávila
Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2021
O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 14 obras e formado por Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Cráter”, “Elefante”, “Irracionais” e “Meirás”.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Elefante», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Berta Dávila e corresponde ao título Un elefante na sala de estar.
Un elefante na sala de estar en palabras do xurado:
Un grupo de persoas que se vén afectadas por un suicidio intenta buscar o motivo ao tempo que se culpan e procuran o xeito de aceptalo.
O xurado destacou a sensibilidade coa que se trata o tema a través dun estilo limpo e coidado e dunha lectura amable que engancha dende o primeiro momento.
A orixinalidade da novela radica na reconstrución da historia da protagonista a partir de diferentes puntos de vista. A autora recrea diferentes voces (entre elas, familiares, amizades, doutoras…) perfectamente conseguidas que lle dan á novela un ton polifónico.
Sen selo, a autora constrúe unha novela coral de lectura doada, cargada de sentimentos, contradicións e cun xiro final sorprendente.

Os seres queridos de Berta Dávila
Premio Xerais de Novela 2021
O xurado da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 44 obras e formado por María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “O negociador”, “Seres queridos” e “Tritón”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Seres queridos», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Berta Dávila e corresponde ao título Os seres queridos.
Os seres queridos en palabras do xurado:
«Unha nai recente é unha muller de loito por esoutra muller que deixa atrás». Desta rotunda afirmación dedúcese, sen dúbida, que a cerna da obra gañadora desta edición do Premio Xerais de Novela está conformada pola reflexión sobre a alienación, a fenda abisal que a sociedade crea negando a muller como persoa dende o momento en que se converte en nai.
A protagonista de Os seres queridos queda embarazada cinco anos despois de ter o seu primeiro fillo e toma a decisión de abortar. Neses momentos lembra o nacemento do neno como unha experiencia dolorosa debido á falta de adecuación da súa vivencia co relato dominante idealizado da maternidade. A crianza deriva en sensacións de culpa e arrepentimento, así como en dúbidas sobre os propios sentimentos cara ao fillo causadas fundamentalmente polo temor de ter que se defender do que os demais pensen sobre as súas decisións.
Estes recordos, xunto con abundantes reflexións sobre o proceso creativo literario como unha forma capaz de canalizar os seus pensamentos, entrelázanse cunha narración meticulosa dos acontecementos vitais que lle van ocorrendo e que van conformando a historia.
Cunha clara vocación de estilo e cunha prosa precisa, atraente e emotiva, a narradora protagonista configura un magnífico discurso autoficcional sobre os afectos e os vínculos entre persoas, sexan familiares ou non, e afonda no significado do amor maternal e nas arestas controvertidas da maternidade. (…)
Berta Dávila ao coñecer o veredicto dos xurados, dixo:
“Síntome agradecida e afortunada por recibir estes dous premios, porque significan moito para min e porque son o abrigo perfecto para dous libros singulares cos que convivín durante moito tempo de traballo intenso. Só podo darlle as grazas ao xurado do premio Xerais por escoller como obra gañadora Os seres queridos, un libro duro pero penso que tamén luminoso. E tamén ao xurado do Jules Verne: é realmente emocionante que a miña primeira novela para xente moza reciba este recoñecemento.”

Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022.

Vigo, 11 de decembro de 2021″

Pontevedra: Culturgal 2021, do 26 ao 28 de novembro

A Coruña: Encontros no ensino 2021

Os Encontros no ensino 2021 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Con esta iniciativa, preténdese achegar aos centros de ensino aquelas autoras e autores con obras que están a ser lidas nas aulas.
Está dirixida a alumnado deses centros, na cidade da Coruña.

15 de novembro
Encontro con Antón Riveiro Coello arredor de O paraíso dos inocentes.
IES Urbano Lugrís.

3 de decembro
Encontro con Iria Misa arredor de Xa non estou aquí.
IES Agra do Orzán.

14 de decembro
Encontro con Eva Mejuto arredor de Memoria do silencio.
IES Ramón Menéndez Pidal, Zalaeta.

14 de decembro
Encontro con Ledicia Costas arredor de Un animal chamado néboa.
IES Durmideiras.

Ledicia Costas, escritora: “A morte galega gaña terreo polo mundo!”

Entrevista de Belén Bouzas a Ledicia Costas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Lectoras e lectores infantís que agora tamén poderán gozar dos minimortos en México, coa edición que acaba de tirar do prelo alí.
– Ledicia Costas (LC): Iso foi moi forte, a verdade. Cando me anunciaron desde Penguin Random House México que arrancaban xusto nos días previos á conmemoración desta data foi emocionante. Toda esta semana estiven en contacto coa prensa mexicana e foi moi estimulante porque, claro, alí celebran o Día dos Mortos dunha maneira moi especial… Non puideron escoller mellores datas.
Esta saída coincidiu ademais coa tradución de Kalandraka ao portugués de Escarlatina e Esmeraldina, que tamén saíu nestes días. Así que nada, aí estamos, a morte galega gañando terreo polo mundo! [risos].
– ND: O seu é fascinación polo alén.
– LC: Sempre me gustou o gótico, a literatura de pantasmas, de ultratumba, de vampiros… desde pequena. Bebín dese tipo de literatura. Os libros que me gustaban de adolescente eran dese pau, desde Un ollo de vidro
Cada 31 de outubro miña irmá mais eu realizamos unha sesión de gastronomía e literatura. Facemos fotos macabras, tortas con temática destas datas… E onte [domingo] quixemos pór todos os libros que teño arredor da morte e non entraban na foto! É algo que me fixo moita graza, tomar conciencia de todos os libros que escribín arredor de ultratumba. É moi nutritivo ese mundo e, sobre todo, engancha o público infantil e xuvenil. Algo moi reconfortante. Creo que é porque se trata de escribir sobre o que está prohibido, sobre o tabú. Por iso pode resultar tan atraente, tan fascinante. Parece unha ironía pero a morte é unha parte moi importante da vida e se ninguén nos prepara para iso, cando sucede é absolutamente traumático. Xa o é, de natural… imaxina se non sabemos en que consiste.
– ND: E que nos pode adiantar sobre Golpes de luz (Xerais, 2021)?
– LC: Está a piques de saír, faltan 15 días e estou desexando que chegue ese momento. É outra novela para persoas adultas, logo da publicación de Infamia (Xerais, 2019).
É unha obra escrita a tres voces. Unha é a de Luz, que é unha muller de 80 anos; outra é a voz de Xulia, unha muller de 40; e a terceira é a de Sebas, que é un neno de 10 anos. Son tres xeracións. Avoa, nai e neto narran os mesmos feitos pero desde o seu particular punto de vista.
Crieime na zona de Lavadores (Vigo) xusto cando naceu o movemento veciñal “Madres contra la droga”, arredor de todo o tráfico de heroína nos anos 90. Vivía precisamente no barrio onde residiu moitos anos Carmen Avendaño. Nesa zona pasaron cousas bastante intensas arredor do tráfico de heroína e algunhas delas están neste libro. Iso marcou a miña infancia e creo que por iso escribín esta obra.
É unha novela que tamén aborda a temática dos coidados, a perda da memoria… Mais, e aínda que pareza mentira por todo o que acabo de comentar, é unha novela onde hai moitísimo humor. O humor ten unha presenza moi importante e os personaxes son moi esaxerados, rozan case o melodrama.”

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 1 de agosto

O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. María Canosa asina As pombas de Bastián e Unha fábrica de bicos, publicados por Xerais, e  H2… Oh!!!, ilustrado por Luz Beloso, publicado por Galaxia, xunto ao resto da súa obra.
18:30 h. Yolanda Castaño asina Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
18:30 h. Presentación de Tempos de pandemia, de Xavier Seoane e Xulio García Rivas, publicado por Espiral Maior. Participan, xunto aos autores, Eva Veiga e Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:30 h. Presentación cruzada de A señorita Bubble e Os minimortos, de Ledicia Costas, e Vaia cabuxiño!, de El Hematocrítico, publicados por Xerais.
19:30 h. Xavier Seoane asina Tempos de pandemia, publicado por Espiral Maior, Cancións para Ana Lúa e Dicionario irreal para un país imposible, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
19:30 h. David Pintor asina A Coruña, publicado por Kalandraka.
20:30 h. Ledicia Costas e El Hematocrítico asinan as súas obras.
20:30 h. Presentación e sinatura de Destempo, de Silvia Bardelás, publicado por Barbantesa, con Ana Romaní.