“Nestes tempos convulsos para o noso país, que mellor que reivindicarmos a ousadía de Rosalía”

Artigo en Sermos Galiza:
“A Casa da Matanza, en Padrón, acolle este domingo a partir das oito do serán a conmemoración dos 127 anos do pasamento da poeta silenciada. Música, versos e discursos ao redor da súa figura farán parte do acto organizado pola fundación que leva o seu nome. Falamos con quen a preside, Anxo Angueira.
“É inmortal, segue a falarlle ao pobo galego xeración tras xeración, e aínda hoxe di cousas novas”. Quen fala é Anxo Angueira, un rosaliano por convencemento e de paixón que leva mes e medio á fronte da fundación que leva o nome da poeta silenciada. Se ben lembra que “a súa figura e o seu discurso pasaron por distintas épocas”, recoñece o profesor a beatificación oficial que se fixo de Rosalía, desposuíndoa do perfil arisco, espiñento. E reméxese en contra. “A sacrilización ou canonización da autora impediu ver o perfil máis activo, mais este discurso foi mudando”, incorporando a lectura social, política, feminista e estética. “Os redutos onde fica a idea da Rosalía nai e santiña son xa moi escasos”. (…)

Programa do acto na Casa da Matanza. 15 de xullo, 20:00 horas:
A palabra de Rosalía. Declamación de Ana Blanco.
– Xesús Alonso Montero.
– Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Poetas con Rosalía: Xavier Rodríguez Baixeras, Marica Campo, Cándido Duro, Mario Regueira, Lorena Souto e Dores Tembrás. Presenta Dolores Vilavedra.
– Actuación de Najla Shami, que interpretará pezas musicais con letra de Rosalía de Castro.
– Peche do acto: o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira Viturro.

Crónica posterior no mesmo medio, Sermos Galiza.

Universidade do Minho, Braga: I Jornadas Galiza mais perto, os 14 e 15 de xuño

O Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, en colaboración coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega -con patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística-, organiza as I Xornadas Galiza máis perto, que decorrerán os días 14 e 15 de xuño na Universidade do Minho.
O obxectivo será procurar áreas de converxencia relativas ás matérias abordadas (literatura, lingua, música…) e aproximar dúas realidades que partillam unha historia, unha lingua e unha cultura: a Galiza e o Norte de Portugal.

PROGRAMA

14 de Junho:
9h.30. Sessão de abertura.
10h.00. AELG: 30 anos a escrever a história recente da literatura galega (Mercedes Queixas, Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega).
10h 45. Sombras e luzes: unha aproximação á historia da literatura galega (María Vilariño, Universidade da Coruña).
11h. 30. Café.
11h. 45. Resistencia política na narrativa galega contemporánea (Mario Regueira, Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega)
12h. 30. Almoço.
15h. 00. Mesa redonda: A literatura galega e portuguesa hoje com:
* Mario Regueira (Escritor galego).
* Lorena Souto (Escritora galega).
* Marta Gomes (Escritora portuguesa).
16h. 30. Em conversa com a Mafalda Arnauth.

15 de Junho:
10h. 00. Galegos, galego-portugueses ou espanhóis? Questões de imagem (Carlos Pazos, Universidade do Minho).
10h. 45. Café.
11h. 00. Mesa: A língua galego-portuguesa através da sua historia:
* Panorama histórico sobre a língua galega (Xoán López Viñas, Universidade da Coruña).
* O galego nos textos metalinguísticos portugueses (séculos XVI-XIX) (Sónia Duarte, Universidade do Porto).
12h. 30. Almoço.
14h. 30. Eurorregião Galiza-Norte de Portugal: novas oportunidades financeiras, económicas e sociais (Artur Jorge Barroso, Universidade do Minho).
15h. 15. A tradição oral galego-portuguesa (Emilio Cambeiro, Universidade Nova de Lisboa).
16h. 00. Música galega: Intervenção, normalização e desleixo (Alberto Pombo, Universidade de Estremadura).

A inscrición (para recibir certificado de presenza) é gratuíta e pódese formalizar na web ou neste mail de contacto: ceg@ilch.uminho.pt

Santiago: presentación de Ellis Island, de Georges Perec

O xoves 7 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a edición galega de Ellis Island, de Georges Perec, traducido por Eduardo Estévez, publicado por Franouren. No acto, xunto ao tradutor, participa Mario Regueira.

MicroQontos para ler entre tweet e tweet

“Daniel Landesa creou hai un tempo un certame de microrrelatos no seu blogue. A iniciativa tivo éxito e nela participaron moitos internautas, e entre eles algúns escritores e escritoras recoñecidas, coma Mario Regueira, Rubén Ruibal ou Fran Castiñeira. O resultado do certame foi un pequeno blog que facía un compendio de todos eles e que, a día de hoxe, segue en liña para quen o visiteOfrecémosvos un breve libro que compendia todos aqueles contos, exemplos dunha cultura cativa e orgullosa de selo, porque “como cultura cativa facemos moito e ben”. Iso é o que explica o propio Landesa no limiar do libro, que engade que “non termos unha British Academy permítenos certa liberdade de acción, innovación e orixinalidade. E, sobre todo, permítenos, como culturiña que somos, achegar moitas cousiñas fermosas, cativeces que supoñan pequenos proxectos. Porque todo suma. Así naceu este certame na rede. Como forma de demostrar a aqueles que din que esta nosa pequena cultura só sobrevive a golpe de talonario administrativo que están errados, moi errados”. O cerne do asunto consistía en convocar un certame sen gañador, sen premio en metálico, “sen xantares nin festas”. O resultado foi este conxunto de pequenas belezas a modo de microrelato que foron caendo pola rede en pingas salferidas ao longo dos últimos meses do ano 2009 e dos primeiros do 2010 como unha auga fresca e libre desa chamada “creación subvencionada”. (…)” Vía Praza.

Santiago: actividades destacadas do 1 e 2 de maio na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do martes 1 e mércores 2 de maio son as seguintes:

* Martes 1:
20:00 h. Mesa redonda: Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Ao final do acto, os autores asinarán exemplares dos seus libros.

* Mércores 2:
18:30 h. Presentación do libro Por un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega, publicado por 2.0 Editora. Participan no acto Martiño Noriega e Manuel M. Barreiro.
19:00 h. Presentación do libro O silencio, de Mario Regueira, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Arturo Casas e Manuel Bragado.
20:00 h. Presentación de Dark butterfly de Rexina Vega. Intervirán: Armando Requeixo, Rosa Enríquez, Manuel Bragado e a autora

Ferrol: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira, na Feira do Libro

O sábado 21 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), onde, a partir das 19:00 horas, Mario Regueira falará sobre a súa novela Outono aquí, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do último premio Lueiro Rei. No acto estará acompañado por Verónica Martínez Delgado.

Mario Regueira: “A cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional”

Entrevista a Mario Regueira en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LO): “A sorpresa do lector non diminúe malia a dosificación da traxedia, o que fala moi a favor das boas artes do autor”, afirma unha crítica asinada por Inma Otero. Era a novela curta [Outono aquí] o mellor xeito de manter a tensión narrativa ao longo de toda a obra?
– Mario Regueira (MR): O termo “novela curta” é moi útil a nivel informativo pero non deixa de ser bastante relativo, como case sempre que falamos de xéneros ou subxéneros literarios. Esta novela anda preto en dimensións da anterior, que nunca foi cualificada de curta, e algunha amiga fíxome notar que con dous capítulos máis podería competir sen problemas nun premio de novela longa. Nese sentido, non diría que foi pensada á mantenta como curta, e aínda que é certo que cada dimensión narrativa esixe a súa propia arquitectura, non creo que a tensión narrativa sexa máis doada de conseguir nos percorridos curtos, só que as técnicas para lograla son diferentes. (…)
– LO: A miúdo debátese sobre a necesidade de internacionalizar a nosa literatura. Aínda que houbo algúns casos puntuais, os intentos por entrar nos mercados máis próximos (mesmo no Estado Español ou Portugal) apenas deron resultados. Que é o que falla á hora de darnos a coñecer fóra?
– MR: Fai falta existir. Hoxe por hoxe a cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional, que ningunha das iniciativas pasadas conseguiu aminorar. Fóra do noso país non somos practicamente coñecidos e así é moi difícil suscitar algún tipo de interese, e moito máis cando o que queremos poñer nos mercados son as nosas historias. Non serei o primeiro galego que, ao ver que non escribía en castelán, lle preguntaron no estranxeiro se era vasco ou catalán e tivo que explicar durante un bo anaco que non era ningunha das dúas cousas. Anécdotas coma esta, que se repiten nos países máis variados, deberan facernos pensar que vascos e cataláns existen, e nós estamos, para a maioría da xente, fóra da ecuación. E iso aínda en contextos, como o portugués, que deberan sernos naturalmente favorábeis. (…)
– LO: Outro dos debates candentes é a irrupción de novos formatos (libros dixitais), fálase moito sobre unha realidade que está aquí pero á vez semella que o sector (editores, autores, mesmo lectores) está como agardando acontecementos.
– MR: É moi frustrante a posición da maior parte dos axentes culturais galegos sobre este tema, especialmente porque o noso contexto cultural nunca se caracterizou por ser conservador nin temeroso ante os cambios. Porén, é como se a transición do libro obxecto ao libro dixital espertase fantasmas agochados e paralizase á maior parte das persoas que teñen que protagonizar o cambio. Guste ou non, os formatos dixitais acabarán tendo un papel moi importante no futuro, un papel que aínda se está definindo pero do que a cultura galega non pode quedar fóra. O estatismo, cautela, ou temor de moitos destes axentes o único que fará é que queden fóra dun cambio que se producirá de todas formas, mesmo pasando por riba deles. (…)”

Vigo: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira

O xoves 12 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participará María Lado.

Santiago: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira

O venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participan Marilar Aleixandre e Ánxela Gracián.