Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 25 de xuño

O 25 de xuño comeza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Inauguración. Pregón a cargo de María Xosé Queizán.
18:00 h. Elba Pedrosa asina O que non sabías, publicado por Xerais.
19:00 h. María Xosé Queizán asina Vivir a galope, publicado por Xerais.
19:00 h. Xina Vega asina Ninguén dorme, publicado por Laiovento.

María Xosé Queizán le un fragmento de Vivir a galope

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Vivir a galope por parte da súa autora, María Xosé Queizán, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Mario Regueira: “Galaxia influíu desde o literario e o político”

Entrevista de Tensi Gesteira a Mario Regueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): O libro Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966) parte da túa tese de doutoramento. Como foi o proceso de adaptación ao libro?
– Mario Regueira (MR): Os ritmos editoriais son pausados, así que houbo que facer unha pequena actualización bibliográfica con algunhas achegas que apareceron nestes catro anos. Tamén retiramos algúns capítulos de carácter máis técnico ou que apelaban á metodoloxía para que a obra se centrase na perspectiva histórica dun período concreto, que era editorialmente máis aconsellábel. En liñas xerais creo que foi unha adaptación moi acaída para un público máis amplo que o que tiña o proxecto orixinal.
– ND: Por que decidiches publicar o libro agora? Cres que a situación do libro galego actual permite estas reflexións?
– MR: A tese espertou o interese de varias editoriais e sempre é un engadido poder publicala, aínda que sexa neste formato. Finalmente saíu con Xerais por ser a miña primeira casa e unha das primeiras en comprometerse coa proposta. É certo que o ensaio, e especialmente o ensaio académico, está a levar a peor parte da crise do libro na Galiza, aínda así creo que é un eido necesario polo que hai que seguir apostando, tanto nos estudos galegos como nas temáticas xerais. Son malos tempos para a reflexión no campo editorial, pero se abandonamos ese eido, acabaremos lamentándoo.
– ND: Recolles no libro as primeiras experiencias editoriais galegas, mais o núcleo central é Galaxia, arredor da que estudas a construción do campo literario galego e as propostas autoriais que deron pé a consolidar a narrativa do país. De onde partes para apuntar esta idea e como se foi xestando?
– MR: O núcleo non podía ser outro que Galaxia, pois a súa influencia no devir do país sobordou o editorial e o literario e incluía tamén un proxecto político que, en certo sentido, trataba de continuar, aínda que moi alterado, o do Partido Galeguista. Sempre digo que o meu interese partiu dunha profunda fascinación pola literatura de posguerra (Méndez Ferrín, Queizán, Casal, Mourullo…) case desde a adolescencia. A pescuda paulatina do seu contexto foi camiñando parella á miña formación académica e conclúe con esta perspectiva diferente ás inercias dalgunhas explicacións que atopei sobre este momento histórico. (…)
– ND: Amais de escritor e poeta, exerces un importante labor como crítico literario. Como foi evolucionando esta profesión e cal é a situación hoxe en día?
– MR: A primeira cuestión sería en cantos casos pode considerarse unha “profesión”, pois é algo que segue a facerse principalmente desde o amateurismo, unha arma de dobre fío: non hai dependencias económicas pero tampouco hai, moitas veces, unha bagaxe para elaborar unha crítica competente. Conectándoo coa crise do ensaio que falamos antes, creo que son tempos difíciles para o pensamento crítico complexo. Vivimos nunha época na que a comunicación tende a basearse en proclamas e posicionamentos globais e cada vez custa máis facer entender os matices, as contradicións e os posicionamentos que foxen da simplificación. A crítica corre o risco (sempre viviu nel na Galiza) de converterse nunha simple ferramenta de marketing ou nunha forma de pagar favores persoais. A súa práctica, dentro destas dinámicas, é bastante complexa e moitas veces desalentadora.
– ND: Após ter estudado unha etapa tan importante da nosa historia, e desde o teu labor filolóxico, cal é o estado da literatura galega actual?
– MR: As cousas vense mellor en perspectiva, é por iso que historiar o presente sempre é un reto, especialmente cando formas parte tamén como actor literario dentro del. En liñas moi xerais podería dicir que a literatura galega non pode esquecer a súa situación subalterna e como parte dunha realidade nacional sometida. É un punto de vista que sempre está de fondo na nosa realidade e que choca moitas veces cos relatos da normalización que son, en si mesmos, un paradoxo. Se realmente estivésemos tan perto da normalidade non teríamos que estar celebrándoa constantemente. Dentro disto, teño moi poucos prexuízos: paréceme ben que a literatura diversifique as súas realidades, que aparezan xéneros, subxéneros e éxitos editoriais. Non me entusiasma tanto que o horizonte pareza ser unha forma distorsionada e inxenua doutros campos literarios completamente diferentes ao noso. (…)”

Eli Ríos: “Cando adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores”

Entrevista de Uxía Iglesias a Eli Ríos en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): A túa escrita é claramente feminista. É unha necesidade? Poderías concibilo doutro xeito?
– Eli Ríos (ER): Non creo que sexa unha necesidade. Ser feminista non é algo que escollas. Non podes dicir: ‘pois vou ser feminista de nove a nove e media’. É unha mirada, é unha forma de estar na vida, eu son feminista as 24 h da vida e en todos os aspectos da miña vida. É algo natural. A miña ten que ser unha escrita feminista porque é o que eu son. (…)
– GC: E no teu caso, cales foron e son os teus referentes?
– ER: O que lin no instituto foron sempre obras de señores. Medrei pensando que as mulleres non escribiamos. Eu vía a Rosalía, a única señora, e era unha Rosalía que sempre estaba chorando e queixándose de todo, e claro, a min interesábame ben pouco. Pero de repente comezas a facer todo este proceso, que leva o seu tempo… Raio! Somos a metade da poboación, estatisticamente é imposible que as mulleres non escribamos. Comezas a investigar, cousa que non é facil porque non está accesible, e descubres a Ursula K. Le Guin, descubres a Agatha Christie na novela negra… ‘Como non me deron a coñecer isto antes?’ Regresas outra vez sobre Rosalía e decátaste de que é a primeira feminista da nosa historia, de que está reivindicando a loita das mulleres e as nosas raíces.
No momento no que adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores, porque non me interesa. É sempre o mesmo, teñen catro clichés e non saen de aí. Interésame moito máis o que fan as mulleres porque escriben desde as marxes, dende unha posición de non privilexio. A partir de aí é dende onde se contan cousas que a min me interesan. Xela Arias, por exemplo, esa muller que di ‘intempériome‘. Como non a estudamos nos institutos? Como non chegamos á súa literatura? Paréceme aberrante. Todas as mulleres que escribiron antes ca a nosa xeración foron abrindo portas: María Xosé Queizán, María Vitoria Moreno, Xohana Torres, a inmensa Begoña Caamaño. Todas elas son mulleres que nos facilitaron o camiño e nos ofreceron referentes ás autoras de hoxe. Non seriamos nada sen o traballo das compañeiras. (…)
– GC: E como está de saúde o mundo literario?
– ER: Eu traballo nas marxes, con mulleres. Nesas marxes o sistema literario é vizosísimo. Estanse facendo traducións feministas, textos que rompen con todo o anterior, xa sexa na forma e no contido. O resto? Non me interesa o sistema literario que fala sempre do mesmo. Creo que hai un mercantilismo atroz que vai acabar con nós, que nos vai autoconsumir. Estámoslle prestando moitísima atención ás campañas de marketing, e un dos que máis funciona é o do feminismo. Ti poslle a un libro a etiqueta de feminismo e parece que xa está todo feito, cando o contido está dicindo exactamente o mesmo: hai un señor que me explica cousas. Ese mercantilismo, ese sacar produtos porque si, vai acabar con nós, converteranos nun panfleto. Precisamente nas persoas que están creando nas marxes está o futuro da literatura galega. (…)”

Crónica videográfica da Gala do Libro Galego (VII)

A Gala do Libro Galego 2019, actividade conxunta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 11 de maio de 2019, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Premio Honorífico á Editora: María Xosé Queizán (recollen Marga do Val e Manuel Bragado).

Premio Honorífico á Libraría: Antonio Fernández Maira.

Escritora Galega Universal: Maria Teresa Horta.