Manuel Ferreiro: “Pondal estivo preocupado por que a súa memoria ficase viva”

Entrevista a Manuel Ferreiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Pondal tiña medo de ser esquecido? Á luz dalgún verso…
– Manuel Ferreiro (MF): Pondal estivo preocupado toda a súa vida por que a súa memoria ficase viva, que a obra que el concibiu ao servizo do pobo galego fose lida e tida en conta no seu tempo, pero tamén nos tempos de hoxe. Nese poema que dita na pensión La Luguesa dous ou tres meses antes de morrer, explica ben o que é a súa obra.
– LVG: Cumpriuse a súa vontade?
– MF: [Suspira] Non vivimos bos tempos. Continúa a ser moi necesario que os galegos e galegas volvamos ler o que os nosos antepasados escribiron, e nomeadamente aqueles que entregaron a súa vida a que a nosa patria non desaparecese. Probablemente se reflexionaría, e moitas actitudes poderían variar: poderiamos construír ou reconstruír unha patria que está en perigo.
– LVG: Que é Pondal na súa vida?
– MF: Comecei a traballar con Pondal un pouco de casualidade, como un traballo académico, investigador, facendo o doutoramento. Eu nin sequera son bergantiñán, son chairego, e moi rexionalista. Sinto que a miña patria de orixe é esa, pero recoñezo que teño unha fraqueza especial por Bergantiños, e foi a partir de Pondal. Para el Bergantiños era Galicia. Cando dedicas moitas horas, días, semanas, meses e anos a traballar sobre un autor acaba habendo unha especie de identificación. Pondal é un home complexo e non todo me gusta na mesma medida, claro. Mais síntome satisfactoriamente acompañado por el. (…)

Vigo: simposio internacional E irei madr a Vigo, os 23 e 24 de novembro

Carlos Callón atopa máis evidencias da diversidade sexual no trobadorismo galego

Desde Sermos Galiza:
“(…) “A diversidade afectiva e sexual non é cousa do século XXI. E unha das liñas da afectividade humana, que é a homosexualidade, tamén está presente no noso trobadorismo”, afirma Carlos Callón, que presentou a súa tese de doutoramento o pasado 21 de xullo na Universidade da Coruña, co título de “As relacións sexoafectivas intermasculinas e interfemininas no trobadorismo galego”, e dirixida por Pilar García Negro e Manuel Ferreiro.
Logo das súas achegas publicadas no libro Amigos e sodomitas (Sotelo Blanco, 2011), Callón vai máis alá e amplía e mesmo corrixe algúns datos. “O que corrixín é relativo ao lesbianismo. Hai moito máis do que nese libro chegara a analizar. Por exemplo, non me decatara dunha cantiga de amiga”, explica.
Estes achados non só teñen trascendencia para o trobadorismo galego, senón tamén para o europeo, e tamén “desde unha perspectiva literaria, desde unha perspectiva da historia da sexualidade, e desde unha perspectiva antropolóxica”, segundo a súa opinión. “Non só é unha achega importante a nivel do trobadorismo senón para coñecermos mellor a historia da propia humanidade”, defende. “Por exemplo, na Península Ibérica -até onde eu coñezo, porque igual que eu encontrei isto, poden aparecer no futuro outras cousas- que se fale da prostitución homosexual na Península Ibérica é información que só nos achega o trobadorismo galego. A opción do lesbianismo, cando hai poucos anos saía unha antoloxía nos Estados Unidos sobre textos lésbicos na historia da literatura, e non aparecía nada na Idade Media, e na actualidade non só sabemos que hai textos, senón que a metade dos que coñecemos están en galego”.
O investigador combate a idea de que a Baixa Idade Media era unha sociedade moito máis pechada do que hoxe cremos: “Á xente o que se lle vén á cabeza cando pensa nisto é un par de persoas con leña seca debaixo dos pés á que lle van prender lume, pero vemos que a realidade é moito máis diversa e que a historia sempre a contan os vencedores”. E vai máis alá: “Sabemos que houbo unha deliberada adulteración das fontes históricas, que fai que haxa elementos dos que temos pouca información, pero o trobadorismo galego é moi especial, porque non nos ofrece un testemuño relixioso da realidade, senón dunha perspectiva laica, e iso ofrece unha visión moito máis poliédrica da diversidade afectivo-sexual”.”

Entrevista a Manuel Ferreiro no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Esta é a terra dos eidos amigos. Manuel Ferreiro fala da Escolma xeográfica da poesía pondaliana, publicada pola Deputación da Coruña. Pode accederse á entrevista aquí.”

Entrevista a Manuel Ferreiro, especialista na obra de Eduardo Pondal

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““As dificultades da reapropiación da obra de Pondal veñen por unha banda de que a súa poesía non é fácil e por outra da súa actitude misóxina que complica a súa recepción. Tamén é verdade que eses poemas misóxinos son unha parte minúscula da súa obra e ten outros onde a súa actitude é radicalmente a contraria”. Pode accederse á entrevista aquí.”

“Galiza Cultura pon en valor a actualidade de Pondal cun “acto de vida””

Desde Sermos Galiza:
“Pasadas as 17:00 h. do 7 de marzo decenas de persoas entraban no cemiterio coruñés de Santo Amaro, ao son do Himno do Antigo Reino da Galiza, para conmemoraren a vixencia do legado de Eduardo Pondal no centenario do seu falecemento. Cunha ofrenda floral, a federación Galiza Cultura de asociacións culturais lembraba que o bardo morría o 8 de marzo de 1917 na cidade da Coruña.
En declaracións a Sermos Galiza, a presidenta da federación, María Pilar García Negro, puxo de manifesto que “a celebración de efemérides nacionais como este caso non son actos funerarios, senón actos de vida vinculados a algo fundamental da nosa condición de humanos, que é a memoria, e non só en termos de homenaxes de vida a todas e todos aqueles que nos precederon na configuración e na representación da nosa nación, da Galiza, senón tamén no que hai de exemplo para o presente e para o futuro”.
En relación a Pondal, García Negro explicou que “as súas palabras non son defuntas, arqueoloxía, senón que manteñen unha vixencia esencial; como se dicía hai cen anos, a redención do pobo galego, e co vocabulario de hoxe, porque necesitamos que a Galiza se oia a si mesma e coñeza a súa historia e a súa cultura, e dispoña hoxe en día de todo o bo, rico e variado que se fai en todas as artes”. Engadiu que os medios, nos distintos soportes, “deben ofrecer unha imaxe do realmente existente na Galiza e non do prefabricado coa intención de que sigamos a ser elementos servos doutra condición, doutra política e doutra ideoloxía española, occidental ou global”. (…)
[Manuel Ferreiro] Puxo de manifesto que as Irmandades “recoñeceron a obra de Pondal e a súa entrega á misión de redención do pobo, coas súas luces e con algunhas sombras, coas súas contradicións e coas lecturas máis ou menos difíciles nas que actualmente nos temos que recoñecer”. “Espero que noutros cen anos outras Irmandades veñan entregar aquí unas flores perante a tumba de Eduardo Pondal e de todos os que viñeron detrás del”, agregou. (…)”