Lugo: presentación do libro colectivo Alén do silencio

O venres 7 de marzo, ás 19:00 horas, no IES Lucus Augusti (Avenida Rodríguez Mourelo, s/n) de Lugo, preséntase o libro colectivo Alén do silencio. No acto participan, entre outras/os, Natalia Alonso, Inma Alonso Rodríguez, Beti Arias, Xesús Bermúdez, Ana Croas, Luz Darriba, José Estévez, María José Fernández López, Montse González, Xosé Iglesias, Catarina Laxe, Iria López, Beatriz López Dorado, Aarón López Pereiro, Manuel Celso Matalobos, Ani Modia, Toño Núñez, Sara Otero, Carmen Pardo, Luísa Paz, Mónica Pérez Llenderrozos, Evinha de la Torre e Eva Xanín.

Luz Darriba gaña o XIV Certame de Narración Curta Ánxel Fole

“O xurado do XIV certame de Narración Curta Ánxel Fole que organiza a Concellería de Cultura de Lugo reuniuse esta tarde e outorgou tres primeiros premios: Luz Darriba (residente en Bruxelas), polo relato Monstros; Mercedes Leobalde (de Carral), pola obra Fáltasme; e Ana María Galego (de Ferrol), por Neiges d’antan.
O tenente-alcalde, o nacionalista Antón Bao, anunciou que os relatos gañadores serán publicados, ou ben nunha edición con relatos doutros certame ou só os deste ano. Todo, dixo, dependerá dos orzamentos. O xurado estivo integrado polos escritores lucenses Marica Campo, Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba.
Os membros do xurado destacaron a calidade dos relatos e o notable éxito de participación, pois concorreron un total de 59 traballos. Os premios outorgados son de 1.500, 1.000 e 500 euros, respectivamente a cada autor.” Vía La Voz de Galicia.