Artigo
de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“Hai só uns días apuntaba nestas páxinas que, particularmente, cheguei a María do Carme Kruckenberg como lector e que só a tratei ocasionalmente. No acto cívico-literario que se lle rendeu este pasado domingo no tanatorio vigués de Pereiró, adquirín consciencia da relevancia que no seu caso cobra atender á súa dimensión máis humana, pois non é difícil comprender como esta se foi filtrando, talvez inevitablemente, na súa obra, á vista dos asuntos polo que foi lembrada: ben difícil resulta entender doutra maneira a fervenza de afectos e emocións que transmitiron as voces e a música daquelas persoas que a trataron, que a acompañaron e que compartiron con ela amizade e complicidades.
Teño para min que hoxe cómpre, con todo, atender a ese legado fundamental que é a obra literaria que nos deixou e que non é menor nin secundario pois, entre outras razóns de relevancia, con el establece un elo inescusable na tradición poética galega contemporánea que vai desde Rosalía, levando como compañeiras de viaxe a Luz Pozo, Pura Vázquez, Helena Villar ou María Xosé Queizán, entre algunhas outras, e que chega ás voces das poetas de arestora. Ao fío disto, intúo que ela sempre foi moi consciente desta realidade, polo que alentou e impulsou a chegada de novas voces de muller á poesía galega, entendendo este xesto como unha responsabilidade e case un acto de fe.
O percorrido poético da autora supón, así pois, un exemplo de continuidade con máis de sesenta anos de presenza practicamente ininterrompida na escena literaria desde que se estrea como poeta no ano 1953 con Las palabras olvidadas, editado en Buenos Aires -esa cidade tan relevante na súa biografía e, dalgún xeito, na súa obra posterior, polas relacións literarias que mantén con exiliados e autores arxentinos- para se incorporar axiña ao discurso literario galego con Cantigas do vento (1956), malia ser posible que o seu paso máis firme fora o que deu con Canaval de ouro, editado por Galaxia en 1962.
Moitos libros publicados, moita poesía escrita e moita outra con seguridade desbotada, mais sempre fiel a unha visión da poesía en primeira instancia de clara filiación popular, onde deu pasos igualmente relevantes nese movemento literario que se denominou neotrobadorismo e que, posteriormente, como Camino Noia apuntou, abrazou o intimismo e, sen dúbida, a reflexión existencial, sen dar as costas a unha visión de corte social sobre o tempo que lle tocou vivir.
No libro que a profesora Mercedes Queixas publicou non hai moito tempo –Vivir, unha aventura irrepetíbel (2011)- a poeta viguesa afirmaba que «non vivimos tempos para nos adurmiñar. Cómpre estarmos ben espertos, atentos á vida, que é o importa. Hai que dicir as cousas e un poeta ten que estar na época exacta na que vive», ao tempo que insistía na importancia que ten a liberdade e o coñecemento preciso para usala. En efecto, relendo parte da súa obra máis recente, agroman aquí e acolá estes dous elementos que se configuran como esenciais para, neste caso, ir pechando unha traxectoria que se configura como constante, prolífica, exemplar, inconformista e intensa. A súa biógrafa comentábame que cumpría falar dela máis que nunca para que a súa obra non esmoreza. Comparto totalmente esa vontade: toda Kruckenberg repousa agora na súa obra. Convido, vivamente, a lela, ou relela, pois será a mellor homenaxe que se lle poida render.”
Arquivos da etiqueta: María do Carme Kruckenberg
O adeus a María do Carme Kruckenberg
Especial María do Carme Kruckenberg: a vida celebrada
Mª do Carme Kruckenberg: “A poesía, para min, non ten sexo”
Desde
BiosBardia:
“Esta entrevista foi realizada por Xan Carballa o 14 de abril de 1991. Sesenta anos despois de proclamada a II República, no enorme piso da rúa Lepanto de Vigo no que daquela moraba María do Carme Kruckenberg. Seguiron case 25 anos nos que publicou e protagonizou moitos momentos dunha traxectoria incesante de presenza social e literaria nunha cidade en perpetua mutación. (…)
– Xan Carballa (XC): O feito de ser muller define unha característica como creadora?
– María do Carme Kruckenberg (MCK): Non fago distincións, aínda que quizais os críticos o fagan. Como se pode dicir que unha poesía é feminina e outra non? Se hai moitos poetas homes e ti non sabes que unha obra está feita por un home, por que non pode ser esa poesía feminina? Eu escribo e escribín poesía moi dura, como os Poemas inevitables que veño de traducir ao galego; e non se pode adxectivar como feminino, é poesía e para min non ten sexo. Non creo nesas divisións. Nun acto recente facía unha defensa dunha poesía sempre atravesada polo social.
– XC: Nun acto recente facía unha defensa dunha poesía sempre atravesada polo social.
– MCK: Penso que a poesía social foi importante hai anos e neste momento actual. Neste momento histórico precísanse cantar as mesmas cousas que entón. Non sei se temos ou non un retroceso político, pero estou certa de que o mundo está mudando, non sabemos se para ben ou para mal. Acabada de nacer eu foi a guerra de África, con nove anos vivín a guerra civil, despois a guerra europea, axiña Corea, Vietnam… estou vivindo unha guerra permanente. Cada vez que collo un xornal o primeiro que topas é unha traxedia e iso non pasou, está presente permanentemente e así o sinto. A fame, a xente fuxindo da súa terra… é o mesmo de hai anos. A paz? A pomba da paz foi destruída moitas veces, non existe. Un amigo dicíame que a nosa xeración deu mal resultado físico e é que vivimos sempre en estado de alerta. (…)
– XC: Participa e organiza recitais poéticos, é o xeito ideal de comunicación do poeta?
– MCK: Coido que si. É moi importante na poesía dar recitais e ten que haber un grupo que os organice durante o ano para concienciar a xente sobre o valor da poesía. Hoxe é a arte máis limpa: non se cobra, apenas se venden libros… Somos case os cartuxos da arte xunto con algúns compositores de música.
– XC: Vostede non escribe prosa?
– MCK: Escribín unha narración para nenos e recentemente outra pequena cousa. Non sería capaz de facer unha novela. Teño unha concepción restrinxida do que quero dicir para a que o poema me serve, mesmo o poema curto. Preciso condensar o que teño que dicir e nunha novela andaría perdida, poderíanme as personaxes e serían elas as que mandasen. (…)”
María do Carme Kruckenberg (1926-2015) – Vivir, unha aventura irrepetíbel
Finou María do Carme Kruckenberg, Socia de Honra da AELG
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer público o seu pesar polo pasamento da escritora María do Carme Kruckenberg, nomeada no ano 2006 Socia de honra pola Asemblea de Socios e Socias da AELG, da que foi vicepresidenta en 1986, termando da asociación coa valentía e a coraxe precisas, apostando firmemente por unha continuidade necesaria.
Os restos mortais da poeta foron trasladados ao tanatorio de Pereiró, na súa cidade natal, Vigo. Logo dunha breve cerimonia relixiosa e antes da súa incineración, celebrarase ás 18:00 horas de mañá domingo, 17 de maio, unha homenaxe cívico-poética na que amigas e amigos de María do Carme leran a súa obra.
Postais literarias
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Hai tradicións literarias que esmorecen. É o sino dos tempos. Unha das máis vizosas e que máis alegrías ten dado ás nosas letras é a dos envíos de postais de nadal contendo poemas. Houbo épocas en que foron moi frecuentes e, entre os vellos galeguistas, circulaban estas felicitacións preparadas en imprenta e adornadas con fermosas ilustracións.
Como homenaxe aos que fixeron grande esa tradición, recupero, pola Noiteboa, unha desas postais enviada como felicitación en 1961. O remitente e artífice da mesma foi o xurista Roberto González Pastoriza (Moaña, 1898-Vigo, 1985), amigo que foi de Castelao e Bóveda, un dos conselleiros na redacción do Estatuto de Autonomía nos tempos da República e persoeiro significado na vindicación política e legal da nosa identidade. O destinatario era o avogado e escritor Ramón González-Alegre (Vilafranca do Bierzo, 1920-Vigo, 1968), tamén el moi vinculado aos círculos galeguistas vigueses da Posguerra, importante activista cultural que promoveu voceiros fundamentais daquel tempo como a revista Alba ou a colección poética do mesmo nome.
A postal recolle tres poemas debidos ao propio González-Alegre, Celso Emilio Ferreiro e mais María do Carmo Kruckenberg. Van acompañados dunha simbólica ilustración da autoría do fillo mozo do remitente, Roberto V. González-Pastoriza Sanjurjo. (…)”
Manuscritos: María do Carme Kruckenberg (e III)
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.
Manuscritos: María do Carme Kruckenberg (II)
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.
Vigo: Homenaxe a Xela Arias, o martes 11 de marzo
Á procura dos trazos que nos describan
Con
este verso de Xela Arias nomeamos a homenaxe que a AELG lle quere render á autora en marzo deste ano 2014. Un verso que na súa expresión sintetiza toda unha declaración de intencións, pois é o noso cometido -como organización que representa as escritoras e os escritores galegos- recoller, profundar e transmitir os trazos que nos describen. Trazos ou a obra das escritoras e os escritores que constrúen esta casa de noso que é a literatura galega.
Homenaxear a Xela Arias é testemuñar que se tratou dunha autora singular para o seu tempo. É render homenaxe a unha voz única e a unha muller para quen a literatura foi un modo de vida. Unha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua.
É o momento de lembrar a Xela, unha década despois do seu pasamento, na cidade en que viviu, nas voces que darán a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía e música e plástica e creou arte. Xela poeta, tradutora, editora, docente… Xela comprometida alzando a súa voz contra a catástrofe do Prestige ou describindo a dor das desherdadas ou o amor das nais.
É o momento de facer memoria, lembrar os seus versos e transmitir ese herdo inmenso que é a súa obra. Sumando trazos que nos describen.
No acto poético-musical participarán:
– Manuel Bragado e Fran Alonso, director e subdirector de Edicións Xerais.
– María Xesús Nogueira, editora da obra de Xela Arias.
– Antía Otero e Marta Dacosta, poetas.
– Pilar Carro, promotora do certame poético Xela Arias do IES A Sangriña.
– Alba Cid, poeta premiada no certame Xela Arias.
– Virginia Barros, Directora do IES Álvaro Cunqueiro.
– Eduardo Estévez, tradutor de Xela para o español.
– Avelino González, actor.
– Ana Iglesias, escritora.
– Mercedes Queixas, en nome da AELG.
Darase lectura tamén ao texto escollido pola escritora María do Carme Kruckenberg.
A parte musical estará a cargo de:
– O grupo Xardín desordenado.
– O clarinetista Fernando Abreu acompañado da voz de Iolanda Zúñiga.
Contaremos tamén coa presenza da familia de Xela Arias, representada por Darío, fillo, e Xoán Arias, irmán.
A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.



