Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Os dereitos e as liberdades están para exercelos, se non non existen”. A entrevista ao autor pode escoitarse aquí.”
Arquivos da etiqueta: Manuel Rivas
Compostela: presentación de Contra todo isto, de Manuel Rivas
Manuel Rivas: “A alternativa a todo isto ten que ser unha rebeldía eficaz”
Entrevista a Manuel Rivas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): No libro maniféstaste Contra Todo Isto, pero se tiveses que identificar Todo Isto cunha cousa, cun conceito, cunha idea, con que o identificarías?
– Manuel Rivas (MR): O libro arrinca cunha palabra que actúa como unha especie de dínamo que mobiliza o resto das palabras. A Vergoña. A palabra Vergoña.
– SG: Unha palabra fetiche?
– MR: É unha boa palabra. Porque cando sentes vergoña de algo é que tomas conciencia dese estado de inxustiza. Mentres non tes esa sensación de vergoña… Eu tamén procurei non utilizar demasiado a terminoloxía discursiva… Non é un libro que nacera dunha elaboración teórica. Máis ben nace desde a propia linguaxe. As palabras notas que están inquietas, queren dicir. Porque non sempre as palabras queren dicir. Vivimos nun tempo de moita desconfianza na linguaxe. Normal, porque está sendo manipulada constantemente. Hai unha corrosión das palabras. Aquilo que dicía Samuel Becket: “Hai que sacar as palabras co tirarrollas”. E dicíao nunha época -lembremos que escrebe Esperando a Godot despois da segunda guerra mundial- en que a linguaxe estaba moi queimada. É cando fai esa análise extraordinaria Victor Kemplerer, o filólogo xudeu que consegue sobreviver e que nos entrega A linguaxe no III Reich. Nese libro relátanos como as palabras pavimentaron o camiño cara ao horror, cara a Auswichtz. Hoxe en día tamén a manipulación das palabras está a pavimentar o camiño cara ao post-fascismo, un réxime autoritario ao que non lle vemos ben a cara. (…)
– SG: Sobre as redes sociais, reflictes tamén sobre un aspecto do que penso que non somos excesivamente conscientes: o feito de que hai empresas multinacionais que se lucran a costa da mercantilización das nosas vidas privadas, que poñemos on line en troca de nada. Falas de “grandes maquinarias comerciais, para os que somos non só clientes, senón valiosa materia prima que vender”.
– MR: É un control social como nunca se coñeceu. Un control evidentemente que ten uns fins comerciais. Vemos como en pouquísimo tempo as empresas de big data, as axencias de dados, viraron nas compañías máis poderosas. É un proceso exponencial, aceleradísimo. Un deses gurús dicía que dentro de 10 anos xa estaremos todos na nube, non? [risos] E sabía ben de que falaba. Agora xa está todo na nube. E todo isto, que vai en paralelo ao proceso de robotización, o que conleva é unha doma do ser humano, unha escravización, o control das mentes e tamén un abaratamento da condición humana. Como está todo absolutamente desregulado, hai unha especie de impunidade trans-fronteriza con todo isto. Unha das cousas que xa se albiscou coa última campaña americana -velaí o asunto de Cambridge Analytics (por certo, un dos donos é este Steve Bannon, o ideólogo de Trump do que falamos antes)- é que xa non só estamos a falar do que saben de nós, senón do que imos facer nós. Teñen dados sobre o que somos e sobre o que supostamente seremos. Fano através do que chaman Intelixencia Artificial e que nós ben poderíamos chamar Estupidez Artificial. En fin, chega un momento en que deberíamos -xa se está niso, xa hai movimentos- poñer un pouco de distancia. Houbo unha especie de inxenuidade en toda esta cuestión. Todo este entusiasmo coa nova cacharraría. Este entusiasmo de facer cola para comprar o último modelo Iphone. Apuntarse a todas as redes. Estar aquí, estar alá. Eu propio teño unha cota. Non é que teña moito, mais teño unha conta de twitter, que fixemos polo de Luzes. Mais todos os días estou pensando que facer con todo isto. Debería haber unha revolución fronte á estupidez artificial.
