Entrevista a Luís G. Soto no Diario Cultural

DesdeLuís G. Soto o Diario Cultural da Radio Galega:
Luís G. Soto publica o ensaio Barthes filósofo (Galaxia) e a tradución de O Mar do Norte de Heinrich Heine (Espiral Maior). A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Luís García Soto: ´A filosofía axúdache a entender o mundo pero a Lomce maltrátaa´

EntrevistaLuís G. Soto de P. Pérez a Luís García Soto en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Por que escolleu a figura de Roland Barthes para este ensaio?
– Luís G. Soto (LGS): Eu fai anos fixen a miña tese en Doutoramento en Filosofía sobre este autor. Sempre publiquei cousas para especialistas e con isto quixen facer algo diferente. Pregunteime: ¿como lle presentaría a Barthes ás novas xeracións? Quixen mostrar en conxunto a obra de Barthes e a súa filosofía e explicalo da forma máis sinxela que puiden, coma se llelo explicase aos meus alumnos. Ademais en España hai moi pouco publicado sobre este autor.
– FdV: E como explicaría entón a importancia e trascendencia deste escritor e filósofo?
– LGS: A súa celebridade é porque con Umberto Eco é un dos fundadores da semiótica moderna. A semiótica é o estudio dos signos, de todo este mundo dos medios da comunicación, das imaxes… Barthes estudiou a literatura como un campo e, por outro, o mundo da imaxe. Ten por exemplo, un texto moi denso e moi duro, sobre a imaxe da moda. (…)
– FdV: Barthes era filósofo tamén… Pero, ¿está a filosofía agora en ameaza de extinción?
– LGS: Interese non está perdendo. Aínda que nos dous últimos anos o número de alumnos da Facultade de Filosofía baixou un pouquiño, de media nos últimos cinco e seis anos está por riba dos 50 alumnos, unha cifra máis que respetable porque tampouco sería óptimo que chegara aos 100 alumnos.
– FdV: Está ben tratada a Filosofía no ensino?
– LGS: A Lomce maltrata a asignatura de Filosofía porque pasa de ter presenza en Primeiro e en Segundo con duas materias obrigatorias, que ademais é opcional en Selectividade con Historia. Pero a nova lei mantén a obrigatoriedade en Primeiro pero a de Segundo empeza a ser optativa. Hai unha minoración. E a filosofía axúdache a entender como é o mundo. É moi formativa e necesaria nos sistemas educativos. En países emerxentes como Brasil ou a India danlle moita importancia á Filosofía nos seus sistemas educativos.”

Luís García Soto gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

DesdeLuís G. Soto Galaxia:
“Vigo, luns 19 de xaneiro de 2015, 13.30 h.
A obra Barthes filósofo, da que é autor Luís García Soto, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2014, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 19 de xaneiro de 2015, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.
O premio desta décimocuarta edición está dotado con 3.000 euros e o ensaio ha ser publicado pola Editorial Galaxia durante este ano.
O xurado valorou especialmente que este ensaio faga unha interpretación, desde Galicia, da obra de Roland Barthes, importante autor cuxo legado está presente na cultura do século XXI. O autor interpreta a produción multidisciplinar de Roland Barthes como a dun auténtico filósofo. Argumentando a través da análise de cada unha das obras de Barthes, o ensaio debulla esta tese, en clave semiolóxica, na procura dun diálogo con quen le.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Cachero, Antón Figueroa, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema, como secretario con voz e voto. (…)”

Isaac Lourido e Cris Pavón, gañadores do premio Carvalho Calero

DesdeCris Pavón Magazine Cultural Galego:
“O crítico literario Isaac Lourido gañou o premio de Investigación Carvalho Calero co ensaio Historia literaria e conflito cultural. Bases para unha historia sistémica da literatura na Galiza. A escritora María Cristina Pavón -Cris Pavón- obtivo, así mesmo, o Carvalho Calero de Creación Literaria con A busca da orixe perdida das especies.
Os premios Carvalho Calero, organizados pola Sociedade Cultural Medúlio e o concello de Ferrol, aumentarán o ano próximo un 25 por cento a súa dotación, de xeito que en cada modalidade repartiranse 5.000 euros fronte aos 3.700 euros deste ano.
O xurado estivo composto, desta volta, por Mercedes Queixas, Miguel Mato Fondo, Xesús Constela Doce e Luís García Soto, que subliñaron especialmente a calidade da obra de Lourido, que definiron como “intelixente e imaxinativa, orixinal e moi ben resolta”. Sobre A busca da orixe perdida das especies salientaron a actualidade da temática e a amplitude da documentación na que se apoia.”

A Coruña: presentación da edición bilingüe de Habitación del asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello

O mércores 19 de febreiro, ás 20:30 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase a edición bilingüe do poemario Habitación del asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello, publicado por Pigmalión. No acto, xunto ao autor, participan Xulio L. Valcárcel, Luís G. Soto, Gustavo Pernas e Basilio Rodríguez Cañada.

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o día 2

O venres 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

Venres 2
13:00 h. Presentación do libro Depor Vida, dos xornalistas Rosabel Candal e Xerardo Porto, editado por Son Radiofusión e a Asociación de Amizade coa Radio Local. Participarán no acto os autores e Henrique Sanfiz, de Radiofusión.
18:00 h. Tucho Calvo asina libros na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
18:30 h. Francisco X. Fernández Naval asina na caseta de Librería Arenas.
19:00 h. Presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Luís Ferreiro, Mercedes Queixas, Luís Ferreiro e Manuel Bragado.
20:00 h. Presentación do libro Bagoa de Lúa, de Sabela González, publicado por Galaxia. No acto participa, xunto á autora, Francisco Castro.
20:00 h. Luís García Soto asina na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
20:00 h. Firma de Antón Riveiro Coello na caseta de Libraría Pedreira.
21:00 h. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Xerais, e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado por Galaxia. O moderador será Xerardo Agrafoxo.