– SG: Imos concluíndo. Falas da Man Invisíbel do Mercado e contrapola á Man Común. Mais logo falas da fragmentación desa Man Común. Falas dun personaxe dun conto de Onetti que era un militante dun dos 17 grupos trotskistas de Santa Fe [risos]. Hai algo que facer fronte a esta fragmentación ou nos resignamos?
– MR: Home, eu creo que non hai que se resignar. O tesouro que temos é obrigado. Nese “acordo secreto de xeracións” sabíano moi ben, non? E os momentos en que se resgatou a esperanza, que os hai, que vemos como faíscas, como vagalumes na historia, son eses momentos en que dentro da diversidade, e do libre pensar, dáse unha liberdade solidaria. Houbo un problema histórico, un erro, que foi o de considerar que o interese común, o colectivo, o interpretaban sempre os líderes. E aí determinados asuntos -de xénero, de liberdade individual, de dereitos sociais- ficarían aprazados para o momento de ter o poder e xa… (…)”
Tabela dos libros. Xuño de 2018
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros de xuño. A seguir ofrécese a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Entrevista a Manuel Rivas sobre Contra todo isto
Vigo: presentación de Contra todo isto. Un manifesto rebelde, de Manuel Rivas
Ferrol: presentación de Contra todo isto. Un manifesto rebelde, de Manuel Rivas
A Coruña: presentación de Contra todo isto. Un manifesto rebelde, de Manuel Rivas
Pontevedra: Festival Internacional de Poesía PontePoética
Culturgal, Pontevedra: actividades literarias destacadas do sábado 2
Do 1 ao 3 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 1 e sábado 2, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 3, terá lugar o Culturgal 2017. O prezo das entradas é o seguinte: “a entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros, entregarémosche unha pulseira e entrarás e sairás do recinto cando queiras durante ese día. Se queres acceder máis de 1 día, tes unha pulseira de 3 euros coa que poderás entrar e saír durante os 3 días. Nenas e nenos até 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros pola pulseira bono. Menores de 3 anos non pagan entrada.”
As actividades literarias destacadas do programa para o sábado 2 son:
– 11:30 h. Espazo Libro. Presentación do XXXVII Caderno Ramón
Piñeiro. Carlos Casares: Homenaxe. De Amicitia. Secretaría Xeral de Política Lingüística, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Interveñen: Valentín García Gómez, Christian Casares Berg, e Xosé Luís Cochón Touriño e Luís Alonso Girgado, coordinadores do volume.
– 11:30 h. Espazo Carpa. Portugal na Culturgal. O Conto das três nozes que eram romãs, que eram maçãs, que eram…. Camões Vigo. Co grupo de teatro amador en portugués Eu.Experimento.
– 12:00 h. Espazo Arte Contemporánea. Derrubando muros con pintura. Concello de Carballo. Presentación do libro con Xosé
Regueira, concelleiro e Maite Parga, técnica.
– 12:00 h. Sinaturas de Eduardo Santiago e Fernando M. Cimadevila. Stand de Urco.
– 12:30 h. Espazo Libro. Presentación das novas obras ilustradas dos libros de María Victoria Moreno. A brétema e O amor e as palabras. Urco Editora. Con María Montes, ilustradora, David Cortizo e Andrea Jamardo, da editora, e Xavier Senín, asesor editorial.
– 13:00 h. Espazo Libro. Presentación de Uxía-O. Uxía canta a Uxío, un proxecto da Fundación Uxío Novoneyra apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais pola Deputación de Lugo. Interveñen: Valentín García Gómez, Uxío Novo, secretario da Fundación Uxío Novoneyra, Pilar García Porto, deputada de Cultura de Lugo, Uxía, cantora, e Niko Alvarellos, editor.
– 13:00 h. Sinaturas de Eli Ríos, Eva Agra e Carlos Quiroga. No stand de Urco.
– 13:45 h. Espazo Libro. Portugal na Culturgal. Lectura co escritor João Tordo.
– 16:00 h. Sinatura de Mercedes Queixas e Paula Pereira do novo libro Xandra, a landra que quería voar. No stand de Urco.
– 16:30 h. Espazo Libro. Portugal na Culturgal. Conversas Nortear. Secretaría Xeral de Cultura e Direção Regional de Cultura do Norte e AECT. Con
Portugal como protagonista na décima edición de Culturgal, as Conversas Nortear propoñen un diálogo entre as literaturas galega e lusa con dous recoñecidos escritores das dúas beiras do Miño, Miguel Sande e Virgínia do Carmo.
– 16:30 h. Espazo Carpa. María Fumaça. Presentación do Quinto Aniversario. Galaxia. Sonárbore.
– 17:00 h. Espazo Foro. Rosalía Total, produto & cultura. Con Galiestampa e byKoala. Participan: Francisco Barberá, director-xerente de byKoala, Irene Silva, creadora desta liña de souvenirs, e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
– 17:00 h. Espazo Infantil Deleite. Contacontos ilustrado Serie GLIZ. Con Anxo Fariña. Xerais.
– 17:00 h. Sinatura de Cris Pavón: Limiar de conciencia. No stand de Urco.
– 17:30 h. Espazo Foro. Invisibles. De homes e mulleres. De maltratadores e torturadas. Concello de Pontevedra. Con Montse Fajardo, autora, e Carmen Fouces, concelleira de Cultura.
– 17:30 h. Espazo Libro. Um elefante no armário. Presentación con Teresa Moure, autora, e Armando Requeixo, crítico. Através Editora.
– 18:00 h. Espazo Foro. «Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas». Secretaría Xeral de Cultura. Os profesores Pilar Lorenzo e Carlos Villanueva explican a singularidade do Pergamiño Vindel nas súas dimensións literaria e musical.
– 18:00 h. Espazo Libro. Luzes. Presentación número da revista con Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro.
– 18:00 h. Conversa entre Ramón Caride e Jorge Emilio Bóveda. No stand de Urco Editora.
– 18:30 Espazo Libro. Conversa con Ledicia Costas ao redor de A señorita Bubble. Xerais. Coa xornalista Teresa Cuíñas. Ao remate, sinatura da obra no stand de Xerais.
– 19:00 h. Espazo Libro. Poesía galega ao abeiro de Tambo. Kalandraka Editora. Cos poetas Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Lucía Novas, Isaac Xubín e por parte da editora, Paz Castro.
– 19:00 h. Aulas. Portugal na Culturgal. Encontro entre representante de Correntes d’Escritas em conversa com Asociación Escritores e Escritoras en Lingua Galega. Direção Regional de Cultura do Norte.
– 19:00 h. Sinatura de obras de Elena Gallego Abad no stand de Xerais.
– 19:00 h. Sinatura de Manuel Miragaia: Galeguia. Chiado Editora. No stand da Libraría Pedreira.
– 19:30 h. Espazo Libro. Conversa entre María Solar, autora de Os nenos da varíola, e Luísa Martínez e Marta López, do CSIC Galicia. Galaxia.
– 19:45 h. Espazo Infantil Deleite. Gombó. Edicións Fervenza. Dramatización do conto Gombó e o medo á escuridade. Con Ánxela Gracián, autora, Christian Villamide, ilustrador, e Armando Requeixo, escritor e crítico.
– 20:00 h. Espazo Foro. Presentación da Semana do Libro de Compostela (Selic). Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela.
– 20:00 h. Espazo Libro. Conversa con Santiago Lopo, autor de A arte de trobar (Premio Xerais de Novela) e Manuel Lourenzo González, autor de Ceiba de Luz (Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil). Coa xornalista Teresa Cuíñas. Xerais.
– 20:00 h. Sinatura de Adrián Morgade e Pedro Feijo, no stand de Xerais.
– 20:30 h. Espazo Foro. Presentación dos tres primeiros títulos de Aira Editorial. Participan César Lorenzo Gil, Samuel Solleiro, Estíbaliz Espinosa, Jorge Campos e Xosé Miranda.
– 20:30 h. Espazo Libro. Conversa con Pedro Feijoo ao redor de Os fillos do lume. Xerais. Coa xornalista Teresa Cuíñas